Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Pablo Iglesias: O galego fundador do PSOE e a UGT

24 Maio, 2017



Nestes días tan atarefados na política nacional en xeral, e o Partido Socialista en particular, pensei que podería ser interesante un pequeno artigo sobre o fundador dun partido con tantos anos de historia ás súas costas como é o PSOE, e evidentemente, porque ademais falaremos dunha personalidade da nosa terra, de Don Pablo Iglesias Posse (non confundir con Pablo Iglesias Turrión –Podemos –, que xa ten o seu aquel que se chamen igual). Aínda que teñen un nexo de unión, ao parecer, por parte de nai. Un dos avós de Pablo Iglesias Turrión, resulta ser un dos fundadores tamén da Unión Xeral da Traballadores UGT.

Pablo Iglesias Posse naceu en Ferrol (A Coruña) un 18 de outubro de 1850. É peculiar, que a mesma localidade, dese dous personaxes á política española tan diametralmente opostos, como Francisco Franco e Pablo Iglesias, son dese tipo de casualidades, que non deixan de ser unha sorte de burla da Historia.

A súa vida non foi nada fácil desde a máis tenra infancia. Falece o seu pai, Pedro Iglesias, e Pablo acompañado do resto da súa familia; a súa nai e irmán Manuel, vanse a vivir a Madrid. Xa a viaxe dio todo, o seu irmán é enviado á capital con anterioridade, pero tanto el como a súa nai, realizan a viaxe a pé. E os problemas non veñen sós. Juana Posse, a súa nai, esperaba ser acollida polo seu irmán, que vivía e traballaba en Madrid, pero cando por fin chegan, descobren que falecera, quedando completamente desvalidos e abandonados á súa sorte.

Pablo Iglesias

Imagen: Wikipedia / José L. Demaría López «Campúa»

O episodio da súa existencia que vén a continuación, non deixa de lembrarme á historia de Oliver Twist, de Charles Dickens. Igual de desapiadada e cruel.

As condicións de vida son moi duras. Fixan a súa residencia nun fallado na rúa Morería de Madrid; aínda así e todo, a nai ten moitos problemas para manter ao seu fillo –o seu irmán Manuel morrerá de tuberculose –, e nestas circunstancias o mozo Pablo é internado no Real Hospicio General de Pobres del Ave María y Santo Rey Don Fernando. Esta precariedade soportada na súa infancia, levaralle problemas de saúde ao longo de toda a súa biografía.

Nesta institución aprenderá o oficio de tipógrafo, traballando na confección do xornal matutino La Iberia. E contan que foi no nadal de 1862 cando empezou a tomar conciencia como membro obreiro da clase traballadora. Foi por mor dunha “escapada” do Hospicio para visitar á súa nai, que lle reportou gran castigo ao seu regreso, porque os mozos que traballaban como tipógrafos e aprendices tiñan completamente prohibido abandonar o seu posto de traballo na revista, aínda que fosen as festas do Nadal e quixesen estar coas súas familias.

Pablo Iglesias sentía un gran amor pola súa nai, a tal punto, que un coñecido redactor e colaborador de prestixiosas publicacións da época, Augusto Burgos, chegou a plantearse a súa adopción, pero esta nunca levou a cabo, precisamente pola unión que sentía o mozo  pola súa proxenitora.

En 1863 Pablo finaliza os seus estudos, e comeza a traballar nunha imprenta. Abandona por fin o hospicio e gáñase a vida, mantendo á súa familia. Comeza tamén a estudar polas noites francés.

Na súa vida laboral vai pasando por diferentes imprentas e xornais , e neste discorrer vai facendo un círculo de amizades e compañeiros de profesión, ingresando na sección de tipógrafos da Federación Madrileña de la Internacional.

Os seus ingresos eran limitados, pero a pesar de todo, non se desanimó, e comezou cunha formación autodidacta, lendo e acudindo a faladoiros académicos levadas a cabo por personalidades da época como a rancisco Giner de los Ríos, Miguel Echegaray e Raimundo Fernández Villaverde. Crucial na súa educación  foi acudir ás clases impartidas no Ministerio de Fomento por Manuel Ruiz Zorrilla, xa que grazas a elas obtivo os instrumentos para desenvolver e ordenar os seus pensamentos, para articulalos posteriormente.

