ILLA DE COVO, ILLA DAS ESCULTURAS

Sita nunha das zonas máis fermosas de Pontevedra, as sete hectáreas da Illa do Covo amosan unha máxica simbiose entre natureza, arte e paisaxe. Todo conflúe nun poema de sensacións que asaltan ao paseante que se deixa caer por ela co ánimo disposto á reflexión e a experimentar emocións non sempre fáciles de contar.

Ulric Rückriem. S/T (Imaxe.: Mateo Fontán Couto, 2012)
Ulric Rückriem. S/T (Imaxe.: Mateo Fontán Couto, 2012)

Foi en 1999, dentro do Xacobeo compostelán celebrado ese ano, cando a Illa do Covo –tamén coñecida como Illa da Xunqueira do Lérez ou o Parque da Familia– pasou a compartir denominación co proxecto artístico da Illa das Esculturas. Os artistas elixidos foron, como se de apóstolos se tratasen, doce. Doce apóstolos do granito, xa que este será o material protagonista empregado; haino rosa Porriño, negro de Campo Lameiro, gris de Arcade ou gris perla de Mondariz… O granito, do que as terras da provincia de Pontevedra levan sendo grandes produtoras dende tempos prehistóricos, como homenaxe á pedra e aos canteiros que a traballan; homenaxe tamén aos monumentos ao longo do Camiño de Santiago. Un diálogo entre pasado e presente da man de doce obras e un belido paraxe que conforman unha paisaxe cuxa contemplación atesoura momentos íntimos e distintas impresións. A pedra amósase envolta nun halo sacralizado inherente a Galicia, onde a litolatría sempre gozou, e mesmo goza aínda hoxe, de recia saúde.

O granito, do que as terras da provincia de Pontevedra levan sendo grandes produtoras dende tempos prehistóricos, como homenaxe á pedra e aos canteiros que a traballan; homenaxe tamén aos monumentos ao longo do Camiño de Santiago.

Foto: Francisco Leiro: Saavedra. Zona de lecer (Imaxe: Mateo Fontán Couto, 2012)
Foto: Francisco Leiro: Saavedra. Zona de lecer (Imaxe: Mateo Fontán Couto, 2012)

Non importa ser un entendido na arte contemporánea para gozar do paseo pola illa. Mesmo coido que primeiro e bo relacionarse con ela dunha forma «virxinal», deixándose levar por primeiras sensacións e o impacto que reflicte o lugar. Na aventura artística dos tempos actuais o concepto das obras ben pode partir dunha impresión persoal allea a aquelo do que o autor quere falarnos. A arte dialoga con nós e pídenos opinión, moitas veces baseada na mera contemplación. Aí están os textos dos comisarios que levaron o proxecto adiante, Antón Castro e Rosa Olivares, para poder mergullarnos nas peculiaridades das obras expostas, e poder coñecelas, xunto aos autores, máis a fondo. Pero a interacción coa illa vai máis aló do coñecemento artístico, o cal é sempre recomendable para unha maior visión e desfrute.

Os autores, de recoñecido prestixio, transmiten a súa relación coa illa. Cada un co seu estilo, e todos implicados cunha misión onde arte e natureza compleméntanse a distintos niveis. Algunhas esculturas son de maior visibilidade que outras, máis inmersas no contacto coa vexetación do lugar. Temos de todo un pouco: estelas que gañan terreo ao ceo, liñas transformadoras do paisaxe, bancos inscritos con leccións vitais, pantasmas de árbores graníticos, reminiscencias de sonetos de Petrarca, arcadas que conducen a un gran cerebro, unha casa sen porta nin fiestras e ata un labirinto que recorda ao do petróglifo de Mogor. Obras de afamados galegos como Leiro, Fernando Casás ou o pontevedrés Enrique Velasco comparten espazo con persoeiros internacionais da arte. Todo conectado por pontes e pasarelas nun espazo natural protexido onde árbores e fauna son protagonistas xunto coas esculturas.

Foto: José pedro Croft: S/T(Imaxe: Mateo Fontán Couto, 2012)
Foto: José pedro Croft: S/T
(Imaxe: Mateo Fontán Couto, 2012)

Temos de todo un pouco: estelas que gañan terreo ao ceo, liñas transformadoras do paisaxe, bancos inscritos con leccións vitais, pantasmas de árbores graníticos, reminiscencias de sonetos de Petrarca, arcadas que conducen a un gran cerebro, unha casa sen porta nin fiestras e ata un labirinto que recorda ao do petróglifo de Mogor

Un lugar que invita ao paseo, durante o cal podémonos atopar co mosteiro de  San Salvador de Lérez ao fondo, trala ponte do tren, ou «leer o prólogo» dos fermosos salóns do río Lérez. Sitio tamén para o deporte xa que nel sitúanse instalacións para elo, e sempre pode verse a xente practicando  footing ou piragüismo polo tramo final do Lérez. Un lugar, en definitiva, onde albiscar estampas de fonda beleza e tarefa ben fácil, cómpre tan só ter os ollos abertos, pero tamén o olfacto e os demais sentidos.

ARTISTAS E OBRAS

– Giovanni Anselmo: Ceo acortado
– Fernado Casás: Os 36 xustos
– José pedro Croft: S/T
– Dan Graham: Pyramid
– Ian Hamilton Finlay: Petrarca
– Jenny Holzer: S/T
– Francisco Leiro: Saavedra. Zona de lecer
– Richard Long: Liña de Pontevedra
– Robert Mnorris: Labirinto de Pontevedra
– Anne & Patrick Poirier: Unha Folie ou Pequeno Paraíso para Pontevedra
– Ulrich Rückriem. S/T
– Enrique Velasco: Xaminorio xunquemenes obay

Para saber máis:

– Antón Castro, X.; Olivares, R.: Isla de Esculturas, catálogo editado por Olivares & Asociados, S. L., Madrid, 2000.
– Antón Castro, X.: Illa das Esculturas, Diputación Provincial de Pontevedra, Vigo, 2003.
– http://elblogdefarina.blogspot.com.es/2009/11/illa-das-esculturas-pontevedra.html

Mateo Fontán Couto
MATEO FONTAN COUTO

Historiador e arqueólogo.

COMPARTE!