DISCURSO DO ALCALDE DE PONTEVEDRA NA CELEBRACIÓN DO PREMIO DA CULTURA GALEGA, AO MUSEO DE PONTEVEDRA

Presidenta e Vicepresidente da Deputación Sr. Deputado de Cultura, Deputadas, deputados, concelleiros, Sr. Director do Museo, Persoal desta casa, Queridas amigas e amigos,

É un pracer transmitirlles, en nome de todos os veciños e veciñas de Pontevedra, os máis entusiastas parabéns que esta esgrevia institución pode merecer.

Na hora de recibir este premio Nacional da Cultura Galega, e tamén de todos os premios que día a día recibe de cada un dos seus visitantes, investigadores, técnicos, funcionarios e responsables.

Porque un museo coma este é un premio en si mesmo. Un auténtico cofre, vivo e aberto, no que se garda, conserva, restaura e exhibe moita da nosa memoria colectiva.

Esa memoria que canto máis coñecemos, mellores persoas nos fai.

Sen dúbida, falar despois de persoas como as que me precederon, ten o risco dos lugares comúns, das repeticións.

Máis é imposible non lembrar nesta hora a Castelao e os seus contemporáneos que tan ben concretaron coa súa obra o seu amor por Pontevedra e o seu orgullo de galegos polo que fomos, polo que somos e polo que seremos para nós e para o mundo.

Hai xa 90 anos fundábase o Museo de Pontevedra, herdeiro da Sociedade Arqueolóxica que nacera en 1894 coa misión de defender un patrimonio cultural ameazado.

Grazas a esas persoas avanzadas ao seu tempo, conservamos hoxe este anaco do Convento de San Francisco, un auténtico sinal de alerta sobre a destrución do patrimonio arquitectónico a fins do século XIX que acabou coas Torres Arcebispais e a muralla de Pontevedra, as máis elocuentes pegadas medievais.

Casto Sampedro, Castelao, Argenti, Sánchez Cantón, Daniel de la Sota, Álvarez Limeses, José Millán, Raimundo Riestra, Losada Diéguez, López de la Ballina e Filgueira Valverde foron o gran xermolo do seu Padroado, naquela época ilustrada que foi a Pontevedra do primeiro terzo do século XA.

Despois de décadas de resistencia e expansión o noso Museo chega a hoxe en día como un gran centro cultural cheo de posibilidades para contribuír a engrandecer aínda máis a cidade coa que reciprocamente se alimenta.

Hoxe ninguén dubida que se trata do gran Museo Nacional de Galiza.

Pola súa riqueza, pola súa variedade, pola súa misión, pola súa actividade científica, polo seu legado, polos seus fondos e os seus don antes, este Museo é o que mellor recolle a esencia, a arte, os símbolos, a variedade inmaterial e artística do noso milenario país, contraforte da nosa riqueza cultural e bandeira da nosa memoria colectiva.

Estou seguro de que nesta nova etapa os seus novos responsables contribuirán definitivamente a situar o Museo no lugar prominente que debe ocupar.

Pola súa enorme importancia e pola súa relevante potencialidade, está chamado a ser un facho sempre aceso na promoción e no posicionamento de Pontevedra como foco cultural na Galiza de hoxe.

Desexo que, en paralelo á dimensión internacional que nos últimos tempos alumea á nosa cidade, en paralelo ás tendencias que vai marcando Pontevedra na calidade urbana e os modos de vida contemporáneos, o museo saiba situar no mapa a súa enorme potencia artística, documental e divulgativa, como o sobranceiro centro de arte e historia que é, e como un produto turístico de primeira magnitude no ámbito cultural.

E aproveitando que vimos de celebrar o Ano Castelao, fago así mesmo votos para que este símbolo creativo, político e artístico do país, poda encher de vida moitas páxinas do museo, da cidade e de Galiza, sumando a súa figura e aproveitando a súa fama, a súa forza e o seu poder simbólico como unha das principais magnitudes deste centro cultural tan potente en todas as súas dimensións.

Parabéns, amigas e amigos, por este premio e por todos os que foron e serán, seguros de que o camiño a percorrer no futuro servirá para recuperar esa luz que levou aos seus fundadores a promover a súa preciosa iniciativa da que hoxe os pontevedreses nos sentimos tan tan orgullosos.

Parabéns, Museo de Pontevedra

Parabéns, Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores

Porgaliciabaixo
COMPARTE!