Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Ourense reforzará as actividades de lecer saudable para a xuventude

20 Setembro, 2018



O Concello de Ourense reforzará as actividades de lecer para a xuventude durante as fines de semana co fin de fomentar o lecer saudable e desligar o os conceptos de alcohol e diversión. As concellerías de Sanidade e Xuventude impulsan un ambicioso proxecto que aposta por atraer á mocidade cara alternativas como o baile, o teatro, o deporte, as artes ou a música para estimular que desenvolvan as súas relacións  nunha contorna saudable.

Ademais das propostas habituais de ambas concellerías, as fines de semana haberá un programa de dinamización xuvenil tanto en horario diúrno como nocturno (até as 01:00 horas) para que a xuventude descubra que relacionarse e divertirse non ten nada que ver co alcohol.

De feito, unha das principais novidades deste programa é que se vai fomentar entre os mozos e mozas participantes o consumo de bebidas sen alcohol, como zumes de froitas  coa posta en marcha dun “Club Soda Xuvenil”, co  que Ourense quere sumarse a tendencia mindful drinking (beber de forma consciente). Trátase dunha nova tendencia que está en boga en países de todo o mundo que está a impulsar as actividades culturais, deportivas e lúdicas sen alcohol.

Esta situación  contrasta cos datos manexados  polo Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad de España, que sinalan que máis dun 75% dos adolescentes, entre 14 e 18 anos, consumiron alcohol nalgún momento e que seis de cada dez emborracháronse algunha vez nas súas vidas.

O Concello quere cambiar os hábitos de lecer destes adolescentes achegando aos barrios actividades diversas para dinamizar a actividade xuvenil e que teñan alternativas de ocio que respondan aos seus intereses sen relación algunha co consumo de alcohol.

 “Temos claro que o botellón é un problema de saúde e que debemos reforzar a prevención e a oferta dun ocio alternativo para que a nosa mocidade saiba que hai outros xeitos de lecer sen recurrir ao consumo insano de alcohol”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez Abad.

Así, as mozas e mozos poderán apuntarse a actividades de baile con estilos tan diversos como trap, rap, break, hip hop, funkstyle, voguing ou dancehall. Tamén haberá actividades deportivas como: running, piragüismo, submarinismo, escalada, ioga, skate ou roller.

Co obxectivo de chegar a todos os gustos, tamén poderán participar en actividades artísticas como graffiti, teatro ou xincanas fotográficas. Tamén haberá lugar para a maxia e os videoxogos. Entre as novidades deste ano destacan a posta en marcha dun club de lectura, un cineforum e unha radio podcast.

Estas actividades tratarán de estimular as relacións entre os participantes, a comunicación e o traballo en equipo.

Reforzar o papel do Espazo Lusquiños

As actividades musicais serán unha das apostas máis importantes deste ano. A música é un dos principais medios de expresión dos máis novos e por este motivo o Concello vai reforzar o papel do Espazo Xuvenil Lusquiños con novas propostas para reforzar a promoción dos grupos musicais que alí ensaian.

As instalacións do Lusquiños, acollerán diversos obradoiros e master class musicais, abertas tanto aos grupos usuarios das instalacións como ao resto de agrupacións musicais da cidade. Ofrecerase formación en: técnica vocal moderna, guitarra, baixo, batería, percusión, improvisación, combo, linguaxe musical, saúde musical, composición musical e de letras, home estudo, dj, posta en escena, xestión de redes sociais, canles de difusión, promoción musical, propiedade intelectual e dereitos de autor/a.

Pero a aposta musical irá máis lonxe co seguimento dos grupos musicais usuarios do Lusquiños, aos que se lles ofrecerá apoio na autoxestión e á hora de definir a súa identidade musical, comunicación e preprodución. Tamén recibirán asesoramento en materia de  arranxos musicais e coaching musical.

O Concello tamén vai reforzar a súa aposta pola igualdade cunha incubadora de grupos femininos ou con integrantes femininas, para promover a presenza das mulleres enriba dos escenarios.

O programa tamén incidirá na produción de concertos de grupos noveis na rúa, no Espazo Lusquiños e noutros locais musicais da cidade.  Ademais haberá concursos de música na rúa, de novos talentos e de creación de vídeos para promocionar aos grupos ourensáns.

Este proxecto ambicioso completarase coa creación dunha rede para dar a coñecer os grupos de Ourense no sector musical galego, a través de salas de concertos, contacto con promotores/as e a colaboración con estudos de gravación, academias e escolas de música.

 



Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo