Se fixésemos un ranking de publicacións sobre persoeiros contemporáneos da nosa cultura a figura de Vicente Risco estaría situada, sen dúbida, nos primeiros postos da clasificación. Poida que Rosalía de Castro e Castelao disputen ese liderado, mais á zaga vai o grande erudito ourensán, seguramente acompañado do seu amigo Otero Pedrayo ou de Cunqueiro, na configuración dese podio.
O certo é que a miúdo topámonos con algún artigo nos xornais que fai referencia a Risco ou ben conmemora algunha empresa na que tivo que ver, véxase estes últimos días con respecto ao centenario da revista Nós. A personalidade do mestre segue a ocupar charlas e debates, motivando mostras e proxectos.
E se isto ocorre en parte é debido, amais do interese e fascinación que esta figura segue a xerar nos investigadores, ao bo traballo da Fundación Vicente Risco que pasa por ser das máis dinámicas no mapa galego. Entre as moitas actividades que desenvolven está tamén a publicación, baixo o selo editorial de Dr. Alveiros, de textos relacionados con Galicia; e claro, varios deles fan referencia a Risco. De feito o último premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, aínda por publicarse, recaeu nun traballo de Felix Castro acerca do ocultismo na vida e na obra de Risco. Outrosí non fai tanto saía á luz Vicente Risco no xornal Euzkadi, onde se recollen as colaboracións do líder galeguista nesta cabeceira. Unha das responsables do devandito libro foi, xunto a dous compañeiros, Iria-Friné Rivera Vázquez, autora tamén da obra que anima estas liñas a cal está en pleno tour de presentación por diferentes vilas e cidades, refírome a: A orixinalidade radica na orixe. O concepto de imaxe galega na estética de Vicente Risco.
Fotógrafa e licenciada en Historia da Arte, Iria-Friné desprega neste ensaio un fondo coñecemento dese personaxe tan vital na procura da identidade galega como foi Risco. A autora xa publicara algúns artigos sobre aspectos estéticos no pensamento do polígrafo ourensán. O que fai co libro é ampliar a visión, chegar a unha mirada que excede a persoal do pensador e levala a todo un movemento político e cultural a través dun rosario de personaxes (Pondal, Cabanillas, Díaz Baliño, Cebreiro, Manuel Antonio, Losada Diéguez, Castelao…) que acompañan ao protagonista. A obra, pois, ten moito de coral e de contexto, sobre todo do panorama artístico europeo da época e da resposta galega.
O ronsel de ideas e o pensamento risquiá avanza polo libro a través do legado literario, epistolar e tamén das conferencias pronunciadas que nos chegaron. Un amplo material ben manexado pola autora do libro. Así, xorden as impresións estéticas que levaron a Risco a converterse, tal vez, no maior teórico do noso comportamento artístico. Xorde o tema dos poetas mesiánicos; a idea dos artistas como os mellores coñecedores da realidade; a defensa da individualidade; o concepto da arte fantasmagórica; a asimilación do celtismo como esencia galega; o Graal; a sensibilidade como ferramenta de investigación; os tres grados de contemplación; caricatura e humor… Todo un mundo, o da estética, edificado ao longo dunha vida e distribuído por unha amplísima obra.
Mais no libro tamén ten cabida o ideal político e a conformación dos movementos galeguistas como complemento case que inseparable dos ideais estéticos e cultos. A creación da revista Nós e outras publicacións son testemuños disto. Os avatares da Irmandade Nazonalista Galega, da que Risco foi Conselleiro Supremo, son tratados con frecuencia na obra; tamén preocupacións do momento como por exemplo a reivindicación da muller. O traballo amosa no seu epílogo a influencia do Risco esteta até a súa morte a través dos artigos e conferencias que segue a pronunciar. O libro ten prólogo de Felipe Senén e, no final, unha parte antolóxica de escritos e poemas de varios autores que apoian ao texto principal, así como unha coidada selección de fotografías e ilustracións
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.