En medio mundo occidental celébrase o Halloween, dunha maneira estendida. En moitos territorios “importaron” esta festa con formato americano. Os galegos sabemos que non é así, e que en realidade esta festa de orixe celta está enraizada no máis profundo da nosa cultura, e hermanada con outros pobos atlánticos desde a noite dos tempos.
Samhain en gaélico, Samaín en galego, dous termos como podemos apreciar case idénticos, que veñen significar “ fín do verán”, o final do tempo das colleitas ou o que é o mesmo a transición cara ao inverno, e iso é representado na noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro.
Era así como se consideraba na cultura celta que se iniciaba, podería dicirse o novo ano celta, a metamorfose cara á etapa ou estación escura. En contraposición estaba a estación clara, coñecida como noite de Walpurgis, o que sería a época do verán, no transcurso do 30 de abril ao 1 de maio, na que se festexaba a noite de Beltane.
Todo ísto, está moi relacionado co druidismo ou a relixión dos druídas. Segundo investigacións, a festa de Samaín era celebrada aproximadamente desde o quinto ao sétimo día de novembro, coincidindo a mediados do equinoccio de outono e solsticio de inverno. Os festexos estendíanse por unha semana culminando na “festa dos espíritos”, e era aí cando arrincaba o novo ano celta.
É posible que a “festa dos espíritos” sexa a orixe desta relación cos nosos defuntos, xa que nela dalgunha maneira os sacerdotes druídas, realizaban uns ritos, e entraban nun estadio nos que contactaban cos antepasados,era o modo de franquear a barreira entre dous mundos, o dos vivos e os mortos. Así mesmo crían que os espíritos dos nosos familiares visitaban os fogares nos que moraran en vida.
Profesaba esta relixion que cando finamos e somos espíritos, chegamos a un lugar de perfección, sen sofrimentos e de plena felicidade, posteriormente nas terras con esta cultura e consideradas pagás, o cristianismo transformaría este concepto en “ceo”.
Nestas festas de druídas prendían lumes cara ao serán en diferentes zonas dos poboados celtas, para atemorizar e expulsar aos malos espíritos e conducir por bo camiño aos defuntos. E algo diso quedou arraigado na nosa cultura e nas nosas aldeas nesa noite, onde se acendían fogueiras con madeira de tezo, que logo serían tamén utilizadas nas lareiras.
Outro exemplo son as cabazas, a súa orixe parece ser que está nos antigos poboados celtas, cando colocaban no Samaín nas murallas dos castros as caveiras alumeadas, dos seus inimigos finados en loita.
Este costume seguiuse mantendo cando se cristianizaron estas terras, e a pesar de ser considerada pagá, a xente non abandonou este costume, iso si, substituíndo as caveiras por cabazas.
Xa no cristianismo o Papa Gregorio III ( s.VI) fixou a data do 1 de novembro como Dïa de Todos Os Santos na Basílica de San Pedro de Roma, e posteriomente sería outro Papa, Gragorio IV quen o instauraría de maneira universal., coa vixilia da xornada anterior, o 31 de outubro. E precisamente o termo “Halloween” deriva de aí, “ All Hallow’ s Eve” (Vixilia de Todos os Santos) na cultura inglesa.