Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

A Illa Guidoiro Areoso …” a illa das Mámoas” Parte 2 (Ría Arousa – Pontevedra)

Data: 27 de agosto 2016

O espazo que hoxe é o illote do Areoso non se usou na prehistoria unicamente como lugar funerario. Diferentes grupos humanos frecuentárono, cando menos, desde o final do Neolíticoata momentos avanzados da Idade do Bronce. En todas as praias da zona sur aparecen abundantes restos arqueolóxicos esparexidos pola superficie, postos ao descuberto pola acción das mareas. Son fundamentalmente fragmentos de recipientes de cerámica, pero tamén ósos de animais e cunchas, é dicir, restos de comida.

Ademais, J. M. Rey constatou na súa escavación que sobre a mámoa 2, unha vez abandonada e logo de que estivese xa parcialmente oculta pola area de praia, se instalou un asentamento datado entre o 2225 e o 1950 a. C. Nel recolleu abundantes recipientes cerámicos, entre eles algúns do tipo campaniforme, que varían en forma, calidade e capacidade con respecto aos da fase anterior. Varios cacharros teñen restos de feluxe e queimado na súa superficie, proba de que se puxeron ao lume, polo que seguramente estamos ante un poboado ou campamento episódico. Tamén apareceron dous punzóns metálicos, en bronce, un punzón de óso e instrumentos feitos en pedra puída e tallada.

Pero o máis interesante da escavación foi que se recuperaron abundantes refugallos de comida, ósos e cunchas, que non é habitual conservar en Galicia para épocas tan antigas pola acidez do solo, pero que o medio mariño de Guidoiro Areoso axudou a preservar. Aquelas xentes comían gando vacún, ovellas ou cabras (os seus ósos son case imposibles de distinguir) e porcos. En canto aos mariscos, as especies consumidas eran ostras, mexillóns e lapas, que seguramente recollían nos areais e rochedos próximos.

Ademais, durante a Idade do Bronce tamén parece que se realizaron enterramentos no illote. Á parte de que algunha das mámoas podía seguir en uso, localizáronse dúas pequenas cistas, caixas feitas con lousas de pedra que son utilizadas como sartego. Orixinalmente estarían sepultadas baixo o terreo, como as tumbas dos camposantos das igrexas.

AS MÁMOAS

Mámoa 1

Escavada por José Manuel Rey García, ten un túmulo de só 5,80 m de diámetro, moi baixo en altura, recuberto por unha capa de pedras pequenas (coiraza). Aproximadamente no centro sitúase unha cámara funeraria de planta poligonal, de 1,10 m de ancho. Seguramente estaba formada por seis lousas, das que só tres, de granito, permanecen na súa posición orixinal. No seu interior non se atoparon achados de interese. A erosión do mar fixo desaparecer case a metade do túmulo, e iso a pesar de que hoxe en día está un pouco apartado da zona intermareal.

Mámoa 2

Localizouse tamén nas escavacións de J.M. Rey no medio da praia sur do illote, sepultada baixo máis de dous metros de area. É un estraño monumento de só 7 m de diámetro formado por un pequeno túmulo recuberto tamén de coiraza pétrea, coas pedras da periferia de maiores dimensións. No seu centro unha vintena de pequenas lousas de granito formaban unha cámara sepulcral de planta levemente oblonga (1,73 × 1,50 m), que seguramente se cubría con materiais perecedoiros.

A cámara semellaba baleirada en época prehistórica e o seu contido esparexido pola periferia do monumento. Este enxoval estaba formado por varios vasos de cerámica, algúns cunha decoración incisa que os arqueólogos denominan Penha, datada na primeira metade do III milenio a. C.

Mámoa 3

Descuberta pola erosión dos últimos anos, en 2014 xa se aprecian cinco lousas de granito cravadas na area formando unha estrutura aproximadamente circular de máis dun metro de diámetro. Trátase da cámara funeraria, ao leste da cal, onde a marea segue a erosionar a praia, unha serie de cantos indican a presenza da coiraza do túmulo que a rodea. Este pequeno dolmen está situado a carón da mámoa 2, a só 4,50 m do bordo da escavación realizada nos anos 80 do século XX, pero non foi coñecido ata datas recentes, o que dá idea da cantidade de area que desapareceu nos últimos anos.

Mámoa 4

Este monumento xa foi documentado por J. M. Rey nos seus traballos na illa, pero non chegou a escavalo. Daquela conservábase case enteiro e puido documentar parte da coiraza de pedras que o recubría. Na actualidade o mar devorou case a metade do túmulo e pode apreciarse, no perfil norte da illa, un corte case perfecto da súa estrutura. Presenta unha cámara funeraria alongada, case rectangular, de 2,60 m de longo por 1,50 m de alto e un largo descoñecido, xa que máis da metade segue sepultada baixo a terra. Está formada por tres lousas de granito no seu lado visible e unha cuarta á dereita, que fai de cabeceira. Vese tamén unha quinta lousa á esquerda, seguramente a que serviu para pechar o monumento posto que se sitúa ao SE, o punto onde adoita estar a porta deste tipo de tumbas. Conserva tamén a cuberta, aparentemente caída no interior do dolmen e rota cando menos en dous anacos por mor do peso da area da duna que ten enriba.

Á dereita deste dolmen pódese ver unha sección da mámoa que o rodea, feita con terra negra e recuberta dunha coiraza de pedras de granito. Non semella ser maior de 10 m de diámetro por 1,20 m de alto, polo que as lousas da cámara aflorarían por fóra dela en altura. En setembro de 2011 o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente construíu un muro de contención para protexer o monumento da acción do mar.

Mámoa 5

Cando menos desde 2005 dúas lousas de granito apoiadas unha na outra en ángulo recto afloraban na praia oeste, case no istmo que une as dúas partes que forman o illote. En 2011 desapareceran máis de 40 cm de area e podía apreciarse a estrutura da mámoa na zona intermareal. En 2013 a acción do mar destruíra por completo o monumento. Tratábase dun túmulo duns 9 m de diámetro, recuberto dunha coiraza de pedras de granito das que só se conservaba o anel exterior. No seu centro situábase unha cámara megalítica da que non se coñece a forma completa, composta polo menos por seis lousas tamén de granito, das que só dúas permanecían na súa posición orixinal. Unha destas últimas era a máis alta e acadaba 1,72 m.

Vídeo: “Unha viaxe á Illa dos Mortos” : O Illote de Guidoiro Areoso é un sitios arqueolóxicos máis fascinantes de Galicia. Unha auténtica necrópole prehistórica no medio do mar.

 

Fonte: Wikipedia

Comparte este Artigo!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo