Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

As consecuencias do franquismo a día de hoxe centran a segunda sesión das Xornadas da Memoria – Pontevedra

31 Marzo, 2017



Logo do éxito da primeira sesión das V Xornadas de Memoria na que se falou sobre o espolio do Pazo de Meirás, o venres, 31 de marzo, volve a actividade á Casa da Luz para seguir debatendo sobre a pervivencia do franquismo nos nosos días. Nesta ocasión, as conferencias comezan ás 17.00 horas e contarán con tres poñentes e catro participantes no faladoiro sobre a transmisión da represión franquista a día de hoxe.

Ás 17.00 hora o historiador Xosé Álvarez Castro falará sobre as características da educación durante a II República e da permanencia das ideas na actualidade, pois algunhas aínda non se cumpriron. Exporá algún caso da zona de Sanxenxo e afondará no feito de que a cultura e a educación non estaban vinculadas en exclusiva á formación regrada, senón que tamén se practicaban no asociacionismo a través de rondallas, grupos de teatro… Por outra banda falará das organizacións agrarias e das experiencias novidosas que se implantaron coa chegada da II República.

Franquismo

A continuación, a historiadora Encarna Otero Cepeda, natural de Santiago de Compostela, falará sobre a muller na república, no franquismo e a día de hoxe. Otero residiu entre 1971 e 1976 na cidade francesa de Tolouse, licenciándose no 75 en Historia pola Universidade de Tolouse-Le Mirail. Durante a súa etapa en Francia participa no movemento antifranquista e coñece directamente a realidade do exilio, militando activamente no nacionalismo desde 1970.

Para rematar os relatorios, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, falará sobre os avances e innovacións nas primeiras décadas do século XX e sobre todo na segunda república no eido científico, tecnolóxico, empresarial… Este proceso de transformación e modernización viuse truncado no 36, pola imposición dunha Ditadura militar fascista, ultracatólica, retrógrada, e pola eliminación ou postergamento de moitas das mentes máis lúcidas daquel tempo.

Bará tamén repasará o modelo de desenvolvemento económico e de aproveitamento/ explotación dos recursos no franquismo, e do papel de Galiza como fonte de materiais primas, e como a dependencia condiciona o deseño das infraestruturas de transporte, a política forestal e a enerxética. O espolio e explotación do monte galego coa reforestación primeiro con coníferas e logo coa eucaliptización (consecuencia da instalación de ENCE na ría de Pontevedra) ou a implantación dun modelo enerxético que converte a Galiza en produtora de enerxía (con encoros e centrais térmicas) para abastecer outras zonas do Estado son algunhas das consecuencias que afectan a Galiza hoxe en día.

A segunda parte desta segunda sesión das V Xornadas de Memoria será un faladoiro no que se debaterá sobre a memoria oral como ferramenta para o estudio da guerra civil. Abordaranse cuestións como a validade da memoria oral das netas e netos dos represaliados, debaterase sobre se a falta de medo desta xeración será o que poña fin ao silencio imposto ás xeracións anteriores e de se é xusto que as netas e netos teñan que seguir asumindo o peso da memoria pola falta de políticas públicas de recuperación. Tamén se falará dos represores e sobre se este tema continúa a ser unha conta pendente.

O faladoiro estará moderado pola xornalista e escritora Montse Fajardo e contará coa participación de María Lores (neta de Aurelio Torres, asasinado no 36 e abandonado nunha cuneta de Bora e Isolina Villaverde, que quedou soa con tres criaturas); Susana Sánchez Aríns (escritora, fala da transmisión da memoria familiar desde o punto de vista das familias dos represores); Esther F. Carrodegua (autora do texto da obra de teatro Voaxa e Carmín) e Julia Lago (Participou na súa etapa no instituto no documental ‘A pegada dos avós’).

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo