Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

A Denominación de Orixe de Valdeorras

4 Xaneiro, 2017



A D.O. Valdeorras está situada na parte nor-oriental da provincia de Ourense, porta natural de entrada a Galicia, ocupando esta comarca a superficie vitícola dos concellos de Larouco, Petín, O Bolo, A Rúa, Vilamartín, O Barco, Rubiá e Carballeda de Valdeorras, nos que se cultiva o viñedo nas ribeiras e vales polos que discorren os ríos Sil e Xares, nunha paisaxe de terras vermellas, onde ademais da vide, medran as oliveiras e o castiñeiro, rodeados de granito e lousa.

Constitúe unha zona climática de carácter continental con influencia atlántica. A especial orientación da comarca supón unhas excelentes condicións de sol e temperatura, dentro dunha comunidade de características máis extremas en canto a frío e chuvia.

D.O: de Valdeorras

Os viños brancos elaborados a partir da variedade Godello posúen cores amarelo-palla con matices verdosos, os seus recendos son francos e intensos lembrando algunha variedade de mazá. En boca amósanse perfectamente estruturados e untuosos, cunha acedume natural que os fai frescos e elegantes, resultando viños plenos, con postgusto largo e satisfactorio. A súa graduación media sitúase arredor dos 12,5º.

Os monovarietais tintos, elaborados con Mencía, están dotados dunha fermosa cor entre vermello-rubí e picota, de capa media e matices violáceos que identifican a súa xuventude con sutís expresións aromáticas de intensidade media que lembran as froitas do bosque como a grosella, framboesa e amora. O seu paso en boca resulta suave e carnoso, cun final limpo e fresco.

Variedades de uva e tipos de viño

  • Variedades brancas recomendadas: Dona Branca (Moza Fresca) e Godello.
  • Variedades Brancas autorizadas: Palomino.
  • Variedades tintas recomendadas: Brancellao, Mencía, Merenzao (María Ardoña ou Bastardo) e Sousón.
  • Variedades tintas autorizadas: Garnacha Tintorera, Gran Negro e Tempranillo.

Os viños máis característicos da D.O. Valdeorras son os monovarietais, da variedade Godello en brancos e Mencía en tintos, elaborándose tamén viños co resto das variedades.

Regulamento

  • A Denominación de Orixe Valdeorras foi recoñecida por orde ministerial do 31 de xullo de 1957.
  • Por orde ministerial do 24 de febreiro de 1977 (BOE 1.04.77), apróbase o Regulamento da Denominación de Orixe e do seu Consello Regulador.
  • Orde do 2 febreiro de 2000 pola que se modifica o regulamento da Denominación de Orixe Valdeorras (DOG 18.02.00), ratificada por Orde de 9 de maio de 2000 (BOE 18.05.00)
  • Orde do 7 marzo de 2005 pola que se modifica o regulamento da Denominación de Orixe Valdeorras (DOG 18.03.05), ratificada por Orde APA/2498/2005 de 7 de xullo de 2005 (BOE 01.08.05)

Vídeo

Fonte: Consellería Medio Rural Galego

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo