Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

A Galicia Estremeira: O galego que se fala fóra de Galicia

27 Xuño, 2018



Galiza estremeira é a denominación que reciben todos aqueles territorios galegofalantes, que na actualidade se atopan fóra das fronteiras de Galiza, baixo a administración de Castela e León e Asturias. Ligados lingüística, cultural e tradicionalmente a Galicia, existe neles e arredor deles, a reivindicación histórica de pertenza á cultura galega e nalgúns casos de incorporación ou reincorporación na propia Galiza, utilizándose neste último caso a denominación de Galiza irredenta moi a miúdo ou mesmo outras denominacións como Faixa Leste.

Abarca unha franxa de aproximadamente 175 quilómetros de longo e de 15 a 30 de anchura, situada polas terras máis occidentais das actuais provincias de León e Zamora, na Comunidade autónoma de Castela e León, así como os concellos máis occidentais do Principado de Asturias, situados entre a ría de Ribadeo e o río Frexulfe (próximo ao río Navia). A pesar das diferenzas administrativas entre as diversas zonas desta longa franxa, todas teñen en común unha lingua e por tanto en boa parte unha cultura que comparten aínda hoxe coa Galiza autonómica.

Galicia Estremeira

Foto Wikipedia / Alexandre Vigo//

47 concellos// Comunidades: Castilla, León e Asturias// Poboación aproximada: 60.000 habitantes.

Tradicionalmente vénse dividindo ou agrupando estes territorios en tres partes: Eo-Navia, Bierzo e Portelas / Seabra. Se ben, recentemente apareceu unha nova proposta de comarcalización destes territorios por parte dunha organización política que divide estes territorios en cinco comarcas: Terra do Navia-Eo, Val do Ibias, O Bierzo, Cabreira e a Seabra. Estas son as diferentes comarcas segundo a primeira división por ser a máis estendida e coñecida:

Terra Eo-Navia

A Terra Eo-Navia, Navia-Eo ou Entrambasaguas, son as denominacións que recibe a rexión de lingua galega que se atopa no occidente do Principado de Asturias, limítrofe con Galiza e que comprende 19 concellos situados entre os ríos Eo e Navia. O termo Terra Eo-Navia, trátase dunha denominación de recente creación que non se corresponde con ningunha división territorial oficial ou de uso cotián tradicional, e na que se inclúen os seguinte concellos:

(1), Degaña (2), Allande (3), Grandas de Salime (4), Pezós (5), San Martín de Ozcos (6), Santalla de Ozcos (7), Eilao (8), Vilanova de Ozcos (9), Taramundi (10), Santiso de Abres (11), A Veiga (12), Boal (13), Villaión (14), Navia (15), Coaña (16), El Franco (17), Tapia (18) e Castropol (19).

Terra Eo Navia

Foto Wikipedia / Alexandre Vigo/

As Portelas e Calabor

As Portelas é unha rexión actualmente baixo administración zamorana (Castela e León), situada na fronteira con Galiza (pertencendo a ela ata o ano 1789) e na que historicamente se fala o galego, aínda que sen status oficial. Comprende os seguintes concellos:

Porto (1), Lubián (2), Pías (3), Hermisende (4), Pedralba de la Pradería (parroquia de Calabor) (5).

As Portelas e Calabor

Foto Wikipedia / Alexandre Vigo/

O Bierzo

Situado entre a Serra do Courel, os Montes Aquilanos e a Serra de Fistedo, O Bierzo é unha comarca actualmente baixo administración leonesa e integrada polo tanto na Comunidade Autónoma de Castela e León. Con todo, a propia xeografía, historia e principalmente o idioma, fan do Bierzo occidental unha terra estreitamente ligada a Galiza, formando parte dela durante séculos. O uso do galego mantense nos seguintes concellos:

Barxas (15), Borrés (4), Cacabelos (11), Candín (22), Carucedo (3), Carracedelo (7), Corullón (13), Oencia (14), Ponte de Domingos Flórez (1), Sobrado (12), Toural dos Vados (8), Trabadelo (17), Valboa (18), A Veiga de Valcarce (16), Vilafranca do Bierzo (19), Arganza (10), Benuza (2), Camponaraia (9), Fabeiro (21), Peranzais (23), Ponferrada (6), Priaranza (5) e A Veiga de Espiñareda (20).

Bierzo

Foto Wikipedia / Alexandre Vigo/

O termo irredenta, que é o máis amplamente estendido, fai referencia, segundo o dicionario da Real Academia Galega, a aquilo que está sen redimir, aplicado en particular ao territorio que, por razóns étnicas ou históricas unha nación quere anexionar. De xeito máis minoritario, este territorio tamén recibe o nome de Faixa oriental, Faixa Leste, Galiza exterior, Galiza oriental, Galiza Leste ou Galiza non autonómica

A pesar de que nas súas intervencións públicas o nacionalismo maioritario non teña feito bandeira da reivindicación territorial, o propio BNG recolle estas reivindicacións na súa Proposta de Estatuto de Galiza de 2005 onde, na súa disposición final terceira, di:

Poderán incorporarse a Galiza aqueles concellos limítrofes de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante procedementos democráticos que serán regulados por lei.

A posición tradicional do nacionalismo galego é a de negar a lexitimidade e validez da división administrativa provincial de Javier de Burgos de 1833, cuxa primeira manifestación foi o provincialismo. A posición do nacionalismo anterior a 1936 é claramente a de reivindicar estes territorios, desde a Xeración Nós até o Partido Galeguista, pasando polo arredismo ou a representación galega no IX Congreso de Nacionalidades Europeas e como vén reflectido en numerosas publicación afíns da época como A Nosa Terra, Nós ou A Fouce.

En 1931, o Anteproyeito de Estatuto da Galiza redactado polo Seminario de Estudos Galegos, a pesar de establecer no seu Artigo 4 que:

Art. 4º O territorio da Galiza comprende as antigas catro provinzas da Cruña, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Incluía a continuación, no seu artigo quinto, unha clara referencia a estes territorios:

Art. 5º Poderáse agregar ô territorio da Galiza calquera outro colindante, por acordo dos dous tercios dos seus eleitores, aprobado pol-a Asambreaia do Estado galego e a legislatura a que estivere sometido o territorio en custión; todo isto cô refrendo do Poder federal. O plebiscito ao cal se refire o primeiro parágrafo deste artigo terá lugar por iniciativa do Consello do Estado galego ou da vixésima parte dos eleitores do país que se trata d'anexar.

Esta reivindicación mesmo se trasladará ao texto final do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 onde, no artigo 2 do Título I Preliminar, se afirma:

Art. 2º Podrá agregarse a Galicia cualquier territorio limítrofe de características históricas, culturales, económicas y geográficas análogas, mediante los requisitos que las leyes generales establezcan.

Logo da Transición, as correntes maioritarias do nacionalismo tenderon a relaxar as reivindicacións neste sentido, limitándoas na maioría dos casos a aspectos culturais, case sempre en relación coa lingua.

 

Para saber máis: Galicia estremeira Wikipedia

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo