Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




A Recuperación do "Auto de la Quinta Angustia"

Data: 4 de abril 2016

Alá pola década dos sesenta do pasado século a Semana Santa de Pontevedra contaba, dentro da súa programación, coa representación por parte dos alumnos dos Institutos do Auto de la Quinta Angustia, obra de Joan de Timoneda.

Este autor nacera en Valencia entre 1518 e 1520, ademais da súa faceta de escritor e dramaturgo foi un destacado editor. Ata o ano 1547 foi zurrador de peles, ese mesmo ano monta unha librería, tempo máis tarde ampliaría o negocio a unha editorial. Das súas edicións sobresaen a divulgación das obras de Lope de Rueda, Alonso Vega ou Juán de Vergara, entre outros; tamén compilou poesía popular.

Como escritor narrativo destacan tres coleccións de contos, aínda que tamén compuxo poesía trobadoresca e teatro relixioso; a este último campo pertencen os seus oito autos, compilados nun Ternario Spiritual (1558) e dous Ternarios Sacramentais (1575). O Auto de la Quinta Angustia foi incluído no Ternario de 1558. Estas pezas teatrais son antecedentes e clara influencia dos grandes autos sacramentais que chegarían tempo despois, sobre todo da man de Calderón de la Barca. Joan de Timoneda escribiu a maioría da súa obra en castelán, aínda que tamén compoñería en valenciano; foi un escritor de varios xéneros, o que lle outorga unha especial significación dentro da nómina de autores do século XVI; fixo da literatura paixón e máis negocio. Morrería en 1583 na súa Valencia natal.

A tradición popular acabou por deixar en sete as Dores da Virxe María durante a Paixón do seu fillo: Profecía de Simeón ou Circuncisión de Cristo, Fuxida a Exipto, Pérdida de Xesús no templo de Xerusalén, Encontro co seu fillo no Via Crucis, Crucifixión de Xesús, Descendemento de Xesús aos brazos da súa nai, Sepultura de Xesús e soidade de María. Así pois, a pesares de que soe ser a sexta na relación, a Quinta Dor ou Angustia estaría representada polo corpo morto de Cristo nos brazos da nai, no que iconograficamente coñécese como Piedade. Esta imaxe gozará de fama na arte sacra e tamén servirá de advocación a numerosas confrarías repartidas por toda a xeografía española.

O Auto de la Quinta Angustia foi incluído no Ternario de 1558. Estas pezas teatrais son antecedentes e clara influencia dos grandes autos sacramentais que chegarían tempo despois, sobre todo da man de Calderón de la Barca.

 

Coa fundación en 1952 da Confraría do Espírito Santo –os seus estatutos serían aprobados en 1953– por parte de Xosé Filgueira Valverde e outros membros do claustro de profesores do Instituto de Pontevedra, a Semana Santa da cidade do Lérez adquiría unha nova Irmandade conformada por alumnos e ex alumnos do centro de ensinanza. Esta confraría participaría dende o berce en numerosos actos de carácter litúrxico nos templos da cidade, ademais das procesións ás que concorría o Xoves e Venres Santos. Unha destas actividades era a escenificación do Auto de la Quinta Angustia.

Rastrexando nos programas da Semana Santa de Pontevedra atopámonos co anuncio da representación nas Ruínas de San Domingos o ano de 1960 ás 10:45. A Imprenta do Fogar Provincial sacou, a súa vez, invitacións ao evento, nelas pódese ler:

AUCTO DE LA QUINTA ANGUSTIA. Aucto muy devoto y contemplativo sobre el descendimiento de la cruz y angustia q. Passó la sacratisssima Virgen María Madre de Dios al pie de la cruz. Nuevamente compuesto y añadido y mejorado por JUAN TIMONEDA (c. 1520-1583). Represéntanlo alumnos de la cátedra de Literatura del Instituto e ilústranlo sus Cantores.

 

En posteriores edicións a hora variaría, sendo algún ano ás 8:45 ou, noutros, ás once da noite. Tamén pódese consultar os programas das «Representacións da Paixón» –dentro do Ciclo da Coaresma e a Semana Santa– no belido marco do antigo cenobio dominico. Nestes panfletos vemos como ademais de fragmentos do Auto de la Quinta Angustia de Timoneda tamén se representaba, no Domingo de Ramos e no Luns Santo,  oAuto de las Donas que envió Adán a Nuestra Señora con San Lazaro (Códice de Autos Viejos, século XVI) e fragmentos do Auto de la Pasión, de Lucas Fernández (1474-1542). Estas escenas víanse complementadas con ilustracións musicais a cargo dos Cantores dos Institutos os cales levaban a cabo numerosas actuacións durante a Semana Maior, e non só en Pontevedra senón tamén noutros lugares no ámbito galego ou estatal.

A imaxe utilizada durante a representación do auto era a do Cristo da Expiración. Trátase dunha imaxe articulada, actualmente exposta ao culto no Convento de Santa Clara, sendo un depósito do Museo Provincial de Pontevedra. A súa feitura e barroca, podéndose encadrar no século XVII. Dende o ano 2011 incorporouse á Procesión dos Pasos, no Xoves Santo, acompañada pola Confraría da Vera Cruz e Misericordia.

Antiga representación do «Auto de la Quinta Angustia» Imaxe: Arquivo do Instituto Sánchez Cantón (Foto: Rafa).

Moitos foron os rapaces que participaron neste tipo de actividades relixiosas e culturais, onde un instituto modelo rexido polo polígrafo Filgueira deu pé a unha confraría, a do Espírito Santo, que aínda hoxe recolle tradicións implantadas dende aqueles tempos.

Chegamos así a actualidade, sendo este ano de 2016 o da recuperación do Auto de la Quinta Angustia por parte da Agrupación Teatral Santa María a Maior. O grupo, dirixido por Mundo Sánchez, foi creado en Marzo de 2015 e a súa primeira actuación foi o Venres Santo dese mesmo ano na Basílica de Santa María. A día de hoxe o grupo conta con vinte e unha persoas entre actores, actrices e membros que se ocupan da técnica e o vestiario. Coa representación en Santa María do auto de Timoneda para o día 25 de Marzo –Venres Santo– celebran o seu primeiro ano de existencia e recuperan unha fermosa tradición vinculada a nosa cidade. Esperemos que sexa a primeira de moitas outras edicións.

(Artigo publicado no Diario de Pontevedra  o 25-III-2016)


Comparte este Artigo!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo