Galego   GALEGO


Turismo, Cultura, Historia de Galicia: Ourense e Pontevedra

 



PUBLICACIÓN

O Palacete das Mendoza en Pontevedra : A casa de “Los gozos y las sombras”

6 Febreiro, 2017



Este edificio emblemático, situado na zona vella de Pontevedra, alberga actualmente a sede de Turismo Rías Baixas. É un centro de atención e información ó turista, no que se desenvolven periodicamente numerosos actos de benvida, roldas de prensa e presentacións relacionadas con este sector.

Antes da súa construción levantábase no lugar o castelo medieval dos arcebispos de Santiago (ou dos Churruchaos). Tras o asalto inglés, que tivo lugar en 1719, polo intento español de axudar a Bretaña, unicamente se conservaban dúas torres parcialmente danadas que se alzaban por riba da deteriorada muralla da cidade. A mediados do século XIX a muralla sería derrubada por orde do Concello, polo que no terceiro cuarto do século XIX o único que permanecía do castelo eran as dúas torres arcebispais ou dos Churruchaos.

Placio de los Mendoza

O palacete construíuno no século XIX Alejandro Rodríguez Sesmero, o arquitecto máis importante da súa época en Pontevedra, artífice doutros edificios emblemáticos coma a casa consistorial (1877) e o pazo da Deputación (1883), ambos con alusións á arquitectura francesa. Grazas ás innovacións deste arquitecto este inmoble foi o primeiro en contar con auga corrente.

Este palacete estivo vinculado desde o seu inicio á coñecida familia Méndez Núñez. Foi construído por mandato de Soledad, irmá do eximio almirante Casto Méndez Núñez  (heroe da Batalla do Callao), o cal lle cedeu a casa a Carmen Babiano, filla da súa irmá Clara; máis tarde pasou á propiedade das súas sobriñas-netas María e Concepción Mendoza Babiano. Estas mulleres, moi implicadas coa cultura da súa época, morreron sen descendencia e foron as últimas en ocupar a casa como residencia privada no ano 1971.

A cultura foi unha constante na vida do palacete. Carmen Babiano recibiu unha formación moi ampla, dominaba varios idiomas, apaixonáballe a música e gustáballe pintar. A súa casa converteuse en centro de reunións de personalidades importantes do momento. Alí mesmo organizaba as chamadas sesións musicais, das cales mandaba imprimir os programas se intuía o éxito da sesión prevista.

Placio de los  Mendoza

Este palacete, denominado daquela “de Méndez Núñez”, pronto pasou a coñecerse polo nome “das Mendoza”, en referencia ás fillas de Carmen Babiano, Concepción e María Mendoza, que exercerían unha grande influencia na sociedade e cultura da cidade de Pontevedra. Herdaron da súa nai o gusto pola pintura e a música, continuaron cos concertos e faladoiros e converteron así o palacete nun centro cultural e de reunión da sociedade pontevedresa da época. Ademais, eran convidadas ás festas dos barcos das frotas inglesa e alemá cando facían escala nos portos da provincia e mantiñan unha grande amizade cos seus membros, ata o punto de que nalgunhas ocasións o nome destas aparecía nos seus “libros de viaxe”. Estas irmás, en palabras de Filgueira Valverde, exerceron de consulado para os estranxeiros, servíndolles de guía e presentándollelos ás personalidades da cidade de Pontevedra.

O edificio caeu no abandono ata mediados dos anos 80, cando serviu de escenario para a gravación da serie televisiva Los gozos y las sombras, baseada na novela de Gonzalo Torrente Ballester.

Foi recuperado por Cajamadrid, que tivo aí a súa sede ata que a Deputación de Pontevedra se interesou polo inmoble e o adquiriu a mediados de 2004 “co ambicioso obxectivo de promover a chegada de visitantes a esta provincia e ser a casa e o punto de encontro de todos aqueles que traballan por este esforzo”. Preténdese, polo tanto, continuar o labor realizado en prol da cultura provincial manténdose como centro cultural e de exposicións.

Desde a súa inauguración como sede de Turismo Rías Baixas, o 28 de xullo de 2004, o palacete das Mendoza permanece aberto todos os días do ano (excepto Nadal e Ano Novo), con horario continuo de luns a venres (de 8:00 a 20:00 h) e en horario matinal os sábados, domingos e festivos.

Palacio de los Mendoza

 

Fonte: Diputación de Pontevedra

 




Comparte esta Publicación!!!










Ourense
Pontevedra
Vigo


Buscar
Historia
Cultura
Turismo
Naturaleza
Fotos - Vídeos
Autores
Webs Amigas

Síguenos en Facebook

Síguenos en Google+
Síguenos en Twiter
Síguenos en Linkedin
Síguenos en Youtube
Síguenos en Pinterest
Síguenos en Deviantart
Subscríbete a nuestro canal RSS








Porgaliciabaixo

Contacto | Mapa Web | Aviso Legal


Este sitio Web publícase baixo licenza CREATIVE COMMONS.

Diseñado por PorGaliciaBaixo






Deseñado por PorGaliciaBaixo