Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




Descubrindo A Filgueira

Data: 6 de febreiro 2016

Filguiera Valverde nun debuxo de Antón Pulido

Moito se leva falado dende a elección, por parte da Academia, de adicar o Día das Letras Galegas deste ano á figura do pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Moito se escribiu sobre as luces e as sombras dun personaxe extraordinario que xera polémica arredor da súa traxectoria vital, salvo nunha cousa onde todo o mundo parece estar de pleno acordo: a súa condición de sabio –a palabra máis empregada é a de polígrafo–, pola cal nada relacionado con Galicia le era alleo. Unha dedicación plena pola cultura do seu país que a priori debería de ser mostra máis que suficiente do seu compromiso con el. Unha obra escrita prodixiosa en volume e calidade que moi poucos –diría que ninguén, salvo Otero Pedrayo– poden igualar. Exerceu moitos cargos de gran responsabilidade no ámbito da cultura e a súa protección e obtivo incontables distincións.

E sen embargo, como ninguén pode deixar de ser fillo do seu tempo, a Filgueira perséguenlle vetustos pantasmas de tráxicos sucesos por todos coñecidos. A certos «feitos» agárranse algúns, sen a distancia e a comprensión necesaria que precisa o analizar un tempo non vivido, para arremeter contra a decisión da Academia Galega. Coido que a figura de Filgueira Valverde chegou a sufrir «bullying» por parte de aqueles que incluso propuxeron non ensinar a súa vida e obra nas escolas. Eses son os mesmos quen non se dignan a ler, informarse ou escoitar, e só fan ruído inútil. Porque o debate, sendo unha cousa boa, só se dá cun coñecemento previo sobre o tema. Con Filgueira non se produciu, polo menos por parte de algúns que se alzan en voz da conciencia dun tempo que non coñeceron e tampouco, paréceme, saben analizar. Sexa! Lonxe da miña intención a de querer convencer a ninguén. Remito ás conferencias que se están a celebrar durante todo o ano e aos magníficos estudos publicados sobre Filgueira a quen queira afondar na realidade das cousas; nunha vida e nunha obra chea de circunstancias, matices, paixóns e, ante todo, traballo incansable.

Eu prefiro recordar como foi o meu encontro con Filgueira a trabes da súa obra, e como segue a ser un constante descubrimento nas miñas lecturas. Filgueira entra sen chamar en todo sitio onde se estea a tratar de literatura, historia, arte, arqueoloxía, música, filoloxía, antropoloxía, epigrafía, bibliografía… alí onde se fale de Pontevedra, Compostela… de Galicia.

De cativo xa sabía que Don Xosé era unha persoa importante na miña cidade –máis tarde descubriría que realmente érao en toda Galicia e mesmo fora dela–, que era un erudito o cal dirixira o Museo que tanto me gustaba. Non lembro que foi o primeiro que lin del, se cadra algún artigo da revista do Museo de Pontevedra ou dos seus afamados adrais. Na medida que a miña curiosidade facíase máis intensa iría descubrindo que a man de aquel home estendíase por tódolos campos polos que eu «paseaba»; abraiábame –segue a facelo– a cantidade de temas dos que tiña escrito, esa capacidade de poder opinar con autoridade en calquera ámbito cultural, de ser referencia constante nos traballos de outros. Tal «omnipresenza» parecíame atributo dunha especie de súper-heroe das letras. Falaba de lírica medieval galega, de artistas e obras de arte, dos libros vellos e novos, das xentes, da música culta e da tradicional, dos acibeches, das lendas, das liñaxes fidalgas, dos canteiros e os oficios populares, etc.

Sobre Pontevedra o coñecemento de Filgueira é desbordante. A súa cidade adicou moito do mellor da súa produción literaria. Non resulta doado ollar para algún elemento do patrimonio da nosa cidade que o «vello profesor» non analizara con anterioridade: a fonte da Ferrería, a Basílica de Santa María, o museo, as grandes construcións pero tamén as leves pegadas de restos esparexidos polo casco histórico. Elaborou importantes guías de Pontevedra, tamén de Santiago de Compostela, onde da cabida a elementos que espellan o seu estilo docente e o seu cariño infindo á cidade. Porén, a súa vasta cultura non se detiña nas pedras se non que ía mais aló. Ninguén coma el para coñecer a historia do Gremio de Mareantes; dos grandes personaxes que tiveron que ver con Pontevedra da boa conta na súa espléndida obra «Pontevedreses Universales» reunida e editada en tres tomos. Pero o ollar insaciable de Filgueira abranguía tamén aos artesáns, aos prelados e párrocos, ás xentes anónimas de séculos pasados que só el sabía traer á memoria dunha cidade.

Sobre Pontevedra o coñecemento de Filgueira é desbordante. A súa cidade adicou moito do mellor da súa produción literaria.

Á investigación sacrificou a súa faceta de creador literario, que aínda que breve non carece de interese. Recórdome desfrutando lendo «Quintana Viva»… “porque un santo labrado na pedra ten dous nomes, o da pedra e máis o do santo…”coido que dicía nunha das páxinas. Escribiu «O Vigairo» inspirándose nos antigos mareantes de Pontevedra, unha farsa titulada «Agromar» que estreou o grupo Arume fai moi poucos días no museo con motivo dos actos da homenaxe, e mesmo poesías sobre o mar feitas ao «modo antico».

Se ao celebrar o Día das Letras Galegas celebramos unha literatura, unha obra como legado, un traballo enfocado ao ser galego, non se me ocorre maior merecedor que a Don Xosé. Celebrar a obra de Filgueira Valverde é celebrar a Galicia.

 

Para saber máis:
– ALONSO MONTERO, X.: Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, Xerais, Vigo, 2015.
– VV. AA.: Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un século de Galicia, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2007. (Catálogo da exposición).
– Ó Dr. Filgueira Valverde. Nos seus noventa anos (1906-1996) Bibliografía. Traballos. Eloxios. Preparada por M. Jesús Fortés Alén. Caixa de Aforros de Pontevedra, 1996.
– http://filgueiravalverde.gal/

 

 

 

 


Comparte este Artigo!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo