Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

7 razóns para non perder as Rías Baixas: Festivais e turismo

29 Maio, 2016

Sempre existen máis razóns ca as musicais para acudir aos festivais. As actividades de lecer paralelas aos concertos constitúen unha oferta variada e alternativa para gozar do conxunto das Rías Baixas en todas as súas dimensións. Unha maneira de facer turismo de paisaxes, gastronomía e cultura que te sorprenderá.

1. As Praias

Un dos grandes atractivos das Rías Baixas son as praias de area branca e fina coas súas tranquilas augas. É o caso de Praia América en Nigrán, un dos areais urbanos máis visitados, ou os areais de Vigo; tamén as calas accesibles por sendeiros do Parque Natural de Carreirón, na zona sur da Illa de Arousa. E é que a costa das Rías Baixas permite elixir ás/aos súas/seus visitantes entre máis de medio cento de praias que este ano locen bandeira azul.

2. A Gastronomía

Toda estancia nas Rías Baixas acompáñase do seu correspondente menú. O verán é ideal para degustar peixes e mariscos. As numerosas festas coma a da ameixa de Carril, a do mexillón na Illa de Arousa ou a do polbo en Bueu son algunhas das citas máis destacadas. Unha comida que se pode saborear co seu correspondente viño, coma o albariño, coa súa propia denominación de orixe, que se exalta en Cambados a principios de agosto. Os festivais convértense en ocasións ideais para explorar experiencias gastronómicas coma a cociña de vangarda e fusión do Grupo Nove en Nigrán ou o restaurante efémero Casa SonRías en Bueu, no que os músicos pasan polos fogóns e, convertidos en cociñeiros, ofrecen tapas cociñadas ante o seu público.

3. As Illas

Os festivais constitúen unha oportunidade para realizar escapadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que se estende ao longo da costa. Dous dos seus arquipélagos son unha visita moi recomendable para admirar a biodiversidade: o escenario natural que mostran as illas Cíes na ría de Vigo e os ecosistemas da illa de Ons na de Pontevedra. Fauna, flora, sendeirismo, praias e paisaxes espectaculares constitúen a substancia das illas atlánticas. Cara ao interior das devanditas rías, outras illas, coma a de San Simón ou a de Tambo, con grandes e singulares traxectorias, dan conta da crónica histórica das Rías Baixas.

Os festivais constitúen unha oportunidade para realizar escapadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

4. Termalismo

Tras as xornadas de concertos unha opción para descansar son as sesións de terapia termal en spas e talasos. As augas mineiro-medicinais dos balnearios de Caldas de Reis e, a pouca distancia, das termas de Cuntis, ofrecen as súas propiedades curativas e de relax para calquera persoa ou grupos que queiran gozar delas.

 

5. A Cultura

As Rías Baixas destilan cultura e historia, tal e como demostran acontecementos coma a Batalla de Rande, en plena ría de Vigo, e a lenda do Nautilus, documentada por Xulio Verne, a quen se homenaxea cun monumento no porto da cidade olívica. O capitán Nemo e o Nautilus teñen dedicadas senllas esculturas na illa de San Simón, onde conta a tradición que podería estar a illa secreta do Capitán Nemo. Pero remontándonos na historia e situados na Idade Media a illa foi tamén un antigo centro monástico e crese que o poeta e trobador Mendinho era nativo da zona. Dentro da lírica medieval débese a Martín Códax un poema no que se menciona a illa por primeira vez. A visita pódese completar coñecendo lugares onde escribiron as súas obras autores como Ramón M.ª del Valle-Inclán, que desenvolveu parte da súa traxectoria en Vilanova de Arousa.

As Rías Baixas destilan cultura e historia

 

 

6. A Arquitectura

Dentro das visitas que se poden realizar para admirar as construcións das Rías Baixas están os conxuntos histórico-artísticos de Baiona e de Tui, de gran riqueza monumental, co castelo do século X e restos da muralla do século XII, respectivamente. A pouca distancia destacan os xacementos galaico-romanos do monte de Santa Trega, na Guarda. Os castros, petróglifos e as vistas do val do Rosal e do esteiro do Miño forman unha paisaxe espectacular. Enmarcada na arquitectura contemporánea tamén é posible contemplar unha serie de edificios repartidos por toda a provincia con apostas estéticas singulares nas que se combinan modernidade e funcionalidade.

 

7. A Aventura

Por mar as propostas máis emocionantes pasan por practicar actividades acuáticas coma a vela, tanto en Vilagarcía de Arousa coma en Baiona, onde se organizan regatas, e o surf e windsurf en distintas praias de Nigrán. En disciplinas coma o mergullo as escolas de Vigo son o referente. Mentres, en terra, unha das actividades máis accesibles para gozar do tempo de lecer é realizar unha ou varias rutas de sendeirismo. As rutas que percorren A Illa de Arousa ou distintas travesías urbanas coma a do Castro en Vigo son outras das propostas.

 

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo