Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Visitando “A Chave do Reino de Galicia”: Allariz

24 Marzo, 2017

Foto: Porgaliciabaixo

Allariz é unha xoia medieval engastada nun remanso do río Arnoia que soubo conservar con moito éxito todo o legado do que é depositaria. A vila estivo unida ao poder real desde o seu nacemento, pois lle debe xa o seu nome ao rei suevo Alarico, que repoboou estas terras alá polo século V, sendo en distintas ocasións ao longo da idade media capital do Reino de Galicia e asento da corte de Castela.

No seu núcleo estivo asentada a corte literaria que, creada por Afonso X O Sabio, criado de neno na vila, recompilou as Cantigas de Santa María. Con Sancho IV obtivo o título de «Chave do Reino de Galicia».

O seu esplendor foi decaendo segundo o poder real íase afastando de Galicia co avance da reconquista cara ao sur. E por iso, o legado daquela época chega hoxe a nós impoluto nunha vila moi coidada, pioneira en intervencións de conservación e rehabilitación do patrimonio, que foron recoñecidas co premio europeo de urbanismo, coa inclusión no catálogo de boas prácticas da ONU e coa declaración de Reserva da Biosfera en 2005, xunto con outros concellos da comarca.

O  paseo pola vila transmítenos a súa fonda personalidade: unha perfecta conxunción de arquitectura relixiosa, civil e militar, acompañada de fermosas paisaxes fluviais da recuperada ribeira do Arnoia. A oferta lúdica e de lecer da vila esta ampliada coa posibilidade do gozo que para os sentidos supoñen os circuítos termais .

O visitante de Allariz non debe deixar de visitar as recuperadas ribeiras do Arnoia, que conforman o arboledo paseo do Arnado, un logradísimo parque etnográfico que recupera artes e tradicións do pasado agrícola e artesanal. Componse de tres pezas fundamentais: o muíño do burato, o museo do tecido «o fiadeiro» e o museo do coiro, situado no antigo curtidoiro dos Nogueira, que conta cunha cafetaría restaurante.

Unha ponte peonil de madeira comunica as dúas beiras do río e permite deleitarse con todos estes elementos moi facilmente. Esta intervención de recuperación integral da ribeira do río e do seu patrimonio foi a base da consecución do Premio Europeo de Urbanismo en 1994.

Que debes visitar en Allariz sí ou sí…

-Barrio Xudeu:  asentado no s.XIII extramuros no barrio de Socastelo, que acolleu unha importante xudería medieval.

-Campo da Barreira: amplo espazo aberto limitado polo norte por un lenzo medieval da muralla da vila; no seu centro conta cunha fermosa fonte barroca, obra de Ferro Caveiro, e nun dos seus laterais aparece o Real Convento de Santa Clara. Este mosteiro feminino foi fundado en 1268 por dona Violante, esposa de Afonso X O Sabio. O edificio actual data do s. XVIII e conta cun importante museo de arte sacra, destacando a Virxe Abrideira de Marfil. Posúe o claustro máis grande de España. Nesta área empregada tamén como lugar de celebración da feira quincenal, tamén podemos admirar a Igrexa de San Bieito, erixida no s. XVIII cuns fermosos lanterna e campanario.

-Museo Iconográfico “Aser Seara”: na rúa Castelao. Interesante colección de Arte Sacra con imaxes románicas, góticas e barrocas.

-Casa Museo Vicente Risco, na rúa San Lourenzo. Acolle a biblioteca e o despacho do insigne escritor galego, así como documentos, debuxos e obxectos relacionados co literato.

-Ponte e Igrexa de Santa María de Vilanova: ambas construídas no século XII, trátase dun fermoso e atraente conxunto románico ao que se chega ao final do paseo do Arnado.

-Penedo da Vela e Castelo: lugar onde se asentaba o desaparecido castelo da vila, perfecto miradoiro para ollar a vila e as ribeiras do río. Especialmente boa é a panorámica sobre a Igrexa de Santiago, un dos mellores exemplos do románico popular galego na Praza Maior, e as súas inmediacións, onde destacan o Pazo do Xulgado, na rúa do Portelo (hoxe alberga o Museo do Xoguete con pezas que van dende comezos do s. XX ós anos 1960).

-Casa Torre de Castro Oxea (Torre do XVI, pazo do XVIII). Máis cara ao sur divísase a Igrexa de San Pedro (románica de finais do s. XII) e cara ao leste a Igrexa de Santo Estevo (s. XII e reformas no XVI), que conta con tres sepulcros medievais.

Galería fotos (Fotos de Porgaliciabaixo)

 

 

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo