A historia da lingua galega pódese resumir como sete séculos de normalidade, desde as súas orixes cando se separa do latín galaico, aló polo século IX, até a introdución do castelán no século XV, e cinco séculos de conflitos, do século XVI até os nosos días.
Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe preindoeuropea e ao igual que os indoeuropeos deixaron a súa pegada na lingua galega. As informacións de xeógrafos e historiadores grecolatinos, os restos arqueolóxicos e as similitudes lingüísticas con outras zonas indican que no noroeste peninsular coexistiron diferentes etnias desde o paleolítico até o século V a. C.
Desta maneira, podemos falar de dous tipos de substratos:
Substratos preindoeuropeos
Cronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias convivindo no noroeste da Península Ibérica. Considerando a distribución xeográfica entre voces propias da Galiza e doutros lugares, pódense diferenciar tres grupos:
- Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado cronoloxicamente a finais do paleolítico superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga e variantes (queiroga, queiruga, queiroa…), carqueixa, carrabouxo, carrasco…
- Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no terceiro milenio a. C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco, gorro …
- Tirrénico (no Mediterráneo), do cal procederían touza, morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gándara…
Substratos indoeuropeos
As teorías dominantes no século XX aseguran que a partir do primeiro milenio antes de Cristo se desprazan até a península pobos indoeuropeos ou indoeuropeizados que se superpoñen ás etnias anteriores. Aínda que hoxe as teorías invasionistas se poñen en cuestión e incluso algunha escola coma a de Mario Alinei propón un itinerario moi diferente ao da visión historiográfica tradicional, o que semella indiscutible é presenza na área noroeste da Península de pobos de fala protocéltica e máis tarde céltica. Eses substratos, testemuñados ademais pola toponimia, dividiríanse en dous grupos:
- Linguas preceltas ou protoceltas. Segundo se estima teríanse desprazado á Península, aproximadamente polo ano 800 a. C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...), xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo…
- Linguas celtas. Tería habido dúas emigracións de pobos celtas; unha de celtas goidélicos no século VIII a. C.(falantes do chamado Celta Q, que orixinará o irlandés, o escocés e o manés) e unha segunda de celtas britónicos no século V a. C. (falantes da variante do Celta P que orixinará o galés, o bretón e o córnico). Para algunhas opinións, especialmente a segunda onda sería a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona, manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos. Outras perspectivas baseadas en restos léxicos e etnográficos e en fontes lendarias coma o Lebor Gabála Érenn estiman que canto menos as rexións costeiras e máis norteñas da futura Gallaecia falaban un idioma semellante ao gaélico.
En calquera caso algunhas palabras procedentes destes substratos celtas permaneceron na lingua: beizo, laxe, lousa, lama, boroa, croio / coio, bico, berro, bosta, billa, berce, bugallo, centola, seara, bágoa, vasoira, colmo (=palla), gancho, braña, virar, alpendre, touciño, tona… Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto entre galos e latinos, o léxico celta filtrouse desde o propio latín vulgar que traían os lexionarios e os colonos: camisa, braga, cabalo, carro, cervexa… Tamén na toponimia fican elementos de xinea claramente céltica, coma as terminacións en -obre ou -robe (Landrove, Lestrobe, O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre, Callobre, Canzobre, Montrobe, Tiobre, Pantiñobre (véxase o artigo sobre topónimos galegos en -obre) e o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coimbra…). Así mesmo hai numerosos hidrónimos de orixe celta, como Deva(=auga), Limia (=fluír), Sar (=fluír torrencialmente), Sarela…
Fonte: Wikipedia