Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

O Foucellas, guerrilleiro e mito popular

12 Setembro, 2018



Mito popular, un ‘Foucellas’ era un bandido, un antifascista ou alguén a quen se podía atribuír calquera ilegalidade cometida no réxime

Benigno Andrade García, o Foucellas, nace o 22 de outubro de 1908 na parroquia de Cabrui, concello de Mesía. Asiste á escola primaria, anque logo ten que gañar a vida como xornaleiro e nunha leitería. Posteriormente vai traballar para o Bierzo, ás minas de carbón de Fabero en Ponferrada, onde probablemente toma os primeiros contactos co sindicalismo de clase.

De volta para Curtis en 1934, casa con María Pérez, coa que ten unha filla e un fillo. María traballa para o doutor Manuel Calvelo e súa muller Isabel Ríos, parella que impulsa unha célula comunista apoiada polo Foucellas.

 

O levantamento franquista en Galicia leva a Benigno Andrade a loitar en defensa da República. Xúntase a unha columna que vai para a Coruña coa fin de organizar a defensa do goberno lexítimo, mais non chegan ao seu destino, avisados no camiño da suposta inutilidade do seu destacamento cando o poder xa estaría na man dos fascistas. Á volta fala cos labregos e tenta convencelos para unirse á resistencia.

Durante os anos da guerra, estímase que o Foucellas non abandonou a súa comarca, vivindo na clandestinidade baixo a protección de amigos e familiares. Entre eles destaca a súa irmá, que traballaba nun cuartel da Guarda Civil, feito que presumiblemente permitía ao guerrilleiro obter información fundamental. Por estas datas é fusilado o doutor Calvelo, mentres que Isabel Ríos é condeada a cadea perpetua, detonantes que afianzan os valores antifranquistas do Foucellas.

O Foucellas vai ao monte, convencido da nobreza da causa republicana e fuxindo das represalias que se aveciñaban coa ascensión do fascismo, xa que tiña relacións coa célula comunista e tamén participara en expropiacións de armas e dinamita a persoas de extrema dereita, por orde do alcalde republicano de Curtis. É no ’41 cando a Garda Civil constata a actividade do Foucellas no monte, á frente dunha partida de guerrilleiros.

Coa súa propia arma, é ferido en 1945. Os amigos lévano ao sanatorio de San Nicolás, na Coruña, onde é operado e resgardado. É por esta altura cando se conta que ía a Riazor ver o Deportivo vestido de padre para evitar sospeitas. De feito, era un dos ‘fuxidos’ máis procurados da guerrilla galega, tanto pola súa actividade como polo seu simbolismo. ‘Foucellas’ era sinónimo de bandoleiro e as accións que practicaba a resistencia ou calquera fuxido eran atribuídas sistematicamente ao de Mesía.

Foto: Wikipedia// Nemigo // Mauser de Foucellas modelo 1910 e calibre 7, no Museo Militar da Coruña.

Benigno Andrade fai parte do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1947 parte para Pontevedra, onde é o principal combatente da V Agrupación. Cando abandona esta zona, a V Agrupación esmorece e Foucellas chega á IV Agrupación como militante de base. Aínda así, o carácter político do Foucellas non é equiparable ao de Gaioso ou Seoane. Non é o clásico activista formado. Benigno Andrade suma experiencias vitais que o levan a acreditar na xustiza dos valores de esquerda, olla a represión indiscriminada e sitúase do lado dos que sofren. Ademais, ten que fuxir e entra en contacto con outros guerrilleiros, o que afirma a súa posición antifascista.

Iso sí, é un combatente hábil, escorregadizo e astuto, rasgos necesarios para sobrevivir no monte ás persecucións e resistir. A súa precaución evita que sexa localizado durante moito tempo, nunha altura en que aumentaba o número de infiltrados na resistencia. En 1949, o seu enxeño sálvao dunha emboscada da Guarda Civil en que morre tiroteado o xefe de destacamento Riqueche.

O 9 de marzo de 1952 é a data da caída. Foucellas, xa ferido, é sorprendido pola Guarda Civil a 200 metros da súa cova-campamento na Costa, en Rodeiro, Oza dos Ríos. Na detención resulta morto un axente da guarda civil e outro ferido. O guerrilleiro recibe seis impactos de bala nas extremidades, o que demostra o interese das forzas franquistas por detelo vivo. Un balazo rómpelle un oso dunha perna. A ferida é remexida polas mans guardas civís para aumentar a súa dor. As torturas continúan durante os interrogatorios.

Enfréntase a un consello de guerra o 26 de xuño, no que reclama que se lle faga xusticia, unha xusticia diferente á da farsa militar que o sentenciaba a morte. O 7 de agosto de 1952, o garrote vil acaba coa vida de Benigno Andrade García, o Foucellas.

Fonte: Vieiros

 

Vídeo



Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo