O Concello de Bueu únese á conmemoración do Ano Castelao no 2025, recoñecendo a importancia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como figura clave na historia política e cultural de Galicia. Castelao, destacado pola súa obra literaria, artística e de investigación, así como polo seu compromiso social e político, foi o primeiro presidente do Consello de Galiza no exilio.
Bueu lembra a presenza de Castelao na vila en 1932, onde participou en mitins do Partido Galeguista xunto a outras figuras relevantes. O Concello comprométese a deseñar unha programación para difundir a figura e obra de Castelao, convidando á participación de asociacións e entidades locais. Anímase aos veciños a coñecer a súa obra a través da Biblioteca Municipal.
BANDO:
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886- Bos Aires,7 de xaneiro de 1950) é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza, á que contribuíu cunha brillante obra literaria, plástica e de investigación impregnada do seu compromiso social e político. Castelao comprometeuse coa terra e co país e coa loita por unha Galiza máis xusta e máis libre, que o fixo ser o primeiro presidente cando no exilio encabezou o Consello de Galiza.
Castelao tamén tivo a súa pegada na nosa vila, onde fixo parada en 1932 a través de diferentes mítines do Partido Galeguista en Beluso, Meiro ou Bueu, e nos que participou xunto a outras figuras relevantes como Alexandre Bóveda ou Otero Pedrayo. Nestes actos deixou claro o seu compromiso coa loita contra todo tipo de desigualdades así como coa defensa dos dereitos de Galiza.
O Concello de Bueu adhírese ao recoñecemento do Ano Castelao no 2025, co deseño dunha programación na que se inclúa a difusión da súa figura e obra. Ao mesmo tempo, faise un chamamento para a participación de todo o tecido asociativo da vila e entidades que así o desexen, para contribuír aos mesmos obxectivos.
Coincidindo co 75 cabodano de Castelao, desde Bueu queremos sumarnos tamén ao recoñecemento do seu legado, coa posta en valor da súa obra e acción, polo que levaremos a cabo o deseño de diversas actuacións que ao longo do ano contribúan a este obxectivo e que reflictan a súa relevancia cultural e histórica.
Ademais, queremos animar a toda a veciñanza a seguir coñecendo a obra de Castelao, nas súas múltiples facetas, para o que poden visitar a Biblioteca Municipal Gonzalo Torrente Ballester, onde temos dispoñible unha ampla recompilación da súa obra.
Queremos á vez recuperar as seguintes verbas de Castelao: “o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”. Así pois, desde o Concello de Bueu seguiremos traballando este 2025 co obxectivo de mellorar a vida da nosa veciñanza.
Félix Juncal Novas
Alcalde de Bueu
