SER GALEGO NON É FÁCIL

Paul Theroux  escribía no seu libro The Pillars Of Hercules (1995 –  As Columnas de Hércules) …” tiña todas as características dos galegos, que son, sobre todo, inexplicables e enigmáticos”.

Si, ser galego non é fácil… Somos un pobo con moitos problemas e de non sinxela solución. Entre outros, así só enumerando por encima e sen profundar… A emigración, as cotas lácteas, os problemas do sector pesqueiro,  a reconversión naval e industrial, a explotación do sector enerxético, o saqueo de caixas de aforro ata a súa desaparición, o abandono do  rural, a praga dos eucaliptos,  os incendios forestais, a perda do uso da nosa lingua, o desdibuxamento da nosa cultura a pouco que nos despistemos, o envellecemento da poboación …

Si, ser galego non é fácil…  Os galegos soportamos históricamente condicións duras de vida, emigrando masivamente, desde o século XVIII, no que ían, sobre todo, a traballar como xornaleiros  a Castela, Andalucía e Portugal. A partir de mediados do século XIX e o primeiros cincuenta anos do século XX, segundo zonas de Galicia fano principalmente a Arxentina, Brasil, Cuba, Venezuela, México e participando en obras históricas como, por exemplo,  a Canle de Panamá (case 6.000 obreiros galegos). Posteriormente a emigración oriéntase máis cara a Europa, Reino Unido, Francia, Alemaña e Suíza, e por suposto, tamén a zonas industriais de España como Cataluña, Euskadi e Madrid.

A emigración era, sobre todo, naqueles primeiros tempos netamente masculina… Como dicía a  gran Rosalía de Castro… Viudas de vivos e mortos

“Éste vaise i aquél vaise,

e todos, todos se van.

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledad,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non tén pais.

E tes corazóns que sufren

longas ausencias mortás,

viudas de vivos e mortos

que ninguén consolará.”

Hoxe seguen emigrando a nosa xente, novos e non tan novos, produto das políticas que todos soportamos e desta interminable crise.

Si, ser galego non é fácil…  E quizá por esa condición de pobo empobrecido e  emigrante, moi parecido ao irlandés, arrastramos por eses mundos e  levando enriba a flor de pel, esa morriña e todas  as nosas saudades…Non existen outras palabras no mundo que definan mellor eses sentimentos tan insondables, sen tradución noutras linguas; xurdidos de nosa máis profunda esencia.

Esta circunstancia de pobo “desterrado” pola economía, fixo de nós, con pésimo gusto e con trazos xenófobos, diana dun humor despreciable, que mostra ao galego como un ser abxecto e ignorante. É irónico e penoso,  que en países como Arxentina, Chile ou México,  no que unha porcentaxe inmensa da poboación descende precisamente de galegos, aínda hoxe sigan utilizando estas expresións. E Ollo! Que estes chistes repugnantes non se fan sobre españois –todos sabemos que en América latina, aos españois chámaselles de maneira xeral galegos – fanse acerca dos galegos de Galicia.

Para que nos fagamos unha idea no Dicionario da Lingua da Real Academia Española  o termo “gallego” figuraba ata non fai moito coa acepción de “tonto, falto de entendimiento o razón”  – En Costa Rica, aínda na edición do 2001 –  O máis rechamante e curioso, é que esta insultante definición non estaba na edición de 1970.

Si, ser galego non é fácil e, ás veces, pódesche enfadar moito…   Este tipo de “comentarios” non nos veñen só desde terras estranxeiras, aquí mesmo tivemos que escoitar  a Rosa  Díez na súa etapa de lideresa de UPyD,  que calificaba ao expresidente do goberno socialista como”Zapatero es gallego, en el sentido más peyorativo del término” , e  do presidente da Xunta Feijoo durante a súa participación nunha conferencia no Club Financeiro da Coruña a finais de 2009, Rosa Díez dixo que é “demasiado gallego en el sentido peyorativo de la palabra”, e o mesmo fixo co actual presidente Mariano Rajoy, calificandoo de “gallego” coma se o termo en si, caracterizase a unha persoa.

Vídeo Rosa Díez

 

O expresidente Aznar tamén utilizou a orixe de Rajoy. Nunha entrevista a Pedro J. Ramírez en  “Veo7”, Aznar xustificou a forma de ser de Rajoy pola súa condición de galego.

Á pregunta de se é certo que Mariano Rajoy é indeciso e sería menos resolutivo do que él era como presidente do Goberno, Aznar respondeu: “Rajoy tiene una gran experiencia y una gran capacidad de resolución, y capacidades para ser presidente, lo que pasa es que tiene su forma de ser, su personalidad, su estilo, su origen y oficio gallego”.

En fin, que poderiamos dicir como bos galegos, Mexan por nós e hai que dicir que chove.

E a pesar de non telo fácil… aí estamos, mirando ao futuro

O certo é que amamos a nosa terra e a nosa cultura, e é así como a pesar de todo, somos un pobo hospitalario, pero non só na nosa terra, tamén cando saímos dela, e disto último temos sobrada experiencia. E solidario, porque as “Casas de Galicia”, “Centros Galegos”,  tiveron forza e vital importancia nas diferentes capitais suramericanas por mor da orientación mutualista e asistencial que os caracterizaba. Por non falar do apoio prestado aos homes das “Irmandades” e na achega á tarefa científica do Seminario de Estudos Galegos. A principios de século fúndase en Cuba a Academia Galega, promovida por Curros Enríquez entre outros.

Galicia foi unha terra eminentemente matriarcal, as mulleres coidaban da casa e do agro, os homes saían ao mar ou nunha gran porcentaxe emigraban. Os tempos mudan, e as mulleres non só traballan no fogar, e as nosas familias seguen sendo basicamente as de sempre, para iso non hai máis que achegarse a unha celebración dunha voda, bautizo, comuñón, e ata nos enterros, onde todos os membros das familias acoden como cita ineludible.

Mentres se pelexaba por cotas de pesca, os galegos lanzábanse aos mares a descubrir novos caladoiros, pero non só iso, como tiñan que ir a lugares moi afastados, foron os primeiros en conservar o produto cos seus barcos conxeladores, chegando a ser Pescanova a cuarta compañía pesqueira maior do mundo.

Somos amantes da nosa cultura e historia, encántanos o noso pasado cheo de románticas lendas, pero tamén posuímos uns espectaculares museos modernos, Centros de Interpretación, marabillosos auditorios e teatros.

Gústanos o noso folclore, pero non nos ancoramos no pasado, temos gaiteiros mundialmente recoñecidos e grupos musicais que axuntan en notas actuais todo o noso pasado patrimonio musical, utilizando a  lingua propia con estilo pop, rock, hip hop, rap…

 

Foto: Eldiario.es

Encántanos comer e beber ben, contamos con centenares de romarías e feiras ás que acudimos entusiasmados. Posuímos unha materia prima excepcional e prestixiosos chefs de fama, que se desenvolven na cociña máis actual e punteira, á vez que na máis puramente tradicional. Sen esquecernos dos nosos viños de gran reputación internacional, con gran calidade; e as augardentes, ou os diferentes licores e nosa apreciada Estrella de Galicia (no podio das mellores cervexas do mundo).

E aínda que amemos nosa ancestral cultura, non nos quedamos parados e lastrados mirando atrás… En ciencia, temos –por mencionar algúns – a catro científicos galegos como os máis citados do mundo: o biólogo David Pousada da Universidade de Vigo, o químico lucense Luís Luiz Marzán e os matemáticos Rosana Rodríguez e José Nieto Roig. Ou empresas punteiras no “mundo Internet“ como Dinahosting, de Santiago de Compostela, elixida polo “monstro“ Microsoft como mellor empresa hoster. Trátase da maior empresa independente do sector do rexistro de nome de dominio e de solucións integrais de aloxamento Web en España. O mesmo ocorre no mundo das letras, cinema, teatro … Belas Artes en xeral. Exemplos coñecidos por todos son empresas audiovisuais como Filmax e Dygra, Non falemos xa de moda, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Bimba&Lola, Purificación García, e o xigante dos xigantes mundiais, Inditex con Amancio Ortega á fronte, o home máis rico do planeta.

Para rematar aínda haberá quen lendo este texto pensará no topicazo de que non se sabe se subimos ou baixamos… Pois mire vostede, a pesar de todas as trabas, tentamos ir cara adiante, e, como o resto da humanidade cando estamos nese tránsito, en ocasións, subimos, e outras, baixamos… Eche o que hai!

Porgaliciabaixo
COMPARTE!