Xa nos imos a achegando ao Pablo adulto e político…

O día 26 de xuño de 1870, será elixido – con outros dous compañeiros – como delegado ao consello local da AIT (Asociación Internacional de Traballadores). Pouco tempo despois, escribe “La Guerra”, no Boletín Solidaridad, considerado o primeiro escrito de Pablo Ilesias e unha alegación ao pacifismo:

“…Que é a guerra? volvemos repetir. Un crime de lesa humanidade. Si, un crime que todos, absolutamente todos, e especialmente nós, os obreiros, pois somos as súas principais vítimas, debemos combater.”

En 1874 accede á presidencia da Asociación General del Arte de Imprimir. Por motivo da súa actividade sindical, sofre sucesivos despedimentos e persecucións de índole política. É por iso que comeza a preparar clandestinamente a formación dun novo partido, e será así como finalmente fundarase o 2 de maio de 1879 o Partido Socialista Obreiro Español, na rúa Tetuán na taberna Casa Labra. Os asistentes vinte e cinco persoas, entre eles: Un marmolista, un zapateiro, un doutor, dous xoieiros, catro médicos e dezaseis tipógrafos (entre eles Pablo Iglesias).

Foi a persoa que encabezou a primeira manifestación do 1 de maio en España no ano 1890, na que se demandaba o cesamento de emprego infantil e unha xornada laboral de oito horas.

En 1890 celebrouse o II Congreso do PSOE, onde decidiron participar nas eleccións.

En 1908 fundou a primeira Casa do Pobo de Madrid.

En 1909 permaneceu detido durante 18 días en Barcelona por asinar un manifesto de convocatoria de folga xeral.

En 1910 consegue a súa primeira acta de Deputado no Parlamento Español.

En 1925 falece o 9 de decembro. A súa capela ardente foi instalada na casa do Pobo de Madrid, e asistiron ao seu enterro, nada máis nin nada menos que 150.000 persoas.

A castigada cabeza de Pablo Iglesias…

En 1936, concretamente o domingo 3 de maio, inaugurouse no Parque do Oeste en Madrid, un conxunto monumental en honra a Pablo Iglesias. Acudiron importantes autoridades ao acto, o Ministro de Instrución Pública Marcelino Domingo, o alcalde Madrid Pedro Rico e Indalecio Prieto polo Partido Socialista.

Este monumento constaba de varias partes, o deseño foi obra de Santiago Esteban e a parte pictórica de Luís Quintanilla. Da cabeza, e parte central, encargouse o escultor Emiliano Barral. Contaba tamén con outra parte que representaba un grupo de obreiros que se conserva no Museo de Historia de Madrid.

Pablo Iglesias

Emiliano Barral, coa cabeza de Pablo Iglesias

En 1939 ao finalizar a Guerra Civil española, o monumento resultou moi danado, e destruído tras a vitoria franquista, e usouse, para construír parte do muro do Retiro. Afortunadamente o grupo de obreiros encargados da demolición ás ordes de Jose Pradal – delineante do Concello de Madrid – posuían sensibilidade e simpatizaban coa ideoloxía socialista, co que decidiron trasladar a cabeza ata o Retiro e enterrala. Foi José Pradal o que marcou nun plano o lugar exacto do enterramento.

Singular esta historia, xa que lle trasladou o plano posteriormente ao seu irmán que vivía en Francia en 1957, e este daríallo posteriormente aos seus fillos, coa promesa de facelo chegar a España para que fose desenterrado cando se recuperase a democracia. E así foi. En 1979, a familia Pradal, a través de Máximo Rodríguez, entregou o plano ao secretario xeral do PSOE e procedeuse a desenterrar a escultura escondida, que logo pasou a ser exposta permanentemente na sede do partido na Rúa Ferraz de Madrid.

Finalizo con outra frase de Pablo Iglesias, que podería ser de hoxe, e moi a ton coas circunstancias actuais no partido por el fundado:

“… Sodes socialistas non para amar en silencio as vosas ideas nin para recrearvos coa súa grandeza e co espírito de xustiza que as anima, senón para levalas a todas partes“

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo