Nado na cidade de Ourense o 18 de decembro de 1951, Ramón Conde é un referente da escultura contemporánea española; dono dunha linguaxe propia e atrainte que fala dende a plena expresión artística baixo un tratamento coidado e “científico”.
Estudante de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela –non rematou a carreira aínda que nutriuse de moitas experiencias e consolidou un sistema de coñecemento autodidacta–, a súa obra e primeiras exposicións se verían influídas pola psicanálise. A obra de Ramón Conde será, polo tanto, un camiño dilatado e harmonioso no tocante a propoñer un discurso onde a arte enténdese –segundo o propio autor di– como un sistema de comunicación. A procura dun estado de ánimo mediante o estudo e a expresión dos grandes volumes –o colosalismo– e os retorcimientos do corpo que desembocan na exploración da alma. Anatomía e espírito, por tanto, fronte a fronte nun diálogo expresionista e, a miúdo, interior. Un referente da actual escultura cun selo moi recoñecible nos seus afamados gordos e moles que posúen a capacidade de fascinarnos
A súa traxectoria levouno a realizar numerosas exposicións –dende a primeira no Museo Arqueolóxico en Ourense aló polos 70 do pasado século– en Galicia (de especial polémica foi unha titulada “O Poder” realizada en Santiago de Compostela en 2014), Europa e América. As súas obras atópanse repartidas por toda a xeografía do país, constituíndo algunhas delas verdadeiras iconas. Da súa autoría son, por exemplo, “Os Redeiros” en Vigo (1991), “Gardián” en A Coruña (1994), “A Leiteira” en Ourense (1999), “Man con man” en Vilagarcía de Arousa (2004), “Arco de triunfo”en Lugo (2007), etc. Tamén realizou monumentos a coñecidos personaxes como Manuel Antonio, Macías o “Namorado”, Anxel Fole, Ferro Couselo ou Alonso III de Fonseca no claustro do Pazo de Fonseca en Compostela.
Na cidade de Pontevedra podemos admirar, na rúa da Alhondiga tras o Concello, a obra titulada “Fiel contraste”, onde o protagonista é un personaxe histórico, documentado dende o século XVI, encargado de dirimir os conflitos do peso exacto dos produtos nas feiras. A escultura principal mostra trazos fortes e unha sensación de autoridade e poder, no seu rostro atopamos o rostro do autor –característica da obra de Conde– mentres o personaxe sostén unha balanza. A escena complétase con catro siluetas representando tratantes e vendedores das feiras. O conxunto non deixa lugar a dúbidas respecto a súa autoría. A obra foi inaugurada o derradeiro día de abril de 2010. Dende aquela sufriu varias agresións, sobre todo na pesa que sostén o “forzudo”.
Ata datas recentes podiamos admirar a escultura titulada “Cabeza amistosa”, na Avenida Estación, como parte da colección do xa pechado Centro de Arte Jaime Trigo.
Ningunha outra mostra deste autor atopamos no noso de seu interesante catálogo de escultura pública da cidade. Sen embargo, ata datas recentes podiamos admirar a escultura titulada “Cabeza amistosa”, na Avenida Estación, como parte da colección do xa pechado Centro de Arte Jaime Trigo. Formaba unha imaxe xa típica no pequeno xardín diante do establecemento. Descoñezo se a obra foi vendida ou a onde puido ir parar. Teño a impresión de que fose unha boa cousa o adquirila, por parte dalgunha administración, e deixala no sitio no que tanto tempo estivo, ampliando a nómina de obras na cidade deste autor transcendental na arte actual.
Para saber máis:
¬WEB RAMÓN CONDE
¬WEB PINTORES GALLEGOS
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.