Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Pregón de Cristina Pato e presentación das Festas de Ourense polo alcalde

24 Xuño, 2018



Cristina Pato

Cristina Pato

Hai agora quince anos que dei o pregón destas festas por primeira vez. Moitas cousas cambiaron dende entón. Naquel momento estaba a piques de marchar a Nova York para facer o meu doutoramento, acababa de casar, e lembro que levaba posto unha parte do meu vestido de voda de seda verde.... tamén lembro ao meu pai Dositeo, sentado na primeira fila, ao carón da miña nai Maruxa, con todas as miñas irmás ao redor, a Tere, a Yoly e a Raquel... Teño ese momento gravado na memoria de xeito case máxico, pois probablemente esa foi a derradeira vez que o meu pai me viu subida a un escenario. Lembro ir cear con eles antes de vir á Praza Maior, con eles e con Elíades Ochoa e a delegación do Goberno de Cuba e a delegación do Concello. E lembro con emoción ver ao meu pai chorar, coma sempre que me vía enriba dun escenario. Nese ano, no 2003, o Dositeo marchou de repente deixando un baleiro que aínda non fomos capaces de encher. Pero el era o maior amante das festas. El en si era unha festa, co seu acordeón, coa súa charanga, coas súas cancións picantes e as súas versións do Cuco de Velle. Aínda hoxe, cada vez que o matriarcado das Pato ve ou escoita unha charanga, o recordo vivo do noso pai venos á memoria, e con el un sorriso. Pois aínda que ao final saín gaiteira, as charangas seguen sendo a miña parte favorita das festas, polo que representan a xeito individual, pero tamén polo que representan de xeito colectivo: paixón pola festa, pola crítica, pola xente, pola comunidade...

É un verdadeiro orgullo poder estar aquí hoxe celebrando xuntos o comezo das nosas festas. Hoxe por fín vin os carteis mentras baixaba pola rúa San Miguel… o que non vin foron os programas, sabemos xa se están impresos? Bromas aparte, celebro poder estar subida aquí enriba cada certo tempo, compartir con vos o que me conmove e escribir un pregón diferente, máis persoal que global, no que podo navegar a través da miña memoria de Ourense no tempo, como fixera hai 15 anos...

Son moitas as cousas que temos que celebrar, aínda que non o pareza. O feito de estar aquí hoxe, todos xuntos, en modo festa, é xa un privilexio para os tempos que corren. Ter a posibilidade de, aínda que sexa por un anaquiño de tempo, esquecer os nosos problemas e deixarnos levar pola música, polos fogos, pola iluminación ou polas barracas... (por certo, alguén sabe onde as puxeron este ano?).

Ourense é unha cidade e unha provincia de récords. Temos a poboación máis avellentada do país, e aínda que a longo prazo o noso declive demográfico nos pase factura, a verdade é que contar con maior número de maiores do país para mín significa contar co maior número de sabios do país, pois non esquezamos que a sabedoría está nas mans dos que tiveron experiencia. Os nosos maiores non só representan o noso pasado, a nosa memoria, tamén representan o noso futuro: a súa vida social e cultural é a nosa, o noso patrimonio ven deles, a liberdade que desfrutamos ao falar a nosa língua ou tocar a nosa música ven precisamente da fortaleza coa que durante décadas mantiveron viva a nosa identidade cultural. Non esquezamos darlles as grazas de cotío, tratalos con respecto e con paixón, darlles os dereitos e comodidades que se merecen e aceptar que, se temos sorte, chegaremos a ser anciáns, e se o somos, gustaríanos que as institucións, a sanidade e os organismos públicos nos tratasen con respecto, cariño e empatía...

Tamén temos o maior patrimonio histórico-artístico, do que presumo a cotío alá por onde ande. A nosa catedral é o meu remanso de paz. E aínda que sigo a enfadarme cada vez que lle cobran a entrada a algún dos meus amigos de fóra, creo que non hai lugar máis fermoso e cheo de inspiración que a catedral baleira no medio do día. Entrar nela coa miña nai, e dar voltas e voltas ao deambulatorio prodúceme un pracer indescritible: é unha obra de arte… un refuxio. Un escape.

Ir á Praza de Abastos, mercar produto local, pasear polo meu barrio, o casco vello… son eses pequenos luxos, pequenos praceres que aínda que parecen nada, son os que me fan ser feliz, pois a felicidade é unha actitude, e as cousas miúdas son as que máis nos enchen. Apreciar o que temos, sexa moito ou pouco, apreciar aos que temos, sexan familia ou amigos, e pensar que noutras partes do mundo esta situación: todos sentados celebrando o comezo dunha festa, é algo co que nin sequera se poden permitir soñar...

Si, hai crise económica e migratoria, non hai estabilidade política, a xustiza parece un pesadelo, e os dereitos dalgúns parece que non existen... pero non por iso temos que rendernos e baixar a cabeza. Un pobo unido loita polo seu futuro, pola súa felicidade e pola súa xente, e nese sentido Ourense sempre amosou un amor polo seu difícil de explicar.

Así que así, xuntiños, celebremos as festas e o noso patrimonio e aos nosos maiores e á nosa mocidade, e tentemos entre todos facer da nosa realidade a nosa industria, o noso motor social e cultural, porque se a sabedoría se mide por anos, de xeito colectivo podemos dicir que ninguén nos pode gañar...

E remato cuns versos dunha canción da miña admirada GUADI GALEGO, que estará aquí enriba de hoxe en oito días...

Ollar, sen mancar, sen desesperar,

axudando aos anos a desdibuxar.
Repetir ao verme que vivo sen medo,

compilando a tempo todos os momentos...

sen remordimentos”

Felices festas do Corpus na noite de San Xoán...

 



 

Jesús Vázquez (Alcalde de Ourense)

Jesús Vázquez

 

Veciños, veciñas de Ourense

O mes de xuño volve convocarnos aquí, na praza Maior, para compartir nove días de felicidade, de amizade, de música e de bailes... As Festas de Ourense son patrimonio de todos e todas nós. Conforman a nosa identidade como veciños e chámannos ás rúas da cidade para enxalzar o noso orgullo de sermos veciños, de sermos de Ourense.

Durante estes días de festas estaremos á vosa disposición para que todo transcorra á perfección e non haxa ninguén que se sinta alleo a esta chamada das festas. Como alcalde, síntome profundamente orgulloso de sentirme un veciño máis. Por iso, agardo atoparvos pola rúa, a calquera hora e en calquera lugar.

Quero agora que recibades cun grande aplauso a esta outra veciña nosa, que hoxe quixo estar con nós na praza Maior.

Benvida Cristina Pato!

Que estas sexan as mellores festas das nosas vidas, polo menos até o ano que vén.


 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo