Pontevedra dá un gran paso na súa aposta pola creatividade e a innovación coa transformación do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII nun Centro Internacional de Creatividade. As obras, que avanzan a bo ritmo, contemplan a demolición interior do edificio para dar lugar a espazos multifuncionais destinados a residencias creativas, obradoiros, exposicións e eventos culturais.
Este ambicioso proxecto, cofinanciado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta cun orzamento de 1.536.196,58 euros. Segundo o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, “Pontevedra seguirá avanzando no seu modelo de creatividade. Estas son unhas obras complexas, pero o noso maior obxectivo é que rematen ben e que, cando as rematemos, quede todo perfectamente ben”.
O edil destacou a importancia deste proxecto para a cidade: “O Centro Internacional de Creatividade será un espazo de encontro e colaboración para artistas, emprendedores e creadores de todo o mundo. Queremos que Pontevedra se converta nun referente no ámbito da cultura e a innovación”.
