Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Homenaxe a Fernando Viéitez: “Todo Ben, Fernando”

20 Marzo, 2017



Homenaxe de Luis Bará a  Fernando Viéitez, histórico do movemento veciñal pontevedrés, falecido nestes días.

Por aquí todo ben, Fernando. Como ti querías. Deixaches a casa do sur arrombada, limpa, xeitosa, arranxada para que a xente toda faga uso dela. Con sitio abondo para todas as causas que encheron o teu corazón inxel e xeneroso. E con un cuarto propio que agora está baleiro, sen o teu sorriso, sen a túa luz, sen as túas mans magoadas de tanto facer o ben.

Fóra, na horta, cantan os paxaros neste domingo de sol. Botan de menos o teu ir e vir de gardián da casa do sur. Os teus coidados, a túa presenza permanente neste fogar comunal. Aquí segue o campo de xogos que nos deixaches e que agora nós coidaremos e agrandaremos, para cumprir a túa manda. Porque ti eras de dar, de compartir, de repartir.

Estamos de festa no barrio. Foi outro froito da túa teimosía, da túa inmensa bondade. Voltar a facer a festa de Campolongo, xuntar a veciñanza, encher de sorrisos e de alegría estes días de plena primavera xa. Hoxe ímonos xuntar no parque, imos botar unha partida de petanca  e seguro que che vai gustar vernos alí, nese espazo de encontros e de amizades que ti conseguías crear.

Como as xuntanzas anuais do barrio e as exposicións de fotografías antigas. O teu empeño en conservar e transmitir a memoria, o teu orgullo de ser fillo desta terra. O teu compromiso coa cidade, co país, co mundo. Canto ben fixeches e canto sentimos a túa ausencia!

Non podemos sentir tristeza porque foi unha sorte coñecerte e compartir a vida contigo. A conversa, a simpatía, o humor retranqueiro, o sorriso permanente, a bondade. Mira que fuches xeneroso que en plena enfermidade, cando o mal te devoraba por dentro, seguiches en pé, co entusiasmo e a entrega que poñías nas causas comúns. Debía ser que querías aproveitar os días, prescindir do acougo e da soidade, e entregarte en corpo e alma á tarefa que escolliches na vida: a da xenerosidade.

Hoxe fomos á casa do sur. Está limpa e arrombada, rebosante de luz, coas galas dun domingo de marzo. Como a deixaches ti. Como a querías ti, aberta á veciñanza, chea de vitalidade. Sentín non verte mais sei que estás en nós, en todas as persoas dispostas a facer realidade os teus proxectos, as túas arelas, os teus soños. Si, por aquí todo ben, Fernando.

Na memoria de Fernando Viéitez, para celebrar o súa xenerosidade, a súa bondade, e o agasallo da vida que foi coñecelo.

Fernando Viéitez

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo