No Cemiterio de San Mauro de Pontevedra atópanse soterrados moitos ilustres personaxes, xunto a outros menos coñecidos, que “conmorren” de forma queda e silenciosa. Un destes afamados persoeiros é Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971), enorme erudito que chegou, entre outros logros, a dirixir o Museo do Prado en Madrid, aínda que sempre adicou moito da súa obra e do seu tempo a Galicia e, de forma especial a Pontevedra, a súa cidade natal.
No panteón de Sánchez Cantón podemos ver unha figura pétrea que representa a San Francisco. A imaxe, de faciana barbada, viste hábito, caparuza e cordón axustado; características habituais nas representacións do santo de Asís.
É moi probable que esta imaxe, de feitura popular, proceda da antiga capela “dos Santos” sita en Mollabao e cuxas primeiras referencias debemos precisamente a Sánchez Cantón. Daquela construción barroca de inspiración portuguesa sobreviviron poucos vestixios, dende o seu abandono a mediados do século XIX. Tratábase dun templo arrodeado de columnas sobre as cales se situaban imaxes de santos, a saber: Santiago, san Xosé, san Pedro, san Miguel, san Lesmos, san Martiño, san Lopo, unha representación da Virxe do Pilar e tamén do Anxo da Garda. Por esta característica, de sabor bretón, o templo deuse a coñecer como capela “dos Santos” a pesar de que estivera consagrada a san Francisco, cuxa imaxe (segundo Filgueira Valverde estaría aos pés dun Cristo) presidía a entrada ao templo nun nicho.
Precisamente, esa figura de san Francisco é a que vemos na sepultura de Sánchez Cantón. Fáltanlle as mans e aos pés ten a caveira, símbolo penitencial da fugacidade da vida e do vencemento da morte. Sobre o resto dos santos sabemos que no cemiterio de Salcedo atopábanse tres deles, aínda que un foi roubado, e na capela de san Brais, tamén en Salcedo, outros tres. As dovelas dun arco procedente da igrexa, que apareceu na denominada “casa do Notario” da rúa Gonzalez Besada en 1987, están depositadas na actualidade no Museo Provincial.
Para saber máis:

– FILGUEIRA VALVERDE, X.: «Os santos de Mollabao», Adral, vol. I, Ediciós do Castro, a Coruña, 1979, pp. 280-282.
– GARCÍA IGLESIAS, J. B.: Habladme piedras, Alfil, Pontevedra, 2013, pp. 276-278.
– REGUEIRA S. (15 de xullo de 2012): «Perder la historia… para después olvidarla», Faro de Vigo, [en líña], [citado o 1-3-2015], dispoñible en http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2012/07/15/perder-historia-despues-olvidarla/665618.html
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.