Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




Sobre primeiros Castrexos e algunha moura: O Castro das Croas

Fecha: 17 de febreiro 2016

Foto: Inicio dos traballos no Castro das Croas en Salcedo. 2014. (fotografía sacada de www.lavozdegalicia.es)

Sito en Salcedo no lugar de Birrete, o Castro das Croas é o asentamento humano máis antigo do municipio de Pontevedra. Son varios, porén, os atractivos arqueolóxicos, artísticos e etnolóxicos que podemos descubrir nesta histórica parroquia, a cal chegou a ser Concello: o pazo de Gandarón, a Misión Biolóxica de Galicia, os muíños de O Batán, a igrexa de San Martiño, a capela de San Brais, o cemiterio, petróglifos… todo rodeado dunha suxestiva natureza. O miradoiro de Matalobos, sobre a cidade de Pontevedra, era un dos lugares preferidos por Castelao, deixando nel unha pegada que inmortalizaría, dende o exilio, nun fermosísimo texto xa coñecido como ¡Meu Pontevedra! 

Os habitantes destas terras eran moi conscientes, dende tempos prehistóricos, da coñecida como depresión meridiana: unha disposición natural apta para a construción de redes viarias. O itinerario da vía romana XIX, que unía Bracara con Lucus, pasaba por esta grande liña de fracturas que vai de norte (Carballo) a sur de Galicia (Tui). Froito disto, sería a aparición do primeiro núcleo urbano de Pontevedra: Turoqua.

Entraría, este xacemento, na nómina dos máis antigos de Galicia, dentro da primeira fase da cultura castrexa, con uns 2600-2700 anos de antigüidade.

O Castro das Croas ocupa un lugar de privilexio tanto para as zonas de cultivo coma para o dominio visual do tránsito de mercadorías e persoas a carón do río Tomeza, ademais mantería unha visión de contacto con outros castros próximos; se ben, temos que entender que a vexetación sería moi diferente a actual e o clima sería máis duro. Entraría, este xacemento, na nómina dos máis antigos de Galicia, dentro da primeira fase da cultura castrexa, con uns 2600-2700 anos de antigüidade. Outros tamén moi antigos son os de Torroso en Mos ou o de Penalba en Campo Lameiro. Unha das características construtivas deste primeiro momento cultural é o polimorfismo; ou sexa, que os poboados presentan diferencias entre si, tanto nas súas construcións domésticas como defensivas. Trátase dun momento de transición entre a Idade do Bronce e a do Ferro; andavía non podemos falar dunha uniformidade dentro da cultura castrexa, esta uniformidade empezará a evidenciarse no século V a. C. O castro, dunha hectárea de extensión, presenta unha croa —parte máis elevada do poboado— e dous recintos con terrapléns defensivos; o primeiro ten forma oval, mentres que o segundo, localizado na zona oriental, trátase dun aterrazamento con restos dunha poderosa muralla sobre o terraplén. Foron os comuneiros —da Comunidade de Montes de Salcedo— os que descubriron os restos do poboado en 1991. En 1992 Víctor Barbi e seu equipo foron os primeiros en escavar, durante dez días, no castro. En 1993 acometeuse unha escavación dirixida por Antonio de la Peña Santos, arqueólogo do Museo de Pontevedra, con motivo da construción da autoestrada AP-9. Apareceu un tramo da muralla e unha estrutura. O especialista teorizou coa posibilidade de que se tratara dun castro en construción, e que nunca se chegara a habitar. No pasado ano 2014 emprendeuse outra nova escavación, auspiciada polo Concello e outros organismos e asociacións, dirixida por Eduardo Méndez. Foi nesta ocasión cando se puido profundar un pouco máis sobre as impresións da anterior intervención. Nesta ocasión, con maiores posibilidades tanto tecnolóxicas como de tempo e estudio, os achádegos realizados deron á luz a dúas estruturas anexas, de posible reforzo á muralla, que nos falan ata o de agora dun mesmo momento de ocupación; un enlousado no exterior dunha cabana e restos materiais cerámicos, líticos (pedras de moer) e antracoloxicos (carbóns e madeiras carbonizadas). Tamén se enviaron mostras para análises polínicos e de cronoloxía por medio do Carbono 14. Existe na extensión do castro, un gran bloque monolítico ciscado no chan, no cal algún estudoso quixo ver unha posible pedrafita ou menhir. O proxecto —ambicioso na posta en valor e difusión dos restos— ten pensado continuar coas escavacións en futuras campañas; delas poderemos tirar, con seguridade, moitos máis secretos deste vello castro.

En 1992 Víctor Barbi e seu equipo foron os primeiros en escavar, durante dez días, no castro. En 1993 acometeuse unha escavación dirixida por Antonio de la Peña Santos, arqueólogo do Museo de Pontevedra, con motivo da construción da autoestrada AP-9. Apareceu un tramo da muralla e unha estrutura.

 

Unha antiga lenda fala dunha moura que vive baixo o Castro das Croas nun palacio. Esta agochaba tesouros e aparecíase ás persoas que levaban o gando, coas cales pactaba riquezas por comida; ademais esixía o seu silencio sobre o que habían visto. Pero as mulleres dos homes que viran á moura conseguían que estes lle contaran o sucedido, tralo cal a desgraza caería sobre eles. Evidencian este tipo de lendas a sociedade de tipo patriarcal que imperaba no rural galego, onde as mulleres son vistas como causantes de males, consecuencia dun marcado machismo. A lenda fora recollida por José Casal e Lois —gran erudito pontevedrés— e tamén foi publicada por Murguía na súa afamada obra Galicia, polo que trátase de unha das lendas de maior popularidade da nosa terra.

 

 


Comparte este Artigo!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo