A PRAZA DA LEÑA EN PONTEVEDRA

Cando un pensa nunha imaxe característica da cidade de Pontevedra, un rosario de postais acoden prestas ao maxín. A “Boa Vila” ofrece unha multitude de lugares impregnados de  personalidade, dunha delicada beleza e cun sabor entre pedra e ría.

Entre estes recunchos de vida que definen á urbe do Lérez, ocupa un lugar destacado a Praza da Leña. Xorde aparentemente como un recolecto espazo, mais agocha o transito de xeracións e conserva a memoria dunha cidade enteira. Acolle os enredos infantís á vez que ofrecese como unha fermosa terraza de granito onde poder desfrutar de viños e tapas.

Imaxe: Praza da Leña 1900
Imaxe: Praza da Leña 1900

A praza obtivo o seu nome en 1854 e fai referencia á venda de leña e piñas como material de combustión que alí producíase; antigamente denominábase “Eiradiño” ou “Eirado da Leña” e posuía unhas dimensións máis reducidas que as actuais. Confórmana unha serie de vivendas asoportaladas, de planta baixa e dous andares, que continuarían ás antigas construcións procedentes da actual rúa Figueroa. Son edificios dos séculos XVIII e XIX que proporcionan un gosto entrañable e moi pechado ao lugar. Tres das vivendas que podemos apreciar posúen soportais adintelados con columnas de orde toscana nos capiteis e baseamentos, outra –actual número 35– mostra dous arcos de medio punto descansando sobre pilastras. Os panos das fachadas, cristaleiras, cornixas e carpinterías dos inmobles constitúen elementos interesantes na fisionomía do enclave.

Imaxe: www.todocoleccion.net
Imaxe: www.todocoleccion.net

No século XVIII a praza reformúlase coa construción na súa contorna inmediata dos pazos de Castro Monteagudo e García Flórez, actuais sedes do Museo Provincial. O arquitecto Francisco Pons Sorolla y Arnau intervirá –xa no século XX– no espazo con actuacións destinadas á restauración e limpeza de vivendas e mellora dos pavimentos, sempre respectando ao máximo o aspecto da praza.

A praza obtivo o seu nome en 1854 e fai referencia á venda de leña e piñas como material de combustión que alí producíase; antigamente denominábase “Eiradiño” ou “Eirado da Leña”

Un dos elementos máis característicos da Praza da Leña outórgallo o cruceiro sito no centro. Non se fixo para este sitio, senón que instalouse alí en 1941 procedente de Caldas de Reis.

A estampa da Praza da Leña foi reproducida  en infinidade de ocasións baixo diferentes artes e técnicas: debuxo, pintura, gravado, fotografía, etc

Imaxe: Gustavo Marshall (2015)
Imaxe: Gustavo Marshall (2015)

Un dos elementos máis característicos da Praza da Leña outórgallo o cruceiro sito no centro. Non se fixo para este sitio, senón que instalouse alí en 1941 procedente de Caldas de Reis. Actualmente o sitio non se concibe sen este elemento que sumouse a unha serie de intervencións, no casco vello da cidade, que viron a recuperar diferentes obras ou anacos de antigas construcións nun dialogo de inspiración historicista para o “engalanamento” da urbe. O cruceiro, pertencente ao Museo Provincial, sería cedido ao concello; sufriu varios danos ao longo do tempo, someténdose a restauracións en algunhas ocasións. Unha primeira recomposición nun debuxo veu da man de Castelao, para o seu afamado e tan belido ensaio As cruces de pedra na Galiza. Da súa traza orixinal queda o capitel e máis a cruz; sendo o fuste, o pedestal e a plataforma de tres chanzos engadidos posteriores. Encádrase entre os séculos XVI e XVII como un modelo de transición ao barroco.

Debuxo do cruceiro por Castelao (Imaxe: Mateo Fontán Couto)
Debuxo do cruceiro por Castelao (Imaxe: Mateo Fontán Couto)

Unha primeira recomposición nun debuxo veu da man de Castelao, para o seu afamado e tan belido ensaio As cruces de pedra na Galiza.

A estampa da Praza da Leña foi reproducida en infinidade de ocasións baixo diferentes artes e técnicas: debuxo, pintura, gravado, fotografía, etc. Artistas como Carlos Sobrino Buhigas, José Seijo Rubio ou Carlos Mourón; fotógrafos de onte, tamén os de hoxe que volven a ela unha e outra vez, e tantos outros, deixaron testemuño dun dos emprazamentos máis feiticeiros da nosa cidade. Coido que non sería demasiado complicado a compilación de obras destacadas e curiosas en diferentes formatos para a montaxe dunha exposición que tivera como eixe vertebrador á Praza da Leña de Pontevedra.

Para saber máis:

– FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, C.: Pontevedra. La Memoria rescatada, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2015.

– FONTOIRA SURÍS, J.: Pontevedra monumental, Deputación de Pontevedra, Cambados, 2009.

– GARCÍA IGLESIAS, J. B.: Habladme piedras, Alfil, Pontevedra, 2013.

Mateo Fontán Couto
MATEO FONTAN COUTO

Historiador e arqueólogo.

COMPARTE!