Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Un outono entre castañas e cogomelos

22 Marzo, 2016



O outono chega a Galicia e a protexe do frío vestíndoa de cores cálidos: marróns, amarelos, ocres, …

As fragas están radiantes, non só polas fermosas e incomparables paisaxes coas que nos agasallan,  senón porque nos proporcionan os produtos estrela da gastronomía galega da tempada: as castañas e os cogomelos.

Setas Galicia

É certo que os cogomelos os podemos atopar durante todo o ano, pero é en outono cando podemos gozar dunha maior cantidade e variedade:  os champiñóns, os boletos, os níscaros, as cantarelas, as trompetas dos mortos, as setas dos cabaleiros, … Unha rica diversidade que non deixa de sorprendernos, e que nos permite xogar con todo tipo de receitas para todo tipo de padais: en minestras, en sopas e caldos, en revoltos, á prancha, á pedra, en crema, en entrantes, en sobremesas, coma prato principal, soas ou acompañadas, etc. As propiedades dos cogomelos os fan saborosos e sans, xa que conteñen proteínas vexetais e moitas vitaminas, cun alto valor nutritivo.

Cociñalos e degustalos é un pracer, pero tamén o é recollelos para cada vez máis afeccionados á micoloxía. Esta práctica esténdese case por toda a xeografía galega, e é nestes meses cando alcanza a súa máxima expresión. Poñendo algúns exemplos de lugares ideais para atopar cogomelos, poderíamos falar dos piñeiros costeiros das Rías Baixas, a serra do Suído, as comarcas do Deza e Tabeirós, a Ribeira Sacra, as serras dos Ancares e do Courel…  Os bosques de coníferas, de carballos e castiñeiros soen ser os fogares ideais para os cogomelos. Como vedes, xa a sabia nai natureza ocúpase de reunir en perfecta harmonía castañas e cogomelos.

Setas Galicia

 

As castañas galegas, con todas as súas variedades, foron distinguidas pola súa calidade e as súas especiais características, sen dúbida vinculadas á súa terra de orixe. Por iso contan coa Indicación Xeográfica Protexida. Podemos atopalas sobre todo nas comarcas coruñesas e pontevedresas do corazón de Galicia, en toda a provincia de Ourense e practicamente en toda a de Lugo.

A historia do cultivo de castiñeiros en Galicia está moi vinculada á dos viñedos, e ambos o están aos mosteiros. Os monxes coidaban con esmero os castiñeiros tanto polo seu froito, a castaña, coma pola súa madeira. Son testemuñas da antigüidade deste cultivo, e da súa importancia no desenvolvemento económico de moitas rexións do interior de Galicia, algúns soutos centenarios, coma por exemplo a Fraga de Catasós, en Lalín (Pontevedra), e o Souto de Rozabales, en Manzaneda (Ourense), ambos nomeados Monumentos Naturais. No Souto de Rozabales atoparedes o Castiñeiro de Pumbariños, unha inmensa árbore que posiblemente chegue aos mil anos cun diámetro de 13,85 metros!

A castaña apórtalle á gastronomía galega milleiros de posibilidades, doces e salgadas: castañas asadas, pan de castañas e millo, castañas con pasta, caldos, cremas e purés de castañas, guisos de carnes e peixes con castañas, con xudías, con grelos, en pasteis, con leite, flan de castañas, filloas de castañas, licores de castañas, etc. O dito: milleiros de posibilidades!
A tempada da castaña podería enmarcase de outubro a decembro. Durante esta época, en Galicia sucédense as festas tradicionais que xiran en torno a este versátil froito. Os magostos poderían ser a festa oficial do outono galego, onde a castaña e o lume son os protagonistas destas típicas castañadas!

As festas gastronómicas son esenciais na cultura galega, e, como non podería ser doutro modo, tanto as castañas coma os cogomelos teñen os seus propios momentos. Poderíamos poñer miles de exemplos, pero aquí vos deixamos dous delas, declaradas de Interese Turístico: a Festa do Magosto, en Ourense, e a Festa da Castaña e do Cogomelo en Riós, Ourense.

 


Comparte esta Publicación!!!








Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS




Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo