Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN DE MATEO FONTÁN COUTO

Mateo Fontán Couto Autor: Mateo Fontán Couto. Historia, Arqueoloxía, Natureza

Podes seguilo tamén en:

» facebook

→ OUTRAS PUBLICACIÓNS DE MATEO FONTÁN COUTO NESTA WEB




O día das Tres Grazas

2 Marzo, 2018

Imaxe do Nazareno da rúa Tetuán (Imaxe: Xoan Arco da Vella)

No caixón das tradicións pontevedresas o día das Tres Grazas ocupa un espazo avalado polo  verniz do tempo e a irredutibilidade da fe. Así, cada primeiro venres de marzo poderemos comprobar como, dende cedas horas da mañá, vaise formando unha longa cola para ir visitar ao Nazareno da capeliña da rúa Tetuán.

A tradición marca que ese día poderase formular tres peticións diante da venerada imaxe, e polo menos unha poderá cumprirse. En moitas localidades prodúcese este acto que afunde nos anos o seu senso e que parece ven a ser unha especie de símbolo ou recordo litúrxico das tres caídas que Cristo sufriu camiño do Calvario.

Na nosa cidade, ademais da imaxe da rúa Tetuán, reciben moitas visitas o Nazareno do convento de Santa Clara, que xusto agarda a «exclaustración» para celebrar a súa novena e poder ser contemplado polos fieis, aínda que este ano poida que falte á cita ante o peche do convento das clarisas; sen embargo dende 2014 a Confraría da Vera Cruz e Misericordia sácao en procesión o Luns Santo. Tamén a patética imaxe do Nazareno da igrexa de San Francisco goza de moita fama neste día,  era esta unha das tallas que saían nas antigas procesións da Semana Santa pontevedresa.

 

 

Cola diante da capela do Nazareno o día das Tres Grazas (Imaxe:  A. C. R. Confraría do Espírito Santo)

A capela do Nazareno, moi próxima a onde erguerase a igrexa de San Bartolomeu «o vello», recibía antigamente o nome das «Emparedadas», xa que nela encerrábanse en vida as relixiosas que así o decidían, recibindo tan só, por unha pequena fenda, a comuñón e unha mínima ración de auga e comida para poder subsistir. Constituíu este un caso único en Galicia ata a súa desaparición no século XV. Máis adiante coñeceuse como capela de «Santa Isabel ou das Emparedadas». Para autores como Fontoira Surís o pequeno templo puido ter relación co pazo dos Mendiño, xa que a torre deste atopábase ao carón da capela. Dende 1886 está adscrita a Parroquial de San Bartolomeu.

O certo é que a do Nazareno constitúe unha das grandes devocións da cidade, por iso chegado o primeiro venres de marzo son centos, incluso miles, os que acoden a solicitar as Tres Grazas dende as sete da mañá ata a media noite; a xente espera paciente a súa quenda para asistir á oración dentro da capela, a cal énchese de flores, exvotos e candeas.

A imaxe do Nazareno mostra a Cristo cativo, coas mans atadas, no momento de recibir a sentencia a morte por Pilato. De gosto barroco, imita a iconografía do afamado Cristo de Medinaceli. Posúe pelo natural e coroa de espiñas ademais de túnica bordada. A súa orixe non resulta clara del todo. Para algúns a imaxe puido chegar de Madrid a finais século XIX por mediación de Dª Elena Mariño Villanueva, e tras ser ofrecida a Montero Ríos. Sen embargo, nun traballo de Xosé Fuentes fálase da constancia documental de que en 1818 a imaxe xa posuía un intenso culto. De 1952 a 1955 saíu en procesión no Martes Santo acompañado pola Confraría de Noso Pai Xesús do Silencio, ata que en 1956 substituíse por outra talla saída dos talleres dos irmáns Rivas.

O certo é que a do Nazareno constitúe unha das grandes devocións da cidade, por iso chegado o primeiro venres de marzo son centos, incluso miles, os que acoden a solicitar as Tres Grazas dende as sete da mañá ata a media noite; a xente espera paciente a súa quenda para asistir á oración dentro da capela, a cal énchese de flores, exvotos e candeas. Mais durante todo o ano sempre pódese ver a alguén asomado á capela rezando, agradecendo ou simplemente contemplando o dorido rostro deste Cristo tan de Pontevedra.

Para saber máis:

FONTOIRA SURÍS, J.: Pontevedra monumental, Deputación de Pontevedra, Cambados, 2009.

FILGUEIRA VALVERDE, X.: «Das “Emparedadas” á capela de Xesús Nazareno» en Semana Santa Pontevedra 1996, Junta Coordinadora de la Semana Santa de Pontevedra, Pontevedra, 1996.

FONTÁN COUTO, M.: «O culto ao Nazareno da Rúa Tetuán», Revista da Asociación de Veciños San Roque, Nº 18, Pontevedra, 2016.

FUENTES ALENDE, X.: «La devoción a Jesús Nazareno en Galicia», La advocación de Jesús Nazareno: Actas del Congreso Nacional, Vol. 1, Ed. Hermandad de Jesús Nazareno, Ayuntamiento de Pozo Blanco, 2007.

GARCÍA IGLESIAS,  J. B.: Habladme piedras, Alfil, Pontevedra, 2013.

 

 

 


Comparte esta Publicación!!!




Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo