Pontevedra posúe fermosas fontes que engalanan a cidade e falan do seu devir histórico e artístico. Sen dúbida, a máis famosa delas é a da Ferrería sita na veciña praza de Ourense. Esta é a fonte que «da de beber a quen pasa» tal e como reza a copla. Trátase dun manancial renacentista a imitación dos chafarís portugueses e cuxa historia está chea de avatares. Foi erguida no século XVI, restaurada no XVIII, derrubada no XIX e reedificada en 1928.”
En orixe a fonte foi redonda con tres cuncas, de belida factura e cunha interesante simboloxía outorgada polos escudos e emblemas que posúe. Ergueuse na parte sur da Ferrería como obra municipal e grazas a unha cédula de Carlos V concedida en 1537. Foi obra concibida por Joao Lopes o Velho, a imitación das que se atopaban nas cidades de Caminha e Viana do Castelo, aínda que ao longo do tempo intervirán outros mestres, como Domingos Fernandes, na súa feitura. A fonte foi gabada dende moi cedo deixándonos impresións dela Ambrosio Morales ou frei Martín Sarmiento.
Chegado o século XVIII acométense reformas tanto na contorna como na propia fonte. É agora cando se encarga a Pedro de Moldes a elaboración dunha figura que representase á Fama para o remate da fonte, xa que este estaba roto. O encargo tiña un mes de prazo e estaría feito en pedra de cantería fina, cunha vara de tamaño e mais unha peaña de base. Ao latoeiro Francisco Gilarde encargóuselle, entre outras cousas, unha trompeta de cobre de media vara de longo para completar a alegoría da Fama. Corría o Nadal de 1788. A reforma da fonte da Ferrería estará marcada por varios incidentes e preitos ata 1790. A inicial obra renacentista xa non era a mesma tralas acometidas de repintes, repiques, instalación de barreiras e con engadidos como outro pío e a figura da Fama.
Á fonte aínda lle quedaban cousas por vivir, pasando polo seu desmantelamento en 1857 e a súa posterior reconstrución en 1928 a expensas da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, a cal conservou a maioría das pezas e acometeu amorosamente o seu novo levantamento no actual sitio após a supervisión e traballo de figuras como Casto Sampedro, Castelao ou o arquitecto Salgado. Nesta reconstrución deixouse de colocar, xunto outras poucas pezas, a figura da Fama de Pedro de Moldes. En decembro de 2010 a fonte someteríase a unha restauración integral.
Aquí damos un chimpo ata a praza do Peirao que foi onde foi parar a imaxe da Fama en 1928 para coroar outra fonte que alí se atopa. Esta é obra de Alejandro Rodríguez Sesmero –ao que tantas construcións emblemáticas debemos na nosa cidade– de 1876, adxudicada ao contratista José Barcia y Barcia por 1.245 pesetas. Ademais da figura da Fama engadiuse á fonte unha cunca tamén procedente do chafarís da Ferrería que tampouco se utilizara na reconstrución. Adquiriría desta maneira a fonte da praza do Peirao un aspecto de gusto barroco, trocando a traza orixinal que Sesmero ideara e que se conserva no Arquivo Histórico Provincial.
Alí, pois, foi parar esta antiga alegoría, personificación dos rumores –sexan certos ou non– e da fama. Está sen a trompeta que a caracteriza pero facendo o ademán de tocala. Viste capa e coiraza e leva guedellas, no entanto carece das ás que a identifican noutras representacións; será para que non fuxa? Fama volat, dicía Publio Virxilio Marón
Para saber máis:
– BENITO GARCÍA, J.: Habladme piedras, Alfil, Pontevedra, 2013, pp. 76-83.
– FILGUEIRA VALVERDE, X.: «A fonte da Ferrería de Pontevedra», Arquivos do Seminario de Estudos Galegos – VI, Santiago, 1933.
– JUEGA PUIG, J.: «La fuente de la plazuela del Muelle», en Asociación de Vecinos San Roque, Nº 4, Pontevedra, 2002, pp. 49-50.
– SOTELO RESURRECCIÓN, E. (Coord.): Ferraría, Concello de Pontevedra, 2014.
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.