O Concello de Pontevedra anunciou oficialmente a adhesión á conmemoración do 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, declarando o ano 2025 como Ano Castelao. Con esta iniciativa, búscase fomentar e promover a figura deste destacado intelectual galego e o seu invaluable contribución á cultura e política de Galicia.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, resaltou a profunda pegada que Castelao deixou en Pontevedra, destacando a súa participación na fundación de institucións crave como o Museo de Pontevedra e a Coral Polifónica. Así mesmo, subliñouse o papel de Castelao na preservación do patrimonio cultural galego, como o demostran os seus traballos de documentación de cruceiros e a súa contribución á restauración de diversos monumentos.
A través dunha programación especial ao longo do ano, o Concello de Pontevedra convida á cidadanía e ás entidades sociais a participar na difusión e popularización da obra de Castelao. O obxectivo é manter viva a memoria deste ilustre galego e recoñecer a súa importancia na historia de Galicia.
BANDO DO ANO CASTELAO (polo alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores)
Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida.
Castelao, Meu Pontevedra, 1947
Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra, FAI SABER
Que este sete de xaneiro do ano 2025 que estamos a principiar cúmprese o 75 cabodano do noso veciño Afonso Daniel Rodríguez Castelao, cuxo pasamento tivo lugar no exilio, na cidade de Bos Aires.
Castelao escolleu ser pontevedrés e nesta nosa vila ensinou, foi pai, teceu amizades e traballou con todas as súas forzas por Galiza. Dende a súa casa da rúa da Oliva até as aulas do actual instituto Valle-Inclán, dende o café Moderno até o local do Partido Galeguista na Praza do Teucro, do museo na Praza da Leña á Casa da Luz na da Verdura, do piñeiral de Matalobos ao cruceiro de Estribela, dos xardíns de Casto Sampedro a César Boente, toda Pontevedra sinte a pegada de Castelao.
En Pontevedra sabemos que Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecíbel: estivo na fundación do Museo de Pontevedra, que quería Museo Nacional de Galiza, e na da Coral Polifónica, documentou cruceiros, contribuíu á levar a fonte da Ferraría aos xardíns de Casto Sampedro, á volta da Bretaña comezou a tradición da borriquiña do Día de Ramos e sen os seus debuxos non se tería restaurado o rosetón de San Francisco. Castelao non foi un veciño calquera, senón un dos máis ilustres.
Asemade, as pontevedresas e os pontevedreses sabemos que o noso Castelao, foi, como non se cansaba de dicir, un patriota, un home que entregou a súa vida polo país que amaba e do que chegou ser o primeiro presidente cando no exilio encabezou o Consello de Galiza, onde sempre lle faltou o seu grande amigo Alexandre Bóveda. Velaí o exilio e o asasinato, o destino que os golpistas negadores do noso país e da democracia tiñan reservado para quen estivo do lado das persoas oprimidas, para quen procurou a mellora da vida das galegas e dos galegos e para quen confiou nas nosas posibilidades de situarnos entre as nacións máis avanzadas do mundo.
E se falamos da Galiza de Castelao, quen en Pontevedra non sinte o orgullo de ver o escudo dos Mariño de Lobeira tras a serea que deseñou para a o centro da bandeira azul e branca?
Castelao sabía que só se chega a universalidade dende o propio país, sabía que só en galego podemos entender ao resto dos pobos do mundo. Por iso nós vemos os seus debuxos e descubrimos que entre as nenas e os nenos galegos nos que pousou a súa ollada e as persoas afroamericanas que atopamos nas viñetas do exilio americano hai un fío de solidariedade, de irmandade, de ansia, como dicimos arestora, de mellora da calidade de vida.
Este é o ano de lembrarmos Castelao e converter os seus anceios en realidade: mulleres e homes que falan en galego con orgullo, unha cidade exemplar para as crianzas xogar sen preocupacións, unha Galiza próspera e dona de seu, un mundo de nacións solidarias e sen opresores.
Dixo Castelao que aquí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. Meu Pontevedra!
Fagamos nós que neste seu 75 cabodano Pontevedra siga a ser a cidade que amou e arelou o noso veciño Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
O Concello de Pontevedra adhírese ao recoñecemento da figura do noso veciño neste 2025, declarado oficialmente Ano Castelao, e fai un chamamento ás entidades sociais para que participen na difusión e popularización da súa obra. Ao longo deste ano, o concello desenvolverá unha programación específica cos mesmos obxectivos.
Dado en Pontevedra, a 7 de xaneiro de 2025