Todos os que somos pontevedreses, e igualmente visitantes, maiores e non tan maiores; lembrarán con agarimo e certa nostalxia, aqueles trolebuses ou “ troles”, como eran chamados cariñosamente; que comunicaban Pontevedra con Marín por unha banda, e con Lérez por outro.
Disertaremos sobre eles, pero non sen antes., falar dos seus precedentes: O tranvía en Pontevedra.
O TRANVÍA A VAPOR
Remontámonos ao século XIX, en concreto ao ano 1879; onde na Gazeta de Madrid, con data 9 de febreiro, exponse o estudo dun proxecto de tranvía entre Pontevedra e Marín, presentado diante de a Administración por Don Carlos Gastañaduy e Don Prudencio Otero. Será no ano 1887 cando lles será outorgado a concesión en susbasta.
En xuño de 1889 comezarán as tarefas destes 7,1 quilómetros de vía; establecendo o principio de liña na estación de ferrocarril de Pontevedra, con outras estacións no percorrido; en Lourizán, Estribela e finalmente o porto de Marín; acomodándose o itinerario á estrada existente a Cangas.
No seu paso por Marín, cruzaba a localidade pola rúa da Reina, chegando á Praza do Muelle e ao espigón este do porto.
En 1907 a concesión será traspasada a Don Alejandro Mon, Don José Riestra (Marqués de Riestra) e Gaspar Massó Ferrer.
A liña comeza a funcionar en xuño de 1889, non sen problemas, unhas veces por cuestións técnicas -descarrilamentos, falta de correcto mantemento-, e outros problemas de índole fiscal. Todo iso conlevará a unha decadencia progresiva desta empresa. Chegamos así ao tranvía eléctrico.
TRANVÍA ELÉCTRICO
Situámonos a principios do século XX no ano 1917, que é cando se planifica a eletrificación, que se fará efectiva en 1922 cando se crea a Compañía dos Tranvías Eléctricos de Pontevedra.
Don Teodosio Domínguez aspira ante a Dirección Xeral de Obras Públicas ao proxecto dun tranvía eléctrico que partiría de Santiago do Burgo -Praza de Abastos, continuando o traxecto por:
Rúa Arzobispo Malvar
praza do Concello (Plaza de España)
Rúa da Oliva
Rúa Michelena
Continuando o seu traxecto pola estrada a Marín, contando con diferentes bifurcacións a:
Placeres
Lonxa de Estribela
Peirao Este Puerto de Marín – Rúa Reina de Marín
O proxecto foi subscrito polo enxeñeiro Don Vicente Riestra Calderón e adxudicado a Don Teodosio Domínguez en 1922. E así se implantó a S.A. do Tranvía Eléctrico de Pontevedra, que uniría á nosa cidade con Marín e Lérez, contando con varios ramais.
En febreiro de 1924 viaxará por última vez o vello tranvía a vapor; e iniciaranse as obras para electrificar a liña. O 18 de decembro de 1924 ponse en funcionamento, quedando establecidas as liñas da seguinte maneira:
Liña 1. Pontevedra – Lérez.
Liña 2. Pontevedra – Marín.
Liña 3. Pontevedra a Marín pola Lonxa de Estribela (mercadorías)
E estará en funcionamento ata a época da guerra civil. Posteriormente a esta, nos anos 40, o Ministerio de Obras Públicas, modifica e reforma a estrada entre Pontevedra e Marín, sendo substituídos os tranvías polos trolebuses, decisión que toma a Compañía de Tranvías Eléctricos de Pontevedra.
OS “TROLES”
O servizo de trolebuses foi inaugurado o 15 de decembro de 1943 cun custo de 60 céntimos de peseta; e percorría os 8 quilómetros entre Pontevedra e Marín.
Nos anos 50 habilitaríase entre Pontevedra e Lérez, para prolongarse nos anos 60 a Alba.
Os trolebuses foron mercados en Londres, os primeiros dun piso, e a principios da década dos 60, chegaron aqueles míticos de dous pisos.
Desembarcaron oito destes últimos ao porto de Marín no febreiro do 61.
No ano 77, a compañía de trolebuses foi asimilada por Transportes A Unión, e adquiríronse 17 novos vehículos en Valencia.
Nos 80 chegou o declive; material envellecido e mal conservado acompañado de excaso mantemento . Tan é así, que no ano 88 interrómpese e elimina a liña Pontevedra – Lérez- Alba, e no ano seguinte en agosto, desaparecen definitivamente todos os trolebuses; sendo substituídos polas liñas de autobuses que coñecemos actualmente.
Ilustracións Copyright © Maria del Puerto Portela (Porgaliciabaixo)
Máis información:
https://www.spanishrailway.com/tranvia-de-pontevedra-a-marin/