O Burgo, verdadeiro territorio de carácter e circunstancias propias, é a Triana da nosa Pontevedra. Nunca alleo ao discurso e ao devir da cidade, ofrécenos unha historia e, ao fin, un legado que convén non desprotexer. O crecemento urbano nunca debería estar pelexado co coidado das identidades intrínsecas que definen a un determinado territorio, coma unha urbe. Cómpre coidar a memoria que conforman os barrios e diversos lugares, pois deles manan –xunto a estrita condición natural e xeográfica– o máis sintetizado do carácter dunha poboación.
Conta a lenda que no emblemático barrio de O Burgo produciuse un feito insólito, dos nomeados milagres, que tivo ao Apóstolo Santiago como protagonista. Convén non esquecer que Santiago «o Maior», un dos máis destacados discípulos de Cristo, mantivo con Galicia un vínculo que ben sexa polo mito ou polos feitos, uniu para sempre xamais ao territorio co personaxe ata tal punto que atreveríame a dicir que aí quen pensa que Santiago sempre foi de Padrón, e non de Betsaida.
Pois andaba un coitado peregrino –a lenda nalgunha das súas variantes fai que o camiñante sexa o propio Santiago– camiño a Compostela, cando canso e famento foi parar na casa duns veciños de O Burgo, concretamente no lugar de A Santiña. Estes ofreceron ao viandante os únicos produtos que posuían: viño e millo, pois eran xente pobre a semellanza de todos os do barrio. Por reconfortar ao peregrino sen dubidar e ofrecerlle aquilo que tiñan, quixo Santiago Apóstolo recompensar o nobre xesto; así pois, obrou o santo o milagre de que nesa casa a maduración do viño e o millo adiantarase a calquera outro sitio, sendo o primeiro lugar onde se deran no ano eses produtos. A vivenda –outras versións falan de que a milagre deuse en varias casas da zona– sería coñecida desde entón como Casa do milagre ou Casa da tradición, facendo referencia este último nome ao costume de ir a recoller os primeiros froitos do ano en comitiva á devandita estancia. En 1999 colocouse unha placa conmemorativa nesta vivenda, obra do pintor Eduardo Dios.
De tódolos xeitos, a relación do barrio de O Burgo co culto a Santiago Apóstolo ven de antigo. En plena Idade Media produciríase outro episodio de carácter milagreiro cando no medio dun asedio efectuado ao castelo de Cedofeita –en Lérez– por parte de Fernando II e contra o rei portugués Afonso Henrique o primeiro destes viuse favorecido pola gracia do Apóstolo cando mandou un lóstrego que derrubou a torre e facilitou a vitoria castelá. O suceso, ao parecer, xa se pregoara en soños.
Estes detalles e outros nos son revelados por Mario Gallego Rei –verdadeiro profeta da historia do barrio pontevedrés– e Rafael Sánchez nun libro adicado ao Burgo; neste invirten un capítulo á tradición das uvas e do millo. Sinalan que a condición humilde, aberta e xenerosa do barrio pódese reflectir precisamente na lenda do ofrecemento dos alimentos saídos e traballados da terra ao peregrino.
De tódolos xeitos, a relación do barrio de O Burgo co culto a Santiago Apóstolo ven de antigo.
Chegado cada 24 de xullo, véspera da festividade do Apóstolo, prodúcese a procesión e o rito de ir a polas uvas e o millo á casa sita na Santiña. A comitiva sae da Parroquial do Burgo polo serán portando a imaxe do Santiaguiño, que preside o altar principal durante o ano, envolto na bandeira galega e máis na española.
Trátase dunha fermosa talla –pendente dunha pescuda en profundidade– referida entre outros, polo Pai amoedo Carballo no seu Carmen Patrium Sive Pontevedra onde nos fala da tradición que tiñan os estudantes de irlle a pedir axuda nos exames (resulta curioso como esta tradición estudantil rexurdiría moito tempo despois a partir doutra imaxe venerada na antiga capela e coñecida como Virxe do Estudo, hoxe no Museo Provincial). Percorren rúas e calzadas do barrio, pola primeira parte do camiño de Santiago, ata chegar ao seu destino: o número 95 da rúa da Santiña. Antano o cortexo saía da antiga capela, situada no final da ponte, e nela participaban ademais do crego, un gaiteiro e varios rapaces que a volta da comitiva portaban canas procedentes dunha canaveira da casa do Santo. Posuímos novas da procesión, tal e como indican os devanditos autores, desde fai máis de cen anos. O rito non sempre se produciu dun mesmo xeito, pequenos matices e desavinzas puntuais cóbreno desa pátina tan especial nas tradicións populares. Trala visita anual, o santo regresa ao seu templo portando o pendón do millo e as uvas tintas.
Tras un período de decadencia, este acto cobrou vigor da man dunha Asociación do Apóstolo vinculada á Archicofradía de Santiago de Compostela; portan pendón durante a procesión ao igual que o fai a Asociacion de Amigos do Camiño Portugués. O labor de personaxes como Don Luis Alcántara, párroco de Santiago Peregrino do Burgo, tamén resulta fundamental no mantemento desta linda tradición. A súa vez, desde fai décadas a familia Couto, a da casa da vide e o millo prematuros, ofrece un convite ao cortexo procesional como símbolo da hospitalidade que deu pé á lenda. Cómpre sinalar que nin a casa nin as cepas do viño son as primitivas desta historia, aínda que as uvas da actualidade proceden de enxertos das orixinais.
A nosa identidade como poboación enriquécese co mantemento das tradicións como esta, afincada no tan pontevedrés barrio de O Burgo. Vai máis aló dunha cosmovisión relixiosa, que ao fin tamén resulta definidora; trátase do respecto e o gusto polo noso. Darlle as costas é darlla aos devanceiros, fracasando como herdeiros.
Para saber máis:
– GALLEGO REI, M. / SÁNCHEZ-AGUSTINO, R.: O Burgo. No camiño das uvas e do millo, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2004.
– GALLEGO REI, M.: A beira da Santiña, edita Mario Gallego Rei, Pontevedra, 2016.
– Hemeroteca.
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.