Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Discurso do Alcalde de Pontevedra, na presentación do Album NÓS

4 xullo, 2018



Querido director do Museo
Deputado de Cultura
Presidenta da Deputación,
Amigas e amigos,

É un orgullo para todos asistir a este auténtico momento histórico de recepción dos orixinais do Álbum Nós cos que se completa a coleción sobre Castelao residente neste Museo de Pontevedra, alomenos para os próximos 5 anos.

Para un nacionalista coma min resulta un orgullo especial, porque que o Museo da nosa cidade poda ser considerado non só a institución museística máis importante de Galiza, senón o noso auténtico Museo Nacional é un perfecto complemento desta cidade ilustrada, curiosa e tan intelectualmente activa que é a Pontevedra de hoxe, como tantas veces foi no noso pasado.

Neste sentido, Castelao é un dos grandes tótems desta casa, unha figura tan polifacética e simbólica que merece a honra da súa altísima dignidade plasmada nestas salas que recollen a obra artística máis destacada da súa faceta como pintor e ilustrador.

Pero non é só iso. Castelao está no cerne desta casa, que naceu grazas ao afán destes grandes rexeneradores da nación galega, que materializaron en institucións coma esta gran parte do que fomos, do que somos e da enerxía imprescindíbel para lograr ser o que seremos.

Quen hoxe segue levando a Castelao na súa bandeira conserva intacta a filosofía que tanta gloria xenerou a Galiza, o seu pasado e a súa riqueza inmemorial.

Confiou na Terra e na Xente do país para materializar o noso acervo e dar lugar a este Museo, que tan ilustres sucesores tivo e terá.

Se o Castelao político impulsou esta e outras institucións e sobre todo dotou a Galiza do relato nacional que necesitaba naquel tempo, quen hoxe se sinte deudor das súas ideas sabe que os problemas son semellantes, por moito que as coordenadas difiran movidas pola tecnoloxía, a globalización e o propio desenvolvemento do capitalismo.

Reivindicamos o Castelao artista, pero tamén o político, o que foi quen de entender a nación e articular as súas aspiracións de autogoberno.

Quen de perceber o perigo de que o alleo apague o propio.

Quen de denunciar, desde o xenio máis profundo do humor e a retranca, a traxedia clasista dun país que, para superarse, só ten que ser máis dono de sí mesmo.

Cada un de vostedes poden ver o Álbum Nós como desexen. Eu véxoo así, como un tesouro artístico capaz de armar todo un relato da nación galega en procura de sí mesma.

E por iso celebro esta magnífica exhibición dos orixinais depositados por un particular ao que todas e todos lle agradecemos o seu xesto xeneroso.

Grazas, amigas e amigos, por seguir facendo deste Museo o gran facho cultural da Galiza contemporánea.

Alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Lores

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo