Foi Xesús Taboada Chivite (1907-1976) todo un persoeiro da cultura galega do seu tempo. Dicir isto resulta ser cousa importante, mais non é cousa nova. Pero convén mastigar esta afirmación na súa xusta medida. Falamos dunha época que resultou crucial na procura e o baseamento do feito diferencial galego a través do pleno coñecemento da realidade do país mediante o desenrolo das ciencias, sobre todo as sociais, como chave mestra.
Neste contexto, a rede de contactos que se creou entre investigadores de extraordinaria valía e outros colaboradores, adeptos ao movemento cultural galeguista, supuxo unha canle fundamental para a transmisión de datos e para poder abarcar cantas maiores zonas do país fosen posible. Taboada Chivite faría parte destes informantes, sendo tanto un animoso catalogador da arqueoloxía e a etnografía galega, moi principalmente da bisbarra do Támega, como un prolífico divulgador dos resultados acadados durante as súas investigacións. Sendo un mozo curioso, picáralle o becho do interese polas nosas cousas da man de dous xigantes, miúdos de estatura: López Cuevillas e Vicente Risco. No despacho deste último escoitaría a “chamada” da vocación investigadora.
Telegrafista de oficio, durante os pesados anos da ditadura franquista continua a súa angueira a favor do coñecemento en clave galega. Membro de varias institucións, nunca abandonaría o labor. Asinou importantes monografías, hoxe en día vixentes, e un elevado número de artigos que dan testemuño do traballo ben feito e da súa talla intelectual.
Agora podemos gozar dun libro próximo ás 800 páxinas que reúne, ademais dunha atinada e un tanto tenra biografía, as separatas e artigos dispersos de Taboada Chivite, así como interesantes datos sacados da súa correspondencia con outras importantes figuras da intelectualidade do momento. É froito dun laborioso traballo levado a cabo por Lorena Carnero Pérez, sendo editado pola Biblioteca Pública de Verín.
Lorena, graduada en Dereito e Administración de Empresas, mantén unha estreita relación coa devandita biblioteca verinesa. Do seu traballo voluntario para esta institución saíu á luz Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán, un libro que máis aló dunha ben merecida homenaxe ao erudito representa unha ferramenta de gran utilidade na procura do dato esquivo, o artigo e a referencia difícil de consultar ou a descuberta de novos vieiros, sobre todo nos campos da arqueoloxía, a etnografía e a historia que fai referencia a esa emblemática zona da xeografía galega percorrida polo río Támega, repleta de patrimonio tanto material como inmaterial en ambas as súas beiras.
Así pois, nas páxinas desta voluminosa compilación topámonos con moitos e variados traballos de Chivite. O libro separa os diferentes escritos por décadas, dende a dos 40 até a dos 70. Tal vez algúns artigos sexan máis coñecidos ca outros por resultaren investigacións importantes e novas no seu momento, as cales foron dando sona e renome a don Xesús. Nesta categoría destacan os de temática arqueolóxica, estudando castros da contorna senlleiros hoxe en día, como por exemplo o de Medeiros ou o de San Millán. De gran valor son os seus traballos e hipóteses sobre a tribu dos Bíbalos ou sobre a cultura dos verracos no noroeste peninsular. Así mesmo, tense que destacar a súa preocupación por dar a coñecer multitude de pezas, inscricións epigráficas, vías e todo canto se atopa nas súas escavacións, prospeccións e pescudas.
En canto ás súas achegas no eido da etnografía e a antropoloxía cultural galega son dun valor altísimo. Escribiu sobre calquera aspecto digno de escribirse para a salvagarda do folclore galego. Foi el quen nos falou do culto ás árbores, ás pedras (no seu discurso de ingreso na RAG) ou tamén á Lúa; referiuse en moitas ocasións a aspectos dos afamados Entroidos das localidades de Laza e Verín; deixou escritas gran número de liñas acerca de lendas, tanto da súa comarca como de Galicia en xeral; deu a coñecer festas de todo tipo, como as de mouros e cristiáns; rexistrou e analizou costumes como a matanza do porco, as corridas de lobos ou a cinzarrada en Galicia…
Aínda por riba, aí quedan os seus esenciais estudos sobre o patrimonio que atesoura ou atesourou Monterrei; ou as súas investigacións e notas biográficas de diferentes persoeiros. E quedaría bastante por citar!
Todo isto podémolo gozar no libro de Lorena Carnero. As diferentes separatas e artigos móstranse escaneados dos orixinais, custodiados na biblioteca de Verín. A engadir temos os apuntamentos biográficos sobre Chivite para cada década, onde descubrimos varios aspectos novos sacados da correspondencia persoal como por exemplo o temor do perfeccionista erudito á hora de escribir en galego pola falta dunha normativa. Das conversas con aqueles que coñeceron ao sabio tamén saca datos a autora que completa o traballo con varias fotografías, algunhas delas moi curiosas.
Estamos ante un volume moi rico e moi útil, saído do esforzo dunha voluntaria que traballou con o máis evidente agarimo nunha humilde, mais moi digna, biblioteca pública. Estes son os libros que merece a pena mercar sen reparar de máis no seu prezo; xusta retribución a unha nobre tarefa. Parabéns a Lorena!
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.