Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




Tres Curiosidades Na Fachada De Santa María

Data: 23 de setembro 2016

Foto: San Xerome. Imaxe: http://megaconstrucciones.net/

Sobre a fermosura da Basílica de Santa María de Pontevedra se ten escrito moito –aínda que diría que nunca de abondo– e máis en concreto acerca da impresionante fachada principal, verdadeiro retablo pétreo de sabor renacentista e formas similares ao Hospital Real de Santiago, primeiro edificio deste estilo realizado en Galicia. 

Moitos foron os autores e intelectuais que louvaron o belido desta obra encargada polo poderoso Gremio de Mareantes aos artistas Cornellis de Holanda e Joan Noble, –Begoña Fernández fala dunha terceira man na execución, a dun «Mestre Borgoñón»–.

Neste verdadeiro libro inscrito no granito podemos salientar multitude de aspectos formais, artísticos, iconográficos, etc. Fixémonos hoxe en tres estampas curiosas que a conforman:

  • San Xerome, o santo con lentes: no primeiro corpo da fachada, na derradeira rúa do lado da Epístola, representase a este Doutor da Igrexa Romana nado en Estridón, na rexión de Dalmacia –actual Croacia– sobre o ano 340. Foi anacoreta durante un período da súa vida (353-358); tras isto, o Papa Damaso I convérteo no seu secretario e faille o encargo da tradución da Biblia ao Latín (A Vulgata), feito este polo que é máis coñecido. Como gran tradutor que foi, San Xerome é o patrón dos que se adican a esta nobre tarefa así como dos bibliotecarios. Morrería no 420 nun mosteiro preto de Belén.

Na representación que podemos apreciar na basílica o vemos sentado nunha cátedra e lendo sobre un atril coas características lentes a pesar de que estas serían inventadas por Roger Bacon con posterioridade (principios do século XIII); presenta outros atributos como o crucifixo ou a caveira en recordo do seu período de anacoreta. Aos seus pés pódese ver a un león que fai referencia a unha lenda segundo a cal este animal acompañaríao alí a onde fose tras que o santo o librara dunha gran espiña que tiña incrustada na pata, sen embargo esta episodio lendario parece ser que lle ocorreu a San Xerásimo e non a Xerome. A escultura atópase vestida de cardeal con capelo de á ancha, sen embargo este santo só foi sacerdote, sen chegar a ser cardeal. Emparellase coa escultura de San Gregorio –outro dos catro Doutores da Igrexa– dentro do conxunto da fachada.

O uso da imaxe de Hércules por parte do Gremio de Mareantes apreciase nos seus “seldros” ou insignias

 

  • Hércules: O uso da imaxe de Hércules por parte do Gremio de Mareantes apreciase nos seus “seldros” ou insignias –sobre este tema existe o debate de si se trata de Hércules ou Teucro– e tamén na ornamentación exterior da basílica. Así, nos remates da crestería observamos sendas figuras representando ao heroe espido; tamén se mostra nun dos medallóns da porta Sur. Na fachada principal que nos ocupa, volve a aparecer a figura de Hércules, barbado e portando unha maza, no remate do contraforte esquerdo. Filgueira Valverde anota que posiblemente non fora realizada nin por Cornielles nin por Juan Noble, tratándose dunha escultura anterior que viría a substituír ao San Xoán Bautista que aparece na traza da fachada e foi parar a outra parte da composición.

Deixando a un lado a posible desviación do mito de Hércules, como patrón humanístico do Gremio, cara o de Teucro no maxín pontevedrés –apaixonante tema sobre o cal Filgueira fía astutamente– a representación do Herakles grego na fachada do templo ven a representar o vencemento dos vicios e a superación das debilidades humanas.

O motivo da situación do Fillo con respecto ao Pai escapa de solucións heterodoxas.

 

Foto: Baixo o Calvario que remata a fachada apréciase a Trinidad con Cristo á esquerda do Pai. Imaxe: http://www.foroxerbar.com/
  • Cristo sentado a esquerda do Pai: Moitos quixeron ver nesta representación da Trinidad unha sinal herética de Cornielles. Esta representación coroa a fachada-retablo, escoltada por un pináculo a cada lado, remate a súa vez das pilastras do tema da coroación da Virxe que se atopa aos pés da Trinidad, e un dosel en forma de venera.

O motivo da situación do Fillo con respecto ao Pai escapa de solucións heterodoxas. Na época da realización da fachada da basílica, século XVI, era costume o servirse de gravados que viñan nas Biblias do momento para a realización iconográfica das esculturas e máis dos relevos.

Nas xilografías que ilustraban estas Biblias adoita aparecer a figura de Cristo á esquerda do Pai, causa última que escusa a disposición que podemos apreciar no templo pontevedrés. Descubrir os moitos segredos simbólicos e ornamentais desta soberbia construción, así como a historia da súa construción, depara momentos de gran ledicia. Invítovos a elo.

Para saber máis:

– FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, B.: Santa María la Mayor. Una iglesia parroquial, Xunta de Galicia, 2004.

– FILGUEIRA VALVERDE, J.: La Basílica de Santa María de Pontevedra, Fundación Barrié de la Maza, Vigo, 1991.

– GARCIA IGLESIAS, J. B.: «San Jerónimo, el santo con gafas de Santa María», en:

–  http://pontevedraviva.com

–  http://www.arteiconografia.com/


Comparte este Artigo!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo