LEMBRANZAS A CASTELAO EN PONTEVEDRA

Recentemente vén de se facer pública a decisión adoptada polo Consello Asesor do Museo de Pontevedra de renomear ao, até o de agora, Sexto Edificio como Edificio Castelao.

Que o grande artista e intelectual fose un dos membros do padroado de cando se fundou o Museo sumado a que a meirande parte do seu legado consérvase, por propio desexo de Castelao, nesta institución son motivos claramente xustificantes desta decisión. Se nalgún lugar existe un museo de Castelao ese é o Museo de Pontevedra, máis se cabe neste edificio que nos ocupa, xa que actualmente acolle as dúas salas dedicadas ao persoeiro. Puido ser outro nome, si. Mais agora a decisión está tomada e, coido, debemos celebrar que o inmoble ao fin teña unha designación axeitada.

Foto Sexto Edificio, agora Edificio Castelao // Autor: Mateo Fontán Couto
Foto Sexto Edificio, agora Edificio Castelao // Autor: Mateo Fontán Couto

Se ben Castelao foi o autor dese texto de tan fondo calado amoroso coñecido como Meu Pontevedra!, temos que reparar na resposta que a cidade sempre tivo á hora de homenaxear a tan egrexio pontevedrés, aínda que sexa de adopción. Nomear a todo un edificio do museo provincial é significativo disto, mais existen outros varios exemplos.

Por suposto unha rúa leva o nome de Castelao en Pontevedra, coma en practicamente calquera lugar de Galicia. Ao respecto desta rúa recollo a información contida no fantástico blogue de Oscar Ferreiro Boedo http://callesdepontevedra.blogspot.com/ , di así:

Actuando tras su inauguración como una prolongación de la calle Cruz Gallástegui, se trazó a partir del callejón sin salida que quedó junto al hotel Rías Bajas al edificarse la calle Daniel de la Sota a principios de la década de los sesenta.

Este callejón era resultado de la planificación de la apertura de un nuevo vial que comunicara Daniel de la Sota con Sagasta en un futuro no muy lejano, pero finalmente hubieron de pasar 25 años para que se viera materializada. Así, no fue hasta el 8 de marzo de 1989 cuando se procedió a su inauguración.

Placa da rúa Castelao // Foto Mateo Fontán Couto
Placa da rúa Castelao // Foto Mateo Fontán Couto

Nesta mesma rúa encóntrase a cafetería Castelao, establecemento hostaleiro que xa conta varios anos de servizo na cidade do Lérez. Tanto o letreiro de fóra coma as paredes de dentro recollen debuxos e alusións características do noso protagonista.

Cafetería Castelao en Pontevedra // Foto Mateo Fontán Couto
Cafetería Castelao en Pontevedra // Foto Mateo Fontán Couto

No tocante á escultura son tres as efixies de Castelao que garda a cidade. O monumento que realizou o xenial escultor Buciños data de 1983, foi ergueito pola Asociación Amigos da Cultura tras subscrición popular nas vésperas do Día da Patria Galega, tal e como rezaba nunha placa que hoxe non posúe. O pedestal está realizado en granito e a figura en bronce. Castelao, caracterizado con traxe e paxarela, camiña en contra do vento en alusión ao seu maxisterio e aspiracións políticas.

Este magnífico monumento, coido que o segundo tralo de Rianxo en ser erixido, está situado   na avenida de Santa María aínda que un tempo, durante a última reforma acaecida no sitio, situouse a carón do Edificio Fernández López do Museo, na rúa Pasantería; cando regresou, no sitio onde estivera púxose unha placa circular co coñecido autoretrato do artista conformado polas súas iconas: sombreiro de á ancha, lentes, cigarro e paxarela. Arredor desta placa tallouse, en caracteres propios de Castelao, a mesma inscrición que leva o pedestal do monumento: NOS TEMOS FE NO NOSO POVO E MOI LOGO O NOSO POVO TERA FE EN NOS.

Monumento a Castelao de Buciños nas súas dúas últimas localizacións. Placa e inscrición na rúa Pasantería. (Fotos: Mateo Fontán)
Monumento a Castelao de Buciños nas súas dúas últimas localizacións. Placa e inscrición na rúa Pasantería. (Fotos: Mateo Fontán)

No conxunto escultórico denominado “La tertulia”, sito na praza de San Xosé, atopámonos cunha recreación dunha velada musical no mítico Café Moderno: Manuel Quiroga toca con virtuosismo o violín namentres un grupo destacado de cinco oíntes saborea o espectáculo, estes son  Alexandre Bóveda, Castelao, Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas e Carlos Casares, este último de pé. Castelao, sentado a carón de Bóveda, ten os brazos cruzados escoitando ao grande artista, na mesa de enfronte deixa o seu sombreiro. O conxunto é obra de César Lombera, inaugurado no 2006. No interior do edificio do Café Moderno, hoxe pertencente a Abanca, atópase a maqueta a tamaño real desta obra. Supón un atractivo máis dos varios que atesoura o establecemento no que, por certo, colgou unha fantástica obra de gran formato asinada por Castelao titulada A tentación de Colombina, datada en 1917 e que anteriormente adornara outro histórico café pontevedrés: o Royalty.

Castelao en “La Tertulia”(Foto: Mateo Fontán)
Castelao en “La Tertulia”
(Foto: Mateo Fontán)
Modelo do conxunto escultórico (Fonte: Abanca)
Modelo do conxunto escultórico (Fonte: Abanca)

Sen saír do edificio onde nos atopamos podemos descubrir a escultura de Castelao que nos resta por comentarmos. Sitúase no xardín interior, espazo para o que foi concibida, e forma parte da colección de arte de Abanca. É unha obra do afamado escultor Leiro, de 2003. A escultura representa a Castelao cuberto cunha caroza, talvez sexa o motivo que no club karepas do que era membro respondía ao nome de “Palleiro”. A figura xorde do granito e a máxima expresión atopámola no rostro silandeiro. A escultura vai perdendo detalle dende a cabeza até desembocar na pedra pura.

Escultura de Castelao no xardín do Café Moderno(Fonte: Abanca)
Escultura de Castelao no xardín do Café Moderno
(Fonte: Abanca)

Ademais podemos sinalar tamén a existencia na cidade da Federación de Asociaciones de Vecinos Castelao, que conta cun local propio na rúa Gagos de Mendoza. Lembro que o que fora candidato a alcalde polo PSOE, Antón Louro, levou no programa traer a Fundación Castelao a Pontevedra, mais a cousa non fraguou. No “debe” dos recoñecementos sinalamos a falta dunha placa na rúa da Oliva na que foi a vivenda de Castelao xunto á súa dona Virxinia Pereira e o malfadado do seu fillo, Alfonsiño.

Mateo Fontán Couto
MATEO FONTAN COUTO

Historiador e arqueólogo.

COMPARTE!