Sito en Salcedo, no lugar de Birrete, o Castro das Croas é o asentamento humano máis antigo do municipio de Pontevedra. Son varios, porén, os atractivos arqueolóxicos, artísticos e etnolóxicos que podemos descubrir nesta histórica parroquia, a cal chegou a ser Concello: o pazo de Gandarón, a Misión Biolóxica de Galicia, os muíños do Batán, a igrexa de San Martiño, a capela de San Brais, o cemiterio, petróglifos… todo rodeado dunha suxestiva natureza. O miradoiro de Matalobos, sobre a cidade de Pontevedra, era un dos lugares preferidos de Castelao, deixando nel unha pegada que inmortalizaría, dende o exilio, nun fermosísimo texto xa coñecido como Meu Pontevedra!
Os habitantes destas terras eran moi conscientes, dende tempos prehistóricos, da coñecida como depresión meridiana: unha disposición natural apta para a construción de redes viarias. O itinerario da vía romana XIX, que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta, pasaba por esta grande liña de fracturas que vai de norte (Carballo) a sur de Galicia (Tui). Froito disto, sería a aparición do primeiro núcleo urbano de Pontevedra: Turoqua.
O Castro das Croas ocupa un lugar de privilexio tanto para as zonas de cultivo coma para o dominio visual do tránsito de mercadorías e persoas a carón do río Tomeza, ademais mantería unha visión de contacto con outros castros próximos; se ben, temos que entender que a vexetación sería moi diferente a actual e o clima sería máis duro. Entraría, este xacemento, na nómina dos máis antigos de Galicia, dentro da primeira fase da cultura castrexa, con uns 2600-2700 anos de antigüidade. Outros tamén moi antigos son os de Torroso en Mos ou o de Penalba en Campo Lameiro.
Unha das características construtivas deste primeiro momento cultural é o polimorfismo; ou sexa, que os poboados presentan diferencias entre si, tanto nas súas construcións domésticas como defensivas. Estariamos nun momento de transición entre a Idade do Bronce e a do Ferro; andavía non podemos falar dunha uniformidade dentro da cultura castrexa, a cal empezaría a evidenciarse no século V a. C. O castro, dunha hectárea de extensión, presenta unha croa –parte máis elevada do poboado– e dous recintos con terrapléns defensivos; o primeiro ten forma oval, mentres que o segundo, localizado na zona oriental, trátase dun aterrazamento con restos dunha poderosa muralla sobre o terraplén.
Foron os comuneiros –da Comunidade de Montes de Salcedo– os que descubriron os restos do poboado en 1991. En 1992 Víctor Barbi e seu equipo foron os primeiros en escavar, durante dez días, no castro. En 1993 acometeuse unha escavación dirixida por Antonio de la Peña Santos, arqueólogo do Museo de Pontevedra, con motivo da construción da autoestrada AP-9. Apareceu un tramo da muralla e unha estrutura. O especialista teorizou coa posibilidade de que se tratara dun castro en construción, e que nunca se chegara a habitar.
No pasado ano 2014 emprendeuse unha nova escavación, auspiciada polo Concello e outros organismos e asociacións, dirixida por Eduardo Méndez. Foi entón cando se puido profundar un pouco máis sobre as impresións da anterior intervención. Nesta ocasión, con maiores posibilidades tanto tecnolóxicas como de tempo e estudo, os achados realizados deron a luz a dúas estruturas anexas, de posible reforzo á muralla, que nos falan ata o de agora dun mesmo momento de ocupación; un lousado no exterior dunha cabana e restos materiais cerámicos, líticos (pedras de moer) e antracolóxicos (carbóns e madeiras carbonizadas). Tamén se enviaron mostras para análises polínicas e, por medio do Carbono 14, aproximar unha cronoloxía ao xacemento. Existe na extensión do castro, un gran bloque monolítico ciscado no chan, no cal algún estudoso quixo ver unha posible pedrafita ou menhir. O proxecto –ambicioso na posta en valor e difusión dos restos– ten pensado continuar coas escavacións en futuras campañas; delas poderemos tirar, con seguridade, moitos máis segredos deste vello castro.
Unha antiga lenda fala dunha moura que vive baixo o Castro das Croas nun palacio. Esta agochaba tesouros e aparecíase ás persoas que levaban o gando, coas cales pactaba riquezas por comida; ademais esixía o seu silencio sobre o que habían visto. Pero as mulleres dos homes que viran á moura conseguían que estes lle contaran o sucedido, tralo cal a desgraza caía sobre eles. Evidencian este tipo de lendas a sociedade de tipo patriarcal que imperaba no rural galego, onde as mulleres son vistas como causantes de males, consecuencia dun marcado machismo. A lenda fora recollida por José Casal e Lois –gran erudito pontevedrés– e tamén foi publicada por Murguía na súa afamada obra Galicia, polo que trátase dunha das lendas de maior popularidade na nosa terra.
Para saber máis:
– APARICIO CASADO, B.: Mouras serpientes, tesoros y otro encantos. Mitología popular gallega, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nª 80, Ediciósdo Castro, Sada, A Coruña, 1999.
– DE LA PEÑA SANTOS, A.: Galicia. Prehistoria, castrexo e primeira romanización, A Nosa Terra, Vigo, 2003.
– QUINTÍA PEREIRA, R.: Monte das Croas. Antropoloxía dun castro, Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega Nº 5, 2016.
– Castro das Croas. Diario de escavación. (Dispoñible en YouTube).
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.