Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

A Real Academia Galega

 13 Maio, 2016

Curros Enríquez , impulsor da RAG / Foto Wikipedia

Neste mes que estamos a celebrar a nosa lingua, e moi próximos ao 17 de maio Día das Letras Galegas, é quizá oportuno facer un repaso á historia da Real Academia Galega.

Real Academia Galega é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. O seu presidente é Xesús Alonso Montero, elixido o 20 de abril de 2013, logo da dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín, o 13 de marzo de 2013. O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat.

O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade,Folklore Gallego, presidida pola escritora.

En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no faladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.

 

 

Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG.// Foto: Wikipedia

A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros.

Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista.

O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos.

O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a Guerra Civil española, que fixo silenciar a institución e levouna a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías(1960-1977).

 

 

Boletín de la Academia Gallega, ano 1906, n.º 4.// Foto: Wikipedia

Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números).

Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita, trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia.

Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galegas sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas.

A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.

Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución, namentres ca de Xosé Ramón Barreiro Fernández déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.

No 2006 foi galardoada co Premio Fernández Latorre.

En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes no Estado español. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e BNG). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación.(↓1)

A Real Academia Galega durante o franquismo

O golpe militar de 1936 e a Guerra Civil deixou a RAG dividida en dúas. Por unha banda, galeguistas republicanos , e por outra académicos partidarios do réxime. Entraron novos académicos coma Filgueira Valverde e Cuevillas. A RAG superou o risco de desaparecer e pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía responder Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Fraga Iribarne.

Francisco Franco, o seu irmán, e mais Fraga Iribarne foron académicos non numerarios da Real Academia Galega.  En 2009, coincidindo co nomeamento de Manolo Rivas, Méndez Ferrín facía pública a retirada das honras a Francisco Franco.

Ramón Franco Bahamonde e Fraga Iribarne seguen a ser membros correspondentes da RAG.

(A continuación el texto de la Real Academia)

(1) Unha das últimas actuacións da Real Academia en defensa da lingua galega foi levar o Decreto 79/2010,para ou plurilingüismo non ensino non universitario de Galicia, aprobado pola Xunta no 2010 , ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en nome das familias afectadas:

“A Real Academia Galega presenta unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos do Consello de Europa en relación co Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. O Plenario da Academia acordou adoptar esta medida na súa última xuntanza ante vulneración dos dereitos fundamentais recollidos no Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e nos seus Protocolos que implican tanto algunhas disposicións do devandito Decreto como varias das decisións tomadas ao longo dos procedementos xudiciais seguidos contra esta norma ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional.

A Academia, institución que ten atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da lingua propia, asume con este novo paso a solicitude de nais e pais de menores en idade de escolarización de que siga adiante na defensa dos seus dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua ante o Tribunal de Estrasburgo. Na demanda ante este tribunal, a RAG actuará así de representante destas familias, que xa pediran o amparo da Academia no ano 2009, cando o R.D. 79/2010 era aínda un proxecto, para que defendese o dereito á educación na lingua propia.

“Hoxe, despois de cinco anos de aplicación [do R. D. 79/2010], comprobamos que a norma vulnera o dereito a ser iguais dos nosos fillos e fillas con independencia da lingua, lingua con estatuto de oficialidade”, advirten as nais e os pais na instancia remitida á Real Academia Galega, na que a apoderan para que defenda no seu nome os dereitos dos menores ante o Tribunal de Estrasburgo. “A norma afonda na desigualdade histórica e conduce a enormes dificultades para exercer o dereito a falar galego, e a levar unha vida en galego como persoas adultas. Estas dificultades son imposíbeis de superar para nenos e nenas en idade escolar, aos que se lles transmitiu a idea de que a súa lingua non é útil, se lles dificulta a comunicación cos seus compañeiros, xa que moitos destes non adquiren habilidades suficientes para manexarse comodamente en galego, e sobre todo conduce os nosos fillos e fillas pequenos a deixar a súa lingua para evitar resultar marcados”, engaden.

O Decreto 79/2010 reduciu a utilización da lingua galega no ensino tanto cuantitativa como cualitativamente. No plano cuantitativo, o ensino en lingua galega pasou da metade a un terzo no currículo escolar e nalgunhas liñas educativas o seu uso mesmo se limita só á propia materia de lingua galega, sendo na práctica ensinada como un idioma estranxeiro. En termos cualitativos, elimina o galego das materias científicas, colocándoo nunha situación de anormalidade como lingua ao non considerala apta para o uso científico.

Desde a súa aprobación, a Academia decidiu esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma que infrinxe a legalidade, lesiona os dereitos das persoas galegofalantes e está en flagrante contradición co compromiso que o Reino de España subscribiu ao asinar a Carta Europa de Linguas Rexionais e Minoritarias. O propio Consello de Europa manifestou o pasado mes de xaneiro a súa preocupación polo efecto negativo da “redución gradual” do galego no ensino en Galicia. No seu último informe sobre a aplicación da Carta, identifica “problemas importantes”, entre os que sinala expresamente a diminución do ensino en galego.

A demanda ante o Tribuna Europeo de Dereitos Humanos lembra as advertencias do Consello de Europa e recorda que o devandito informe recolle o impacto “moi negativo” da aplicación do Decreto 79/2010, que no ensino infantil supón que o galego só estea presente no nivel do 6,57% nas poboacións de máis de 50.000 habitantes, e insta encarecidamente as autoridades a ofertar educación en galego en todos os niveis apropiados.”


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo