Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




O Valle Inclán Pontevedrés

Data: 20 de outubro 2016

Escultura de Valle-Inclán en Pontevedra (Imaxe: Mateo Fontán Couto)

A escultura de Valle-Inclán sita na Praza de Méndez Núñez goza de moita atracción entre os visitantes da nosa cidade. É común atoparse a alguén fotografándose con ela; do mesmo xeito, a estatua posúe sona entre os pontevedreses e, as veces, engalanase para as festas ou «se viste» con motivo artístico, publicitario ou reivindicativo. Lamentablemente, o monumento a este xenio das letras tamén foi vítima de agresións en varias ocasións, pois e sabido que de todo hai na viña do Señor.

A obra foi realizada en bronce por Cesar Lombera, inaugurada en 2003. Este autor tamén fixera a escultura do mesmo personaxe que se atopa sentada nun banco no paseo da Ferradura en Santiago de Compostela. Por isto, ámbalas dúas estatuas amosan unha feitura moi parecida. Valle-Inclán amósase xa maior, con traxe, longa barba , lentes, e sen o brazo esquerdo perdido nunha disputa no café de la Montaña de Madrid. A figura de Pontevedra ademais leva bastón e sombreiro; móstrase como saíndo da casa dos Muruáis, onde o escritor acudía habitualmente á tertulia que alí se celebraba e a desfrutar da magnífica biblioteca –sobre todo de literatura francesa– conservada neste importante fogar da época.

A figura de Pontevedra ademais leva bastón e sombreiro; móstrase como saíndo da casa dos Muruáis, onde o escritor acudía habitualmente á tertulia que alí se celebraba e a desfrutar da magnífica biblioteca –sobre todo de literatura francesa– conservada neste importante fogar da época.

 

Unha época aquela –último cuarto do século XIX– especialmente dourada para Pontevedra, sendo unha cidade de relevancia no plano político e cultural. O ambiente na «voa vila» mudara tanto na súa faciana física ou urbana como no ambiente de acción cultural reflectido nas festas ou na creación de importantes institucións nos planos da educación ou a investigación. Ademais contábase cunha nutrida colección de publicacións periódicas de diversa índole, saídas do prelo das importantes imprentas pontevedresas. A isto, cabe engadir a nutrida nómina de personaxes de extraordinaria valía intelectual e capacidade de traballo.

Ramón María del Valle-Inclán veu a Pontevedra a realizar o bacharelato no curso 1877-1878, obtendo o grao no exercicio 1893-1895 (realizaríao entre Pontevedra e Santiago). Entre 1888 e 1890 prodúcese outra estadía na cidade do Lérez por parte do xove Valle. Unha nova etapa viría en 1892, ano no que tamén realizará a súa viaxe por América –México e Cuba–, transcendental na biografía do escritor. É agora cando comeza a escribir en diarios da cidade ou a dar charlas como a que ofreceu sobre ocultismo, tema ligado á complexa personalidade do persoeiro. Unha derradeira época na nosa cidade situaríao entre 1893 e 1895; neste último ano publica a súa primeira novela «Femeninas» na imprenta Andrés Landín e prologada por Murguía, fito importante do que Pontevedra pode oufanarse. Mais adiante, Valle-Inclán instalarase en Madrid. A placa na súa casa da praza das Cinco Rúas recórdanos a estadía deste singularísimo personaxe na nosa cidade.

Cesar Lombera, tamén fixera a escultura do mesmo personaxe que se atopa sentada nun banco no paseo da Ferradura en Santiago de Compostela.

 

Escultura de Valle-Inclán en Santiago de Compostela (Imaxe: Antón Rey)

Sempre que paso por diante da escultura de Valle-Inclán en Pontevedra non podo evitar pensar en que a imaxe que representou Cesar Lombera non se corresponde coa que o escritor posuía en aquela etapa da súa vida. Sen dúbida, trataríase dun Valle mais novo, con barba longa aínda que seguramente menos pronunciada, podendo vestir con poncho e sombreiro charro –como influencia da súa viaxe a América– e mantería os dous brazos. Puiden comprobar nunha contraportada de Ramón Rozas no Diario de Pontevedra que, por suposto, non era o único que tiña esa impresión. Con todo, a icona de Valle-Inclán foi dende moi cedo representada, debuxada e caricaturizada infinidade de veces, sendo un tema sobre o que se ten traballado con profundidade –como moitos outros relacionados co escritor e o personaxe– alén da elaboración de mostras e exposicións. Este ano conmemórase o 150 aniversario do nacemento deste xenio universal, cómpre non esquecer o seu legado así como a súa apaixonante –e novelada– biografía.

Para saber mais:

(Aparte das moitas biografías e da propia obra do autor)
– ROZAS, R.: «Sonata de estío», La vida en un hilo (contraportada do Diario de Pontevedra 20-7-2013)
– NÚÑEZ SABARÍS, X.: Valle-Inclán en el fin de siglo: Femeninas, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2005
– SERRANO ALONSO, J., DE JUAN BOLUFER, A.: Valle-Inclán dibujado/debuxado. Caricaturas y retratos del escritor (1888-1936), Catálogo da exposición no Museo de Pontevedra, 22 de outubro ao 15 de novembro de 2009.
– VV.AA.: Valle-Inclán e Pontevedra, catálogo da exposición no Pazo de Mugártegui, 15 de xaneiro ao 27 de febreiro de 2003.
– VV.AA.: Retratos de Valle-Inclán, Catálogo da exposición no Museo de Pontevedra, 28 de outubro ao 11 de decembro de 2011.


Comparte este Artigo!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo