LORES CONVOCA A ALCALDES AFECTADOS POR PEAXE DE AP-9 PARA SOLICITAR CONXUNTAMENTE A SÚA ELIMINACIÓN

En principio, este documento está dirixido aos alcaldes e alcaldesas de Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Cangas, Moaña, Bueu, Marín, Poio, Barro, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Con todo, a porta está aberta para que outros concellos interesados se unan a esta iniciativa.

A autoestrada AP9 no tramo entre Pontevedra e Vigo tivo inicialmente unha concesión até o ano  2013, posteriormente prorrogada até o 2023 e, despois, novamente prorrogada 25 anos máis até o 2048

Sen menoscabo das reivindicacións da liberación da peaxe en toda a autoestrada ou noutros tramos, e sen tampouco menoscabo do recoñecemento dos avances que supuxeron as bonificacións para o Morrazo e as actuais para usuarios recorrentes, o certo é que no tramo Pontevedra a Vigo se dan unhas circunstancias especiais que se deben ter en conta.

A primeira é que Pontevedra e Vigo forman parte, xunto co Morrazo e os concellos da Ría de Pontevedra dunha mesma conurbación, dunha mesma área metropolitana, e así quedou recollida nas Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, documento oficial aprobado e en vigor.

A segunda circunstancia é a carencia dunha alternativa de comunicación por estrada entre Pontevedra e Vigo digna para os parámetros e condicións actuais.

A terceira é a profunda asimetría entre as relacións entre o Morrazo e Vigo, subvencionada a conexión con Vigo, pero non así a conexión con Pontevedra.

Por estes motivos, cremos que é de xustiza a petición de que se libere de peaxe o tramo da autoestrada AP9 entre Pontevedra e Vigo, e se dea cumprimento a esta reivindicación histórica.

En consecuencia, diriximos esta petición ao Ministerio de Transportes e aos Grupos Políticos do Congreso e do Senado, para que tomen en consideración esta petición e adopten as medidas e iniciativas para darlle cabal cumprimento

 

 

Porgaliciabaixo
COMPARTE!