“A GUERRA TAMBÉN FOI NOSSA”. PORTUGUESES NA GUERRA CIVIL DE ESPANHA

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa comisión pola memoria histórica “Sempre con vós. Cidadanía pola verdade”, xunto co “Instituto de Estudos Miñoranos” de Gondomar e a “Asociación Cultural Vagalumes” da Estrada traen a Galiza o documental “A Guerra também foi nossa”, unha reportaxe da Radio e e Televisão de Portugal sobre a historia dos portugueses represaliados por Franco na guerra civil española. Proxectarase nos tres concellos entre os días 30 de maio e 1 de xuño, contando coa presenza das autoras.

A guerra civil tamén marcou para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Cidadáns que vivían preto da fronteira ou traballaban en varias rexións españolas, víronse atrapados no conflito. Cando estalou a guerra en 1936 había 30.000 portugueses emigrantes en España, constituíndo a comunidade estranxeira máis numerosa. Tres anos despois, só na Galiza houbo 370 represaliados/as e 68 asasinados/as.

Na reportaxe “A guerra também foi nossa”, a RTP conta historias inéditas de portugueses que, a pesar de non teren ido á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas. Oitenta anos despois percorren a raia luso-española, da Galiza ao Alentejo, do Minho a Andalucía e rescatan as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra.

Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez.

Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago.

“A Guerra também foi nossa” é unha reportaxe da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Conta coa colaboración e asesoramento do investigador Dionisio Pereira, quen estará presente e varias das proxeccións.

A calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos “Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores”, na categoría de mellor programa de información televisiva.

¬ PARA VER O DOCUMENTAL CLICK AQUÍ

Porgaliciabaixo
COMPARTE!