O MILARIO DE ADRIANO: SINSABORES DUNHA PEDRA IMPORTANTE

Por miliario entendemos unha columna pétrea de gran peso e  tamaño que funcionaba a xeito de marco quilométrico nas antigas vías romanas. É frecuente que leven inscricións onde se especifica a vía na que se atopaba, así como a distancia entre as mansios ou as capitais dos conventus e o nome do emperador que mandouno erguer ou ben reparar. Tamén existen miliarios conmemorativos do emperador de quenda.

No Museo Provincial de Pontevedra custódiase unha moi interesante colección de miliarios conformada por reunións anteriores e achados arqueolóxicos. Sebastián Malvar Pinto, arcebispo de Santiago de Compostela, reuniu catro miliarios a finais do século XVIII; A Sociedad Arqueológica de Pontevedra aportou outros dez na transición do século XIX ao XX, e a estes temos que unir o aparecido en 1988 –o de Adriano– durante as escavacións da cabeceira meridional da ponte de O Burgo, e mais outros descubertos nos últimos anos, como o de Maximino Daia.

Foto: Sala dos miliarios no Museo de Pontevedra. Imaxe: Faro de Vigo / G. Santos
Foto: Sala dos miliarios no Museo de Pontevedra. Imaxe: Faro de Vigo / G. Santos

Na tarde do 14 de xulio de 1988 saía á luz o que se considera o resto histórico máis antigo da cidade de Pontevedra: un miliario de 257 cm de lonxitude consagrado ao emperador Adriano, moi posiblemente na súa posición orixinal. O descubrimento, dunha valía excepcional, producíase no contexto dunha malfadada escavación arqueolóxica da cal deu conta o seu director, Antonio de la Peña Santos, en publicacións coma a finada Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais. O cúmulo de despropósitos de natureza administrativa que envolveu a dita intervención pasan da traxedia ao esperpento, coma se dun esforzado escorzo literario tratásese.

Se puido sacar valiosas hipóteses sobre o trazado da vía XIX Bracara-Luco recollida no Itinerario de Antonino; a súa vez, constátase a existencia dunha ponte sobre a calzada romana e a asimilación da mansio Turoqua con Pontevedra.

 

Cando restaba por escavar uns 130 cm do miliario, este resultou arrincado do sitio por unha grúa enviada nin máis nin menos que pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia. Os insólitos acontecementos rematan coa escavación detida e máis tarde anulada, poñéndose fin a unha oportunidade de ouro para coñecer en profundidade a orixe da cidade. Con todo, si se puido sacar valiosas hipóteses sobre o trazado da vía XIX Bracara-Luco recollida no Itinerario de Antonino; á súa vez, constátase a existencia dunha ponte sobre a calzada romana e a asimilación da mansio Turoqua con Pontevedra. Hoxe en día, son liñas de investigación que a maioría dos estudosos asimila como certas, polo que a orixe romana da cidade (sobre o século I d. C.), asociada a unha mansio e ao mantemento dunha ponte de paso, quedaría case que fora de toda dúbida.

O miliario estaría situado á entrada da ponte, dátase no 134 da nosa era, baixo o mandato do citado Adriano, e indicaría unha distancia a Lucus Augusti de 96 millas. O campo epigráfico onde podemos apreciar a información que ofrécenos tan importante achado ocupa aproximadamente 90 cm con letras de 10 cm A súa transcrición, seguindo a De la Peña, é a seguinte:

IMP(erator) . CAES(ar) DIVI . TRAI

AIANI . PARTHICI . FIL(ius)

DIVI. NERV{AE} . NEPOS . TRAIANVS HADRIA

NVS. AVG(ustus). P(ater). P(atriae). PONT(ifex)

MAX(imus) . TRIB(unicia) . POT(estate). XVIII

CO(n)S(ul). III . A L(uco) . AVG(usti) . M(ilia) . Passuum)

LXXXXVI

A tradución sería tal que así:

O emperador César Augusto Traxano Adriano,

pai da patria, Pontífice máximo,

coa tribunicia potestade pola décima oitava vez

e consular pola terceira,

fillo do divino Traxano Pártico e neto do divino Nerva.

96 millas dende Lucus Augusti.

Na Praza de Valentín García Escudero, preto do lugar –non no sitio exacto– onde saíu o miliario colocouse unha especie de réplica realizada na  Escola de Canteiros.

Aspecto do miliario no seu traslado a un negocio hostaleiro. Imaxe: http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/quo-vadis-adriano.html
Aspecto do miliario no seu traslado a un negocio hostaleiro. Imaxe: http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/quo-vadis-adriano.html

Durante moitos anos esta importante peza da colección arqueolóxica e epigráfica do museo durmiu o soño dos xustos nunha estancia baixa do Edificio Sarmiento, xunto ao resto dos miliarios. Pero os avatares da vida fixeron que a vella e fea ultraxe visitara de novo a tan ”coitadiña” mole pétrea. Foi en 2015, tras a instalación do restaurante a Ultramar –que nun principio íase chamar Miliarium– nunha sala lindeira a onde atopábase a colección, cando trasladouse o fito quilométrico romano a dito establecemento hostaleiro, coa correspondente indignación que o feito produciu devido aos evidentes perigos de conservación e a inadecuada musealización da peza a tratar, por non falar do patético afán exhibicionista que transpiraba. Mesmo chegouse a ver nunha fotografía como o miliario mudaba a súa significación para facer “cameos” de paragüeiro ou servir como sostén á fregona de quen por alí estaba a limpar.

O resultado de tan nefasta decisión foi a chuvia de críticas por parte de asociacións,  fundacións, técnicos, escritores, e opinión pública para finalmente conseguir que se devolvera a seu anterior emprazamento. Chegara o tempo en que respectemos e coidemos o noso patrimonio como se merece? Namentres, quen sabe que novas falcatruadas pódenlle agardar ao apoucado do miliario de Adriano.

Para saber máis:

– DE LA PEÑA SANTOS, A.: «La excavación de 1988 en el puente del Burgo (Pontevedra): crónica de una frustración», Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1989.

– ROZAS, R.: «Quo vadis? Adriano», Diario de Pontevedra, 25/4/2015, tamén dispoñible en http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/quo-vadis-adriano.html

– Vías Atánticas. Vía romana XIX. Guía de ruta Provincia de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2007.

– Milliarium, Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2007.

Mateo Fontán Couto
MATEO FONTAN COUTO

Historiador e arqueólogo.

COMPARTE!