A PROCESIÓN DAS XÁS

A procesión das Xás ou procesión das Xans trátase dunha procesión semellante á da Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son as pantasmas dos mortos as que van nela, senón as pantasmas dos vivos.

Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro dáse case sempre nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos.

Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que lle fan é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha grande malleira e arrástrano polas silveiras.

Son poucas as persoas que ven a procesión das Xás, pois para iso precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve rezase mal o credo cando o batizaron, ou ben que o crego cambiase os santos óleos confundindo os da extrema unción cos do batismo. Tal erro pódese remediar batizándose de novo.

Fonte: Wikipedia

Porgaliciabaixo
COMPARTE!