Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Antón Dios Vázquez: Dignidade e memoria viva de Pontevedra

14 Xullo, 2016



Antón Dios achegouse até o Concello de Pontevedra xa que o seu bo estado de saúde o permite e tamén porque quería poder volver a ver a Bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo que foi tecida pola súa nai, Josefa Vázquez Juncal.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará recibiron esta mañá a Antón Dios Vázquez, con motivo do seu 100 anivesario.

El e os seus irmáns foron os encargados de seleccionar os fios para esta bandeira. Antón Dios Vázquez é fillo da famosa familia propietaria da fábrica do Ferreiro do Pino. Foi unha das que sufriu con maior crudeza a represión franquista, co asasinato do irmán maior, Edelmiro Dios Vázquez.

A bandeira, que está en custodiada no Arquivo Municipal, foi agochada por unha persoa de Salcedo no ano 1936, e foi entregada ao Concello no ano 1999 por Arturo Estévez. Segundo a memoria oral, o deseño da bandeira é de Castelao.

Antón Dios pedi, neste gran día: “Que a xente se leve ben”.

Antón Dios Vázquez

 

A MULLER QUE TECEU UNHA BANDEIRA

Foi unha amargura enorme, grandísima

Tucha Dios Vázquez

Conta a memoria popular que a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo foi deseñada por Castelao e que a teceu unha muller da parroquia, Josefa Vázquez Juncal. A  sra Pepa tiña un taller de costura e traballaba tamén vendendo polas feiras asferramentas da fábrica familiar, o Ferreiro do Pino.

Josefa Vázquez tivo once fillos. O maior, Edelmiro Dios Vázquez, era en 1936 dirixente do Partido Socialista en Pontevedra. Os falanxistas e a Garda Civil fórono buscar á casa mais el xa non estaba alí. Agochouse primeiro en Paredes, na casa da familia do seu amigo Faustino García Puga. Despois trasladáronse a San Adrián dos Cobres e alí foron descubertos por unha confidencia. Leváronos ao cuartel da Garda Civil no Campo da Feira, mallaron neles, torturáronos salvaxemente até a agonía. A Faustino librárono da morte as influencias da familia, e sobreviviu ao horror daquel tempo infame e acabou embarcando no Winnipeg rumbo a Chile no verán de 1939

http:// nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2015/04/para-un-mapa-de-ausencias.html

A Edelmiro Dios, o fillo maior de Josefa Vázquez, os matarifes asasinárono e mutilárono salvaxemente. Seica o obrigaron a cavar a propia tumba e enterrárono no cemiterio de Bora

http://anosdomedo.blogspot.com.es/2008/09/edelmiro-dios-vzquez.html

A súa nai non tivo forzas para ir visitalo na cadea. Non soubo tampouco que o ían matar aquel día, cando avisaron á familia de que o ían levar esa noite e a súa filla Fina lle levou a comida encargada no restaurante Calixto. Cando saiu do cuartel, Fina non puido conter a dor e as bágoas, porque sabía que era a última vez que vería vivo ao seu irmán torturado.

Mais nin sequera despois daquel crime os asasinos deixaron en paz a familia Dios. Seguiron petando nas portas da casa polas noites, saquearon a biblioteca e matáronlle o can, Leal, atravesándolle o cranio con unha baioneta.

As irmás de Edelmiro, Fina e Tucha Dios, que estudaran a carreira de Maxisterio, foron apartadas da docencia, rapadas e encarceradas na prisión provincial durante dos meses. E o seu pai Antonio Dios Gómez estivo preso durante cinco meses.

Na casa de Josefa Vázquez xa non volveu haber paz, alegría, sosego. Nunca puido superar a dor de perder o fillo, o peso da ausencia, a agonía daquela morte cruel e inxusta. Mais non podía aturar que o seu fillo estivese enterrado como un animal nunha tumba anónima e moveu todos os fíos para conseguir trasladalo ao panteón familiar de Salcedo.

Na casa souberon onde estaba enterrado porque unha moza de Bora marcara con unha pedra o lugar do crime e informou a familia. E as irmás Tucha, Fina e Nita foron levarlle flores todas as semanas ata que conseguiron o permiso para o traslado.

No tempo de prisión do pai e das irmás, Nita tiña 18 anos e axudoulle á nai a sobrelevar a dor, e os traballos da casa, e o baleiro das ausencias. Ela era a encargada de lavar a roupa que traían do cárcere, primeiro fervíaa en auga quente para matar as pulgas e piollos e despois íaa lavar ao río dos Gafos, que estaba ao pé da finca familiar, no barrio do Pino. E aínda cando estaba lavando ou voltaba á casa tiña que aturar os insultos dos falanxistas e dos cívicos.

Despois viñeron as multas, a intervención da empresa da familia, reconvertida en fábrica de armas para o exército sublevado. E nunha última demostración de sadismo, 4 anos despois de asasinalo impunemente, no ano 1940, os fascistas someteron a Edelmiro Dios a un expediente de responsabilidades políticas que se resolveu con unha pena de 10 anos de desterro a máis de 50 km de Pontevedra, 5 anos de inhabilitación absoluta e unha multa de 250 ptas. E non abondou con esta tortura. Durante moito tempo seguiu o acoso, a persecución, a ameazas, a prohibición da dor, o silencio.

E entón Josefa Vázquez tivo que facerse aínda máis forte, máis valente, máis coraxosa para sacar adiante a familia naquel tempo de intempérie, de penuria, de necesidade.

Daquela, a muller que bordou unha fermosa bandeira para a Sociedade de Agricultores de Salcedo, teceu un emblema aínda máis fermoso, a bandeira máis duradeira. Josefa Vazquez teceu fío a fío, puntada a puntada entre bágoas de dor, no silencio interminábel da casa e da fábrica, o símbolo definitivo da resistencia, da dignidade e do compromiso dunha familia que nunca esqueceu, que permanceu sempre en pé e que segue mantendo acesa a chama da memoria de Edelmiro e de todas as persoas que loitaron pola liberdade.

A bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo foi agochada nunha casa da parroquia, onde permaneceu durante 64 anos. No ano 2000 foi entregada por Arturo Estévez ao concello de Pontevedra e depositada no arquivo municipal.

Para Antonio Dios Vázquez, que aos 99 anos leva na mirada o orgullo familiar, a dignidade de Josefa Vázquez e todas as bágoas de dor que verteron os seus.

Texto: Luis Bará Torres

⇒DESCARGAR LER PDF DA HISTORIA DESTA FAMILIA REPRESALIADA DA GUERRA CIVIL

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo