Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Un mes de descubrimientos en Castro de Alobre

15 Marzo, 2016



Os arqueólogos da Deputación que traballan no castro de Vilagarcía acharon cerámicas de importación, dous acus crinalis, varios fragmentos de pinzas e catrofíbulas

Xa pasou un mes desde que o equipo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra comezase os traballos no Castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. Agora os técnicos están a sacar as primeiras conclusións, que levan por afirmar que existen varios niveis de ocupación, documentándose un cuncheiro que amortiza unha estrutura anterior e elementos construtivos posteriores á formación do depósito de cunchas.

Castro Alobre

A escavación, que segue a secuencia estratigráfica, polo que aínda non se acadaron os depósitos selados polo cuncheiro, deu froitos de especial interese, coma a aparición de cerámicas de importación coma Terra Sigillata Hispanica e cerámica Campaniense B, de procedencia itálica, e restos de ánforas coma a Haltern 70 e a Dressel 20, ambas de orixe bética. Entre os achados máis sobresaíntes destacan varias pezas de bronce, dous acus crinalis (adorno feminino moi apreciado e frecuente entre as mulleres romanas, que empregaban estes obxectos para confeccionar o seu peiteado entre os séculos I d. C. e IV d. C.), varios fragmentos de pinzas e catro fíbulas, todas elas documentadas no depósito que cubre o cuncheiro.

A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa, que se estenderá ata xuño, está enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.

No Castro de Alobre a institución provincial está a realizar tarefas para acondicionar o sector visible e o seu contorno inmediato, así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas; á consolidación e restauración dos restos exhumados; á recreación de elementos singulares; á instalación de elementos para facilitar a circulación do visitante polo xacemento, impulsando a accesibilidade; á instalación de elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento; e á iluminación da área de intervención.

A través da escavación prevese a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. O equipo de técnicos da Deputación de Pontevedra espera que, ao longo deste mes, os achados continúen aumentando e poida definirse a utilidade da área que se está a escavar. Neste contexto, preténdense achegar datos para coñecer mellor as relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.

Fonte: http://www.depo.es/


 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo