MENTRES HAXA CHURRASCOS, HABERÁ GALEGOS

Este domingo pasado, como moitos dos que me estades lendo, fun pasar o día á casa dos meus cuñados nunha aldea próxima á cidade de Ourense. Un día de sol extraordinario, nesta primavera estival que nos está regalando nosa especial climatoloxía.

Preparábase o  churrasco de rigor, ao que tan afeccionados somos, e sucedíanse as diferentes roldas de sesión de Vermuths , Ribeiros, Mencías  –estamos en Ourense, que non se diga –, ademais de Estrella de Galicia ben fresca… e como nota “discordante”… algunha que outra copa de Rioja… Todos os membros da familia, en perfecta harmonía de charla distendida, mentres un dos meus cuñados “pelexaba”  coas brasas da grella para conseguir ese perfecto punto de cocción de todo o que puxese enriba dela.

E por suposto!!, sendo galegos, se falamos de cantidade… entramos en terreo  de interpretación ao libre albedrío. Normalmente adoita corresponderse con que nunha comida familiar, digamos de vinte membros; poderíase dar para comer tranquilamente a un batallón, que regresase esfameado dunhas manobras militares, e aínda así poderían repetir menú ao día seguinte, e ao outro…  Somos fieis seguidores, da  lema que nos inculcaron as nosas avoas, e que debe ir no ADN galego;  aquel que reza” máis vale que sobre que non que falte”.

Neste ambiente tan noso,  salpicado de conversacións divertidas familiares e xogos dos máis pequenos, retireime un ratiño do “núcleo duro” de “afumémonos co churrasco que o vento caprichosamente empéñase en enfilar cara a nós, pero que non abandonamos, porque forma parte do  cerimonial que nos flipa”… e como dicía, leveime nunha man un vaso con coca cola fría –confésoo, comporteime como unha sacrílega – e na outra man, un anaco de touciño ben cruxiente recentemente feito ao xeito de aperitivo. E apartada nun recuncho da leira, púxenme a contemplar a paisaxe. Magníficas vistas,  casas de pedra, cruceiros, fermosos campos moitos traballados, leiras con froiteiras, nesta época todas en flor, un ceo no que che perdes…  Unha aldea como Deus manda, na que aínda se respira moita vida, quizá pola súa proximidade á capital.

E non podo evitar o que se me pasen pola cabeza algúns apuntamentos que, por desgraza, coñecemos sobre as nosas aldeas e o seu despoboamento. Segundo o Instituto Nacional de Estatística en Galicia este pasado ano,  e de media,  cada semana unha aldea perdía os seus últimos veciños.

Preocupantes datos, falamos de 3.562 núcleos xa sen habitantes. Doutra banda dáse a circunstancia que na nosa terra vive o 5,8 da poboación española, repartida en 30.675 entidades poboacionais. Para que vos fagades unha idea, España conta con 78.111 entidades nos seus 8.127 municipios e se deles 30.675 correspóndense con Galicia, farémonos unha idea da importancia destes datos. Só xa as provincias a Lugo, Pontevedra e A Coruña suman máis entidades de poboación que toda Andalucía.

E  o terrible non está exclusivamente nas que se perderon, porque o futuro é desalentador; hai nada máis nin nada menos 1.859 lugares habitados no que únicamente reside unha persoa, e por se isto fose pouco,  outros 2.277 nos que son duas as persoas  que alí viven; sendo en moitos lugares mulleres pola súa maior lonxevidade.

E se o vemos desde o punto de vista de núcleos con máis de mil habitantes, o seu  número é de 197 que converxen coas  localidades ou enclaves principais dos concellos máis habitados: 91 na Coruña, 20 en Lugo; 13 en Ourense, 73 en Pontevedra.

Desde o ano 2011 Galicia diminúe a súa poboación, o censo é de 2.718.525 persoas, e desde 1988 rexistra maior número de falecementos que de nacementos. Envellecemos demográficamente a pasos axigantados, e todo iso ademais cunha emigración xa, para a nosa desgraza, constante e perenne.

É evidente que Galicia necesita políticas demográficas para dar un envorco a estas cifras, e iso tamén debe ir acompañado de iniciativas que impulsen unha  economía real que nos permita establecernos, ter familias en boas condicións, e non seguir enviando xeración tras xeración, á emigración coma se fose unha especie de tradición perversa –Os  Galegos non protestan, emigran… que dicía Castelao –; case un século despois esta condición continúa, e o disfrazan algúns dos nosos políticos con aquelo de“qué bonito é viaxar polo mundo e coñecer outras culturas”.

E mentres pensaba nestas cousas, co meu vaso de Coca Cola e o meu touciño churruscado, decateime de que quizá en menos de 50 anos, non habería outras persoas como eu, reunidas coa súa familia nun bonito domingo, nunha aldea galega, compartindo o día. En realidade o que subxace a todo isto, é a perda de nosa propia cultura e modo de vida.

Visto así, e xa co touciño  engulido, decidín afastarme un pouco destas “negras sombras” e ir a por unha copa de Ribeiro… E pasoume pola cabeza que, mentres no futuro sígase facendo algún churrasco en Galicia, é posible que aínda nos quede esperanza.

Porgaliciabaixo
COMPARTE!