A SELECCIÓN ESPAÑOLA JUNIOR DE NATACIÓN ARTÍSTICA CONCENTRARASE EN PONTEVEDRA

A Selección Española Júnior de Natación Artística escolleu Pontevedra como sede para a súa concentración de preparación do Campionato de Europa de Atenas, que se celebrará en xuño. Do 5 ao 9 de febreiro, as mozas promesas da natación artística española daranse cita no Complexo Deportivo Rías do Sur para afinar as súas rutinas e chegar na mellor forma ao campionato continental.

 

Esta é a primeira vez que a cidade do Lérez acolle unha concentración deste nivel, o que supón un importante impulso para a natación artística en Galicia e en Pontevedra, segundo destaca a presidenta do Club de Natación Artística Galaico Pontevedra, Alejandra Parada. Ademais, esta concentración visibiliza o deporte e ao club organizador, un dos obxectivos principais da tempada.

As nadadoras, entre as que se atopa a pontevedresa Daniela Suárez, do Club de Natación Artística Galaico Pontevedra e alumna do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, realizarán adestramentos intensivos de entre seis e dez horas diarias na piscina olímpica de Pontemuíños.

A concentración non se limitará aos adestramentos. O Club Galaico Pontevedra organizou unha serie de actividades paralelas para achegar a natación artística á comunidade e dar a coñecer ás deportistas. O 7 de febreiro, as nadadoras compartirán un encontro con alumnos dos CEIP Froébel e Álvarez Limeses, onde poderán coñecer máis sobre este deporte e ás súas referentes. Ese mesmo día, serán recibidas polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello.

Ademais, o 8 de febreiro, o público pontevedrés terá a oportunidade de gozar dunha exhibición da selección júnior en Rías do Sur. Esta será unha ocasión única para presenciar a natación artística de alto nivel e apoiar ás futuras estrelas deste deporte.

A directora técnica do club, Diana Fernández, resalta a importancia desta concentración, xa que “do equipo nacional júnior saen as futuras nadadoras absolutas e posibles nadadoras olímpicas”. Así mesmo, subliña a aposta da directora técnica da RFEN, Ana Montero, por Pontevedra como sede da concentración júnior.

A exnadadora nacional Berta Ferreras tamén estará presente en Pontevedra como parte do staff técnico, na súa faceta de psicóloga.

A concentración da selección júnior é un dos eventos deportivos impulsados polo Club de Natación Artística Galaico Pontevedra esta tempada. En marzo, Rías do Sur será sede do Campionato de Inverno de Natación Artística Infantil e Alevín. O club tamén organiza outras competicións como o Trofeo Cidade de Pontevedra, o Trofeo Deputación e o Campionato Galego de Natación Artística.

Porgaliciabaixo
COMPARTE!