Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

O Couto Mixto: A Andorra Galega

6 Outubro, 2016

Foto: Wkipedia // Lameiro

O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus. Ocupaba unha superficie de 26,9 Km² e tiña, en opinión de Pascual Madoz, unha poboación de 200 veciños no 1845, é dicir, o equivalente a 800-900 habitantes.

Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á Casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á Coroa de Portugal nin á de España.

O Couto era atravesado por unha «estrada neutral» ou «camiño privilexiado» até Tourém. O alcalde era elixido polos veciños e era confirmado posteriormente polo corrixidor de Bragança..

Entre os dereitos e privilexios do Couto Mixto atopábanse os de asilo ós fuxidos da xustiza portuguesa ou española, non dar soldados nin a un reino nin ó outro, exención de impostos, liberdade de comercio (como o do sal, obxecto de estanco), liberdade de cultivos (como o tabaco, obxecto de estanco), liberdade de elixir a nacionalidade española ou portuguesa para os seus habitantes, e outros. Os seus habitantes eran presentados como portugueses unhas veces e como españois outras, segundo o seu interese, pero non se consideraban suxeitos de ningunha das dúas Coroas. Consentían así mesmo algunha xurisdición portuguesa ou española en certos casos. Cando era necesaria a intervención xudicial, cada casa recorría á xustiza do país ao que tiñan fidelidade.

Ningunha persoa que se refuxiase no territorio podía ser detido ou privado das súas riquezas. En caso de guerra na que estivesen involucrados algún dos dous países, os habitantes do Coto Mixto considerábanse incluídos na administración do outro país.

Esta situación, moi antiga, foi cualificada de anómala e, tanto España como Portugal, deteminaron unanimemente que non se podía manter, por ser particularmente propicia ó contrabando e por acolleren tamén neses terreos bandos de malfeitores.

Coa firma e entrada en vigor do Tratado de Lisboa, no 1868, os seus dominios quedaron baixo a soberanía de España  en contrapartida, pasaron á soberanía de Portugal os chamados pobos promiscuos.

O territorio do Couto Mixto aínda incluía unha pequena tira deshabitada, dedicada a pastos, que quedou integrada no municipio portugués de Montalegre.

Disolución do Couto Mixto (Tratado de Lisboa (1864) – Fronteira Luso- Española)

No 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os límites entre os dous estados. Esta Comisión visitou as terras do Couto Mixto e dos pobos promiscuos en xullo de 1856 pero non se chegou a acordo ningún porque os portugueses propoñían dividir o Couto seguindo o leito do río Salas, de modo que Santiago e Rubiás pasaran a ser portuguesas e Meaus española.

O representante da delegación española, Fidencio Bourman, negouse a esta pretensión argüíndo que a negociación territorial era competencia dos respectivos gobernos e que tiña que resolverse por vía diplomática.

En 1863 houbo unha segunda proposta, tamén rexeitada, segundo a cal Santiago pasaría tamén a España. Asemade, os habitantes do Couto Mixto elixiron a Delfín Modesto Brandón en xaneiro de 1863 como Xuíz para tentar pór fin ós abusos continuos e á violación da soberanía cometida polas autoridades portuguesas e españolas.

Por fin, o 29 de setembro de 1864 presentouse e asinouse o Tratado de Lindes que remataba definitivamente coa institución do Couto Mixto.

 

 

Foto: Wikipedia // CorreiaPM

España entregaba, a cambio dos lugares que constituían o Couto Mixto, os tres pobos promiscuos a Portugal: Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo. Estes tres lugares están situados poucos quilómetros ó leste do Couto, sobre a mesma raia fronteiriza e vivían nunha situación parecida, pero sen os privilexios que caracterizaban ó Couto Mixto. Á marxe de establecer a territorialidade española do Couto Mixto e portuguesa dos pobos promiscuos, o Tratado deu un prazo dun ano para que os habitantes destes lugares optasen definitivamente pola nacionalidade da súa preferencia.

Delfín Modesto Brandón renunciou ó cargo cando a disolución do territorio era inevitable, foi sucedido por un último Xuíz, que rematou o seu mandato coa partición e anexión formal do territorio. A ratificación do tratado e a entrega dos territorios a España foi celebrada o 23 de xuño de 1868 na igrexa de Santiago. Os días 27 de xuño en Soutelinho e 28 do mesmo mes en Cambedo e Lamadarcos, nunha cerimonia similar, realizouse o acto oficial da entrega dos pobos promiscuos ó goberno portugués. A vixencia do Tratado dos Lindes entrou definitivamente en vigor o 5 de novembro de 1868.

Actualmente, Cambedo pertence a Montalegre, Soutelinho e Lamadarcos a Chaves.

As tres aldeas do Couto Mixto foron nun principio asimiladas ó concello de Baltar pero os habitantes de Santiago e Rubiás, máis relacionados con Calvos de Randín, reclamaron a súa inclusión neste segundo concello, o que lles foi concedido pola Deputación de Ourense o 29 de maio de 1870, que creou a tal efecto a parroquia de Rubiás dos Mixtos. En1906, os gobernos español e portugués recoñeceron terreos para pasto comunal, para uso de gandeiros dos dous lados da fronteira, sen que iso modificase o trazado da antedita fronteira.

Fonte: Wikipedia

 

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo