MOURÓN O ACUERILISTA

Unha acuarela pode resultar ser unha belida, e tamén divertida, suxestión ocular que nos amose a realidade a xeito de encanto. Pode esluír sensacións até facelas efémeras e mesturalas coas capas de cores superpostas, case que transparentes, nunha elegante vivencia volátil a cal, con todo, queda fixada no papel e pode que no noso maxín de por sempre.

Coido especiais aqueles artistas que senten querenza pola acuarela, e a miúdo están pouco recoñecidos, ou así mo parece neste noso gris país galego, tan propicio a ser interpretado por esta nobre técnica. Recoñecida como tal no século XVII, e estando en voga a finais do XIX, co paso do tempo acusouse á acuarela, dentro do mundo da arte, de ser pouco máis ca un pasatempo elitista e unha técnica de «segunda», onde a inestabilidade da cor e a transformación posterior das obras executadas xogan na contra dunha boa consideración.

Carlos García Mourón pertenceu ao club dos namorados da acuarela, por ser a preparación favorita e máis abundante da súa obra. Naceu no ano 1935 tendo como pai a Manuel García Filgueira, o destacado socialista e logo pioneiro comunista pontevedrés que chegou a ser, á parte de Presidente da Federación Obreira, o último alcalde republicano da cidade. Co golpe de Estado tivo que permanecer agochado varios anos, mentres que a súa dona Enma Mourón era encarcerada, até que en 1949 entregouse ás autoridades gobernativas e foi condenado a reclusión e posteriormente indultado. Os pais de Carlos e seus irmáns foran pois destacados dirixentes da causa obreira. Nos fondos do Museo de Pontevedra consérvase un retrato de Manuel García Filgueira realizado polo seu fillo. Outro persoeiro moi destacado e coñecido na cultura galega: Xosé Filgueira Valverde, que fora alcalde de Pontevedra durante o franquismo, era primo de Carlos García Mourón.

Mourón durante unha procesión do Corpus pontevedrés (Foto: Mateo Fontán)
Mourón durante unha procesión do Corpus pontevedrés (Foto: Mateo Fontán)

As escasa fontes contan que con dezaseis anos comeza Carlos a realizar os seus primeiros cadros. Foi estudante do Instituto de Pontevedra para despois facer Belas Artes en Madrid. En 1955 acadou unha bolsa da Deputación de Pontevedra para ampliar a formación. Desde entón, foron moitas as obras, con especial protagonismo das acuarelas, asinadas sempre co seu apelido materno: Mourón.

O vínculo con Pontevedra foi unha constante na vida do artista. De carácter educado e con porte garboso, o seu abano de amizades mostrábase amplo e heteroxéneo. Firme católico, cousa normal era velo participar das diversas procesións pontevedresas, tal vez con especial agarimo cara á do Corpus Christi. Por mor da súa extensa produción artística establecementos hostaleiros, oficinas e institucións amosaban obra do coñecido e recoñecido acuarelista. Realizou non poucas mostras na cidade, e mesmo quen estas liñas escribe gañou as súas primeiras pesetas pegando carteis dalgunhas das súas exposicións. E falando de carteis, para Pontevedra realizou en 1997 o das Festas da Peregrina. Á cidade de Teucro consagrou gran parte do seu talento, enchendo numerosos cartóns, podéndose dicir que foi un dos artistas recentes que máis retratos dedicoulle á Boa Vila.

Ora ben, outra vila gañou tamén o corazón de Mourón: Ponte Caldelas. Este municipio de tradición termal foi pano de fondo para moita da obra deste. As acuarelas do pintor recollen tanto paisaxes cheos de cor e botánica como pequenos pormenores de certa inspiración etnográfica, a saber: pechaduras, fiestras, elementos patrimoniais… Á súa vez foi tamén autor de carteis de festas e dinamizador cultural da zona. En 2012 Ponte Caldelas dedicoulle unha mostra colectánea, con moita da súa obra achegada por particulares. O 11 de xullo de 2016 finaba o artista, con 80 anos de idade.

As acuarelas de Mourón xa forman parte dun testamento augado e de cor pastel. As flores que tanto gustaba de pintar non languidecen, e rezuman intensidade mais luz. As paisaxes rurais conxugan simultaneamente unha visión clásica e persoal, onde a pedra galega adquire unha coloración ocre e o ceo faise violeta. Os recunchos diluídos de cidades, en especial Pontevedra e Ponte Caldelas, enchen boa parte dunha produción caracterizada por unha amorosa atención aos detalles que nos rodean. Eses detalles nos que vale a pena reparar, aqueles que no pincel de Mourón falaban con voz de acuarela e que reflicten o mundo exterior e o seu mundo interior a un tempo.

Detalle acuarela de Mourón – Colección Particular. Foto facilitada polo autor do artigo

Mateo Fontán Couto
MATEO FONTAN COUTO

Historiador e arqueólogo.

COMPARTE!