Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

Manuel María… A forza do idioma

8 Abril, 2016



Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galego, destacado polo seu carácter combativo e mais polo seu compromiso político.

Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, ahistoria, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Dedicaráselle o Día das Letras Galegas de 2016

Manuel María

Manuel María, fillo de dous labregos acomodados, Antonio Fernández Núñez, que foi alcalde de Outeiro de Rei, e Pastora Teixeiro Casanova, estudou as primeiras letras na súa vila e en Rábade. En 1942 trasladouse a Lugo para estudar o bacharelato nos maristas e nesta cidade comezou a súa precoz carreira literaria participando por mediación de Celestino Fernández de la Vega, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias “Jóvenes valores lucenses”. Nestas conferencias entrou en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Núñez, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Juan Rof Codina e Aquilino Iglesia Alvariño, que o puxeron en contacto co mundo literario galego; desa época data tamén a súa amizade con Uxío Novoneyra.

En 1950 publicou o seu primeiro poemario, ós 19 anos, Muiñeiro de brétemas, co que se inaugura a denominada “Escola da Tebra”.

Froito da decepción recibida por suspender os exames de ingreso á Universidade de Santiago foi o seu segundo poemario Morrendo a cada intre. Realizou o servizo militar en Santiago de Compostela e alí acudía á tertulia do Café Español, onde fixo grande amizade con Carlos Maside. Ao rematar o servizo militar volveu a Lugo, prepárase como procurador, e en 1954 gañou os Xogos Florais de Ourense.

En 1958 instalouse en Monforte como Procurador dos Tribunais, ao tempo que daba clases nunha academia e colaboraba nunha emisora de radio. Ao ano seguinte casou con Saleta Goi.

Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participou na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, ao tempo que colaboraba con numerosas organizacións dedicadas á recuperación cultural impartindo conferencias e recitando poemas: organizou a Editorial Xistral e coa súa dona montou a librería de igual nome, presentou tamén no Teatro Capitol de Santiago a Nova Canción Galega o 1 de decembro de 1968. Sendo a poesía o seu xénero preferido, tentou a man tamén co ensaio, a narrativa e o teatro. Pasou dunha postura existencialista pesimista cara ao compromiso social e político. Elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 1970, renunciou nunha carta pública que apareceu nos xornais galegos en 1975.

Militante de base da UPG e da Fronte Cultural da AN-PG, foi concelleiro en 1979 en Monforte, mais en 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural, asentándose na Coruña. No xornal A Nosa Terra escribiu a columna Andando a Terra. Unha das últimas campañas coas que colaborou foi coa de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, a raíz do desastre do Prestige.

No 1997 foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, con 73 anos, o 15 de febreiro de 2003, a proposta de Xosé Luís Franco Grande,Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso “A Terra Chá: poesía e paisaxe”, respondido por Méndez Ferrín.

Finou na Coruña o 8 de setembro de 2004, e foi soterrado en Santa Isabel, Outeiro de Rei.

Fonte: Wikipedia

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